As 5 propostas da Xunta para paliar “situación crítica” do sector gandeiro

As 5 propostas da Xunta para paliar “situación crítica” do sector gandeiro

Galicia demanda a implicación do Estado para “actuar de xeito extraordinario, urxente e resolutivo co fin de frear canto antes a situación de venda a perdas xeneralizada que está poñendo en risco o sector primario español”. Así o trasladou hoxe en Madrid o conselleiro do Medio Rural, José González, antes de participar, esta tarde, na xuntanza do Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e á Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural. Esta reunión foi convocada, precisamente, a instancias do propio conselleiro -en conxunto con outros responsables autonómicos-, para abordar á maior brevidade a delicada situación dos sectores primarios en Galicia e no conxunto de España.

José González sinalou que acode a esta Conferencia para “traballar en común e de xeito construtivo coas diferentes administracións”, pero matizou que hai cuestións que teñen que ser decididas polo Goberno central e na Unión Europea, e a interlocución coas instancias comunitarias correspóndelle ao Estado. En todo caso, insistiu en ofrecer a colaboración e o apoio de Galicia, porque -advertiu- “pensamos que hai que trasladar unha imaxe de unidade”. Neste contexto, González referiuse a cinco bloques de medidas que propón Galicia e que “están tamén consensuadas e faladas coas restantes comunidades da Cornixa cantábrica”. Trátase de dotar de liquidez ás explotacións, de evitar o desabastecemento de cereal, de conseguir a suba dos prezos pagados en orixe aos gandeiros, de ampliar as superficies destinadas á plantación de cereais e de mellorar a situación dos agricultores e gandeiros en materia fiscal.

Entre as reclamacións expostas hoxe polo conselleiro salientan as destinadas a dotar de liquidez ao sector gandeiro. Así, José González demandou a creación dunha liña específica de liquidez co aval da Saeca (Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria) e coa subvención dos custos do aval. Esta liña, segundo explicou González, deberá cubrir o incremento dos custos de produción, territorializarse en función da localización das explotacións gandeiras e con condicións simplificadas de concesión para permitir o seu acceso á totalidade das explotacións que o requiran.

Nesta mesma liña, tamén se solicita a moratoria dun ano nas amortizacións de capital dos préstamos vivos a longo prazo concedidos ás explotacións gandeiras, así como a habilitación de axudas para o anticipo inmediato da PAC por parte das entidades financeiras, unhas achegas que se adoitan cobrar en outono. Outra medida sería a revisión do marco europeo das axudas de mínimis, para poder actuar de maneira puntual con axudas directas, de forma excepcional, sen a aplicación dos límites actualmente establecidos para o sector agrícola.

Importación de cereal

Por outra banda, para evitar o desabastecemento e o encarecemento do cereal, solicítase ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) que continúe na liña de facilitar a importación de cereais procedentes de países que actualmente contan con limitacións, xa sexan nacionais ou comunitarias. En relación con este asunto, o conselleiro saudou que o MAPA publicase este mesmo luns unha resolución pola que se flexibilizan temporalmente os requisitos específicos para a importación de millo de Arxentina e Brasil.

Outro paquete de medidas vai orientado a conseguir a suba dos prezos pagados en orixe aos gandeiros. Así, esíxese o cumprimento da obriga legal de evitar a destrución do valor na cadea alimentaria, de maneira que cada operador deba pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción. Neste sentido, solicítase que o Ministerio promova un gran acordo ou memorando de entendemento entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional que faga que distribución e industria habiliten os mecanismos necesarios para incrementar o prezo actual dos contratos de venda dos produtos gandeiros. Todo isto, cunha prima de emerxencia temporal que garanta a viabilidade e sustentabilidade económica do sector, cumprindo a obriga legal de evitar a destrución do valor na cadea alimentaria.

Tamén se demandan mecanismos específicos de control que garantan o cumprimento da prohibición de venda a perdas, especialmente nas relacións nas que interveñan os produtores primarios, e que o MAPA contribúa de xeito financeiro e técnico para que as comunidades autónomas poidan desempeñar adecuadamente as competencias de control que lles foron transferidas na modificación da Lei da cadea alimentaria.

Pídese, así mesmo, a admisión na normativa da cadea alimentaria dos informes de custos de produción emanados de observatorios ou organismos similares das comunidades autónomas como medio de proba válido para a acreditación dos custos de produción. E o mesmo co que se determine por medio de aplicacións ou plataformas informáticas especificamente deseñadas ao efecto por organismos públicos estatais ou autonómicos, como ocorre no caso galego coa Conta Láctea.

Outro grupo de medidas enfócanse á necesidade de flexibilizar a PAC para ampliar as superficies destinadas ao cultivo de cereais, de oleaxinosas e para a alimentación do gando. Son accións como a diversificación de cultivos, no sentido de flexibilizar as esixencias da UE sobre a sementeira de tres cultivos (rotación) para aqueles agricultores que teñan máis de 30 hectáreas de terreo, ou dous para os que declaren entre 10 e 30 hectáreas. Tamén, proponse non aplicar nesta campaña da PAC a obriga, para as explotacións de máis de 15 hectáreas, de dedicar o 5% desa extensión a superficies de interese ecolóxico. Por último, en materia fiscal reclámase a inmediata creación dun grupo de alto nivel entre o Ministerio e as autonomías encargado de elaborar unha batería de propostas que melloren a situación dos agricultores e gandeiros neste ámbito.

Folga de transportes

Sobre a folga de transportes, o conselleiro reiterou o respecto da Xunta ás reivindicacións deste sector, pero ao tempo apelou á “responsabilidade de todos” para que se cumpran os servizos mínimos, que no caso do sector primario pasan por subministrar materia prima para a alimentación dos animais, polo que se trata do seu sustento e do seu benestar. Nesta mesma liña, González reclamou que se garanta o abastecemento das explotacións e das fábricas de pensos, porque -explicou-, segundo lle trasladou a asociación que as agrupa e as cooperativas, esta mañá “houbo algunha dificultade” neste sentido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información