Arzúa celebra esta fin de semana a 51 edición da Festa do Queixo


A 51a edición da Festa do Queixo de Arzúa, celébrase dende este venres e durante a fin de ssemana cun amplo programa de actividades,  consolidándose como unha das citas gastronómicas e culturais máis relevantes de Galicia, tanto polos seus datos de participación como pola ambiciosa programación musical e cultural.

Este ano, por segundo ano consecutivo, a organización bateu récord de solicitudes no recinto feiral interior, acadando a ocupación máxima tanto na planta baixa —con 90 stands dedicados ás queixerías— como na zona gourmet do primeiro andar, que medra de maneira significativa respecto a edicións anteriores. En total, 77 queixerías admitidas, 9 convidadas da Ruta Europea do Queixo e 4 stands institucionais conforman un espazo que reflicte o dinamismo e a fortaleza do sector queixeiro.

No exterior, rexistráronse máis de 215 solicitudes de postos de alimentación, foodtrucks, artesanía e multisectorial, tamén a cifra máis alta da historia da festa, o que obrigará a ampliar o percorrido da feira incorporando novas rúas para dar resposta á elevada demanda mantendo os criterios de calidade e seguridade. A programación complétase ademais co mercado da Deputación da Coruña A paisaxe que sabe, con 24 stands adicionais dedicados ao produto de proximidade.

Unha das grandes novidades desta edición será o reforzo das actividades gastronómicas e técnicas, un ámbito no que a Festa do Queixo dá este ano un salto cualitativo e cuantitativo respecto a edicións anteriores. A programación inclúe seisshowcookings impulsados pola Deputación da Coruña, da man dos chefs Diego Mato e Iván Domínguez, con propostas creativas arredor do queixo Arzúa-Ulloa que achegan a alta cociña ao público xeral. A esta oferta súmase unha programación específica desenvolvida xunto a Estrella Galicia, coa participación de José Luís Martín, mestre queixeiro, afinador e director de Gourmet Quesos, que conducirá experiencias de afinados de queixo e maridaxes coas cervexas 1906, dirixidas tanto a profesionais como a persoas afeccionadas.

Ademais, a Festa do Queixo reforza a súa dimensión europea coa colaboración da Ruta Europea do Queixo, que achegará actividades como charlas con cata, concursos especializados e novas experiencias gastronómicas, entre as que destacan as maridaxes de queixo con sake, unha proposta innovadora que amplía horizontes e conecta tradición e vangarda.

Trátase de actividades con prazas limitadas e alta demanda, que sitúan a Festa do Queixo de Arzúa nun nivel técnico e profesional moi elevado, consolidándoa non só como unha
festa popular, senón tamén como un espazo de encontro e divulgación gastronómica de referencia.

Un dos grandes atractivos desta edición será o cartel musical, que combina nomes destacados da escena galega e estatal e reforza o carácter aberto, diverso e interxeracional da Festa do Queixo. 

O sábado 28 de febreiro subirán ao escenario artistas como Dorian, banda referente do indie e da electrónica estatal; Dakidarría, grupo galego cunha sólida traxectoria e forte compromiso social; Dulzaro, unha das grandes revelacións da música de raíz contemporánea; Cool Nenas, con pop electrónico e actitude urbana; e Dogo, completando unha xornada de concertos de acceso gratuíto. 

O domingo 1 de marzo, a música continuará con actuacións de Budiño, un dos grandes nomes da música galega contemporánea; Ialma, que celebra o seu 25 aniversario sobre oses cenarios; e MJ Pérez, veciña de Arzúa, que aproveitará a cita para presentar o seu novo disco nunha sesión vermú moi especial.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información