
Algúns dos produtos amparados polo selo de calidade Artesanía Alimentaria de Galicia. Foto: Cedida
O selo de calidade de Artesanía Alimentaria continúa medrando dende a súa posta en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, no ano 2020, e xa suma preto de 100 empresas galegas operadoras.
Os obxectivos cos que se puxo en marcha esta marca de calidade diferenciada foron a procura dun sector estruturado en concordancia cos requisitos establecidos pola Unión Europea; a protección do bo facer dos artesáns, defendendo a súa profesión ante etiquetaxes enganosas; e a conservación e preservación das elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega.
Actualmente estanse a tramitar solicitudes para incorporar novos operadores á lista de empresas certificadas, ligadas a unha das 16 normas técnicas aprobadas para a produción e elaboración destes produtos. Os artesáns encádranse nalgunha destas normas técnicas que se foron aprobando desde a creación deste selo de calidade diferenciada.
En concreto, están vixentes 16 normas técnicas: a dos derivados lácteos, a dos derivados cárnicos; a de derivados da pesca, da acuicultura e do marisqueo; a da elaboración de viños e produtos vitivinícolas; a da elaboración de licores, augardentes e outras bebidas espirituosas; así como a da elaboración de sidra e vinagre de sidra ou de cervexa.
Tamén hai que ter en conta outras normas como a elaboración de conservas vexetais, zumes e marmeladas ou a doutros produtos transformados de orixe vexetal; a manipulación e elaboración de mel, produtos apícolas e produtos preparados con mel; a elaboración de produtos de panadaría, confeitaría e pastelaría, e de pastas alimenticias; pero tamén a elaboración de fariñas; de chocolate e derivados do cacao; a manipulación de produtos vexetais para infusión de uso en alimentación e como condimento; de aceite de oliva e de conservas e derivados da helicicultura.
Ademais, Artesanía Alimentaria dispón dunha páxina web na que se poden consultar os operadores adheridos a este distintivo, así como obter máis información sobre o mesmo.
Elaboracións tradicionais de gran calidade
Galicia conta cunha gran tradición na elaboración de produtos alimentarios artesanais de gran calidade, que forman parte da súa cultura popular e que gozan dun alto aprecio entre as persoas consumidoras. A elaboración destes produtos contribúe non só a engrandecer a riqueza cultural de Galicia senón á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural e tamén do litoral.
A Xunta persegue, tanto co selo de Artesanía Alimentaria como coas accións de promoción do mesmo, establecer medidas para a conservación da tradición alimentaria galega e para a súa protección fronte á estandarización derivada das formas modernas de produción. Deste xeito, a súa regularización debe contemplar a súa vinculación á produción de materias primas de calidade, a estruturas produtivas tradicionais, ao medio rural e litoral e á súa forma de vida e cultura ancestrais, á calidade dos produtos e á protección do medio natural, entre outros factores específicos.
Isto permite promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, ao mesmo tempo que facilita a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor das producións locais, contribuíndo a ficar poboación no rural e no litoral. Ademais, búscase a potenciación dos circuítos curtos de comercialización co contacto directo entre os produtores e os consumidores.