As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

A articulación dun sistema de apoio ó agro na nova PAC

A configuración de Sistemas de Información e Coñecemento Agrario (AKIS) é unha prioridade no novo período 2023-2027 da Política Agraria Común. Analizamos como se artellan en Galicia e en Portugal

O novo modelo de asesoramento que se quere promover desde a UE a través da Política Agraria Común para o período 2023-2027 vai máis alá do apoio tradicional desenvolto até o de agora. O novo rol que a PAC reserva para os técnicos externos implica un reforzamento do papel dos asesores agrarios nos procesos de innovación a nivel de granxa, así como na súa función de enlace entre a Administración e os produtores.
A nova PAC incorpora como obxectivo transversal o impulso dos AKIS (Sistemas de Información e Coñecemento Agrario, polas súas siglas en inglés). Europa valora que os AKIS teñen que ter un papel fundamental na modernización, innovación e dixitalización das zonas agrícolas e rurais.

En resumo, os AKIS son o conxunto de actores que participan na xeración e na transferencia do coñecemento no ámbito agrario.

Acceso a asesoramento independente
Para a Comisión Europea, unha das claves é que os produtores reciban asesoramento independente. “A PAC financia o asesoramento ás granxas, pero unha das condicións é que ten que ser a través de entidades independentes”, lembra Javier Iglesias, da organización Unións Agrarias.
“Hai asesoramento de moitos tipos pero o que se pretende apoiar é un tipo de asesoramento totalmente independente, porque unha cousa poden ser as empresas de insumos agrarios, que poden ter o seus obxectivos comerciais, que son lexítimos, e tratan de asesorar nese sentido, e outro o que se poida prestar desde organizacións agrarias como a nosa, ou desde outras entidades independentes”, explica Iglesias.

Os asesores son recoñecidos como actores especialmente importantes no enfoque estratéxico da nova PAC

En Galicia, parte dos servizos técnicos que reciben os produtores, sobre todo os ligados á alimentación do gando, á reprodución ou á produción agrícola, son realmente un servizo posvenda por parte das empresas e casas comerciais, co que se busca tanto un bo asesoramento ás explotacións como a súa fidelización comercial.

Máis limitados son os servizos de asesoramento independentes, con técnicos ou equipos multidisciplinarios cualificados, que poidan axudar dun xeito integral na toma de decisións nas granxas e explotacións agrícolas da comunidade.
Desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), o seu responsable de formación, Manuel Luaces, subliña que a idea da Administración é “apoiar ás Entidades de Aconsellamento con carácter independente e con vocación de asesoramento aos produtores sen ningunha directriz comercial”.

Asesoramento público
E cal é o papel do asesoramento público?. En Galicia, as oficinas agrarias comarcais, herdeiras das antigas oficinas de extensión agraria, adicáronse nos últimos anos principalmente a cuestións burocráticos, perdendo peso a súa función de asesoramento. De cara ó novo ciclo da PAC, a Xunta anuncia un novo enfoque para estes centros, espallados por todo o territorio, que serán rebautizados como oficinas rurais.
“Un dos enfoques que a Consellería do Medio Rural estableceu na nova PAC é reforzar o asesoramento de carácter público a través das oficinas comarcais, xa que son unidades da propia Consellería que están en contacto directo cos produtores e coas empresas”, avanza Manuel Luaces.

As antigas oficinas de extensión agraria fixeron no seu momento un gran labor de asesoramento que se quere reimpulsar

“Queremos ir da man do sector, para escoitalo e saber o que podemos facer por el. Buscamos a investigación aplicada e unha formación adaptada ás necesidades existentes e a crear novas oportunidades, afondando na diversificación das producións e apostando por novos cultivos que se poidan adaptar ás capacidades do territorio. Haberá fondos específicos para iso”, destaca Luaces.

En Portugal, o Goberno luso busca tamén a consolidación dunha rede pública de atención a agricultores e gandeiros. “No ámbito público, as funcións de aconsellamento son desempeñadas a través da rede de atención que o Ministerio de Agricultura ten por todo o país. Estes centros son o lugar onde os agricultores e gandeiros poden acudir para obter información sobre cuestións relativas á súa actividade. Esta rede de asesoramento público é unha ferramenta sumamente importante porque está dispersa por todo o país e ofrece un servizo de proximidade”, salienta Vanda Batista, directora rexional de Agricultura da zona centro de Portugal, que destaca o valor do asesoramento público polo seu carácter “transversal, gratuito e accesible”.

