Arrinca a semana do Ribeiro na cidade de Ourense con catas guiadas, tunel do viño e a gala de premios da Denominación de Orixe

A Taberna de Ourense (servizo de viño en restaurante), A Vivariense de Viveiro (tenda especializada-vinoteca) e Jaleo da Coruña (taberna-bar de viños) incorpóranse á lista de premiados desta edición

Publicidade
Presentación este luns das actividades que acollerá a cidade de Ourense

Presentación este lunes de las actividades que acogerá la ciudad de Ourense durante toda esta semana

Ourense foi a cidade elixida este ano polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro para a celebración do X aniversario dos seus premios, conmemoración que se traducirá nunha semana de actividades en torno ao viño, presentadas este luns polo presidente da entidade, Juan Manuel Casares Gándara, que estivo acompañado por César Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Armando Ojea Bouzo, tenente alcalde do Concello de Ourense, e Rubén Saavedra Pedreira, director territorial de ABANCA en Ourense, en representación das institucións colaboradoras.

O presidente da D.O. explicou a elección de Ourense como escenario da celebración polo seu carácter de “cidade estratéxica para o Ribeiro” e a súa intención de “fortalecer lazos entre eles” xa que “o Ribeiro é Ourense, e Ourense é o Ribeiro”. Ademais, Juan Casares aproveitou a súa intervención para dar a coñecer tres novos premios que se entregarán na gala do día 25, cos que a Denominación de Orixe Ribeiro quere, ano tras ano, recoñecer o labor das persoas, entidades e lugares que fan da difusión do mundo do viño o seu sinal de identidade.

A Denominación de Orixe quere fortalecer os lazos de unión entre a cidade das Burgas e a comarca do Ribeiro

Así, nesta edición os premios Mellor servizo de viño en restaurante será para A Taberna (Ourense); o de Mellor tenda especializada-vinoteca para A Vivariense (Viveiro), e o de Mellor taberna-bar de viños para Jaleo (A Coruña). Estes galardóns súmanse aos que recibirán Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España, que será recoñecido co Premio Persoeiro de Honra; a enóloga Almudena Alberca, primeira muller Master of Wine española e directora técnica de Entrecanales Domecq e Hijos, Premio Muller e Viño; a colleiteira Xulia Bande, Premio Vida entre Vides; o xornal dixital Campo Galego, Mellor labor de Comunicación, e a película Cuñados, Premio Ribeiro en Nós. Ademais, na gala coñeceranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro, pertencentes á D.O. Ribeiro.

Unha semana de actividades

Con motivo do décimo aniversario da celebración dos Premios D.O. Ribeiro, que estrean nova imaxe e segunda cidade en itinerancia, o Consello Regulador puxo en marcha un completo programa de actividades, que se desenvolverá en Ourense ata o vindeiro venres, día 26, e entre as que se atopan un completo túnel dos viños da D.O. Ribeiro (zona de cata libre previa reserva en ataquilla.com), cun total de 54 viños brancos e tintos de diferentes adegas e colleitas, dirixido a profesionais da hostalería, restauración e distribución, así como e amantes do mundo do viño.

Esta actividade celebrarase no Centro Cultural Ánxel Valente (antigo Banco de España) na rúado Paseo, 20, o martes e mércores de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas e xoves e venres unicamente en horario de mañá.

Outro dos eixos do programa serán tres catas guiadas a cargo de expertos no sector. A primeira, celebrada o luns, xirou ao redor de catro brancos elaborados con Treixadura como variedade principal e dous tostados, impartida por Eduardo Camiña, gañador do Concurso Galego de Catadores 2019 e exsumiller de Mugaritz, mentres que este martes día 23 presentaranse os viños tintos de variedades preferentes da man do catador Jacobo Mouteira, da vinoteca ourensá Sybaris 2.0.

Pechará o ciclo o mércores 24 a afamada Master of Wine Amudena Alberca, cunha cata especial de viños da D.O. Ribeiro elaborados por mulleres, na que participarán catro grandes adegueiras que presentarán os seus viños e proxectos. As catas terán lugar en diferentes salas do Centro Cultural Marcos Valcárcel (antigo edificio Simeón) na rúado Progreso 30, a partir das 20.00 horas.

Mellores viños brancos e tintos

O prato forte da semana será a X Gala dos Premios D.O. Ribeiro, guiada polo actor e monologuista Federico Pérez e a xornalista Montse Estévez. Durante o evento, con aforo para 347 persoas e estrito protocolo de seguridade sanitaria, contará cun photocall, unha actuación musical e a realización dun mural en directo. A gala finalizará cun viño institucional do Consello Regulador, Fillas D.O. Ribeiro 2020. Será o día 25, ás 19.00 horas, no Auditorio de Ourense.

 Na gala coñeceranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro, pertencentes á D.O. Ribeiro

O broche de ouro da Semana será a presentación dos catro viños gañadores dos Premios (dous brancos e dous tintos, de adega e de colleiteiro), harmonizados cunha esmerada selección de diferentes elaboracións de cociña asiática, que se gozarán con música en vivo, nun evento que reunirá a influencers e medios de comunicación especializados. 

Por outra banda e como actividades complementarias, ao longo da semana levaránse a cabo escenas teatralizadas na rúa con actores da asociación cultural Platea Lúa por diferentes localizacións, así como unha acción especial en Instagram co nome de usuario @peixes_ do_ ribeiro: Os #peixesdoribeiro estarán repartidos por diferentes localizacións das rúas da cidade e toda persoa que as atope durante esta semana obterá un agasallo o día 26, ás 13.00 horas, no Centro Cultural Ánxel Valente (Rúa do Paseo, 20), onde poderán levar de obsequio packs de merchandising, libros sobre viticultura e enoloxía ou botellas de viño, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información