Arrinca en Chantada o proxecto “Localidade” de dinamización local

A iniciativa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo busca “implicar á poboación local no desenvolvemento económico e social do territorio en base aos recursos endóxenos”.

Arrinca en Chantada o proxecto “Localidade” de dinamización local

Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo.

Cunha reunión cos axentes sociais e o tecido asociativo ven de arrincar en Chantada o proxecto ‘Localidade’, un programa piloto de intervención no medio rural da provincia de Lugo cuxo obxectivo principal é o desenvolvemento local dun xeito sustentable. O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta proposta a asociacións e colectivos participantes no transcurso dunha xuntanza celebrada no Telecentro de Chantada.

A primeira fase deste novidoso proxecto posto en marcha pola Vicepresidencia da Deputación, que busca implicar á poboación local e ás distintas asociacións no desenvolvemento do concello, levarase a cabo mediante mesas de traballo nas que participarán veciños e asociacións.

“O fin último deste proxecto é contribuír ao desenvolvemento da actividade local e a potenciación dos colectivos asociativos do eido rural da provincia para, deste xeito, axudar ao desenvolvemento social e económico no eido rural”, explicou Antonio Veiga. A Vicepresidencia da Deputación, impulsora do proxecto, parte da concepción do medio rural como “un espazo de oportunidades e posibilidades con escaso aproveitamento das mesmas actualmente” e pretende artellar unha proposta de desenvolvemento endóxeno “desde a participación cidadá a través dos colectivos e asociacións existentes nos municipios nos que se intervén”.

Proceso

Os resultados desta primeira fase serán unha Radiografía da Estrutura Social e Económica (situación da realidade sociodemográfica do municipio), un Mapa Asociativo (situación da realidade do tecido asociativo do concello)  e un Catálogo de Recursos (potencialidades existentes na actualidade no municipio, tanto de iniciativa pública como privada).

O proxecto ‘Localidade’ busca aproveitar ao máximo os recursos endóxenos de cada un dos municipios e consta de farias fases:
1.    Diagnose e análise da realidade municipal.
Consistente en detectar as necesidades e demandas tanto dos colectivos asociativos como do territorio, grazas ao contacto e o traballo conxunto con todas as asociacións e colectivos.  Poderase coñecer de primeira man a situación, problemáticas, actividades, demandas e necesidades que ten cada asociación, así como o territorio no que actúan para poder elaborarase un mapa de recursos endóxenos e de potencialidades cos que conta esa localidade para o seu desenvolvemento.
2.    Propostas.
Consiste na elaboración dun Plan de Actuación para o desenvolvemento municipal en base aos recursos endóxenos existentes.
3.    Execución
Consiste na posta en marcha das actuacións e proxectos propostos. Esta fase levarase a cabo grazas á colaboración do Concello e a Deputación.

Participación cidadá

Fomentar e potenciar a participación cidadá na toma de decisións e a corresponsabilidade da poboación no desenvolvemento municipal será un dos piares deste proxecto, que ten unha primeira fase de traballo de campo con entrevistas, mesas de traballo e a análise da situación de partida para nunha segunda fase establecer un catálogo de recursos potenciais para o desenvolvemento endóxeno e sustentable da localidade e o deseño e posta en marcha dun plan de actuacións.

“Tal e como o seu propio nome indica, este é un proxecto que tratará de axudar, de promover, de incentivar, de colaborar coa dinamización dos concellos rurais da provincia de Lugo, buscando a calidade de servizos a nivel local tendo sempre presente e como pedra angular aos diferentes colectivos asociativos que existan en cada un dos municipios”, explica o vicepresidente da Deputación.

“A través das asociacions coñeceremos de primeira man á realidade de cada un dos concellos nos que se intervén así como as demandas e necesidades que os colectivos asociativos nos indiquen para axudar a mellorar a dinamización social e económica do concello”, relata Antonio Veiga, que explica que este proxecto piloto arrincará simultaneamente en tres concellos da provincia: Chantada, Mondoñedo e Guitiriz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información