Combinación co asesoramento privado
En Galicia, no ámbito do asesoramento privado, a Consellería do Medio Rural conta actualmente con máis de 60 entidades inscritas no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento e Xestión de Galicia (RESAXEGA). Entre elas atópanse gran número de asociacións de produtores e cooperativas, ademais de empresas e técnicos independentes.

Na nova PAC, estes asesores pasan a ocupar un papel importante no sistema AKIS como axentes próximos aos produtores e, polo tanto, son claves na transferencia de coñecemento. “Somos a correa de transmisión entre os produtores, a investigación agraria e a educación e formación”, salienta Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, que destaca as funcións dos técnicos privados en áreas como a xestión técnico-económica das explotacións, o cumprimento da condicionalidade da PAC, a innovación e dixitalización das granxas, as prácticas de bioseguridade e redución no uso de antibióticos, a xestión do ciclo de nutrintes e fertilización sostible ou o control integrado de pragas e uso de fitosanitarios. Tamén no apoio e acompañamento na incorporación de mozos e mozas á actividade.

En Portugal, igual que no caso galego, a rede pública de información aos agricultores e gandeiros compleméntase fundamentalmente co asesoramento das asociacións sectoriais existentes, así como doutras entidades e empresas: “Á par dos funcionarios do Ministerio de Agricultura, os técnicos das organizacións de produtores acaban sendo os axentes no territorio que conseguen dar a información que os agricultores e gandeiros precisan para conseguir valorizar cada vez máis as súas explotacións”, explica a directora de Agricultura da rexión Centro.

Maior coordinación
Un dos desafíos que marca a nova Política Agraria Comunitaria para o período 2023-2027 é o de mellorar a coordinación entre os diferentes axentes e niveis, incluíndo o institucional.

“É certo que a formación e a transmisión do coñecemento ata agora estivo moi fragmentada e houbo unha coordinación débil entre os distintos axentes”, recoñece o responsable de formación da AGACAL, que no relativo ao asesoramento de carácter público apunta a necesidade de “fortalecer os equipos humanos para poder dar máis cobertura ao sector”.

“O asesoramento público, centrado nas oficinas agrarias comarcais, debería contar cun equipo multidisciplinar con formación específica e entre as súas funcións, debería estar coordinar a formación continua dos gandeiros e agricultores da comarca e dos técnicos e asesores privados que traballan na zona, supervisando a súa formación e o labor que desempeñan nas granxas”, valoran desde a Asociación de Asesores Rurais de Galicia, que defende a implantación dun modelo público-privado de asesoramento, cunha unidade de coordinación e dinamización que organice e planifique os recursos e actividades dos dous estamentos.

“Non é tan importante o rol dos diferentes actores, senón asegurar os fluxos de información e coñecemento entre eles. Cando se trata de innovación, a cooperación e a interacción son elementos clave”, asegura Elena Piñeiro.

Desde a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Luaces amósase igualmente favorable á coordinación. “Vaise facer un esforzo para integrar a todos os centros que xeran coñecemento, sexan públicos ou privados, e a todas as entidades, empresas e asociacións que fan asesoramento. Imos tratar de que todos os elos da cadea estean representados, incluída a industria de transformación, e que haxa unha formación de alto nivel en todos eles”, destaca Manuel.

“Desde unha filosofía ampla, de sistema de coñecemento global, trátase de que os produtores estean sempre acompañados por centros de competencia, incluíndo tamén os servizos de asesoramento e apoio de empresas e entidades que poidan aportar coñecemento”, indica o responsable de formación da AGACAL.

O mesmo obxectivo de traballo en rede perséguese en Portugal. “A actual PAC incluíu no seu diagnóstico a existencia dun sistema AKIS pouco articulado e descoordinado, así como a ausencia dun sistema integral de información e seguimento a nivel nacional. Por iso, a estratexia deseñada para Portugal incidiu sobre todo en corrixir este punto fraco”, subliña a directora de Agricultura na rexión Centro, Vanda Batista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *