Arrinca Abanca Cimag-GandAgro con 392 firmas expositores de 24 países e un amplo programa de actividades

Arrinca Abanca Cimag-GandAgro con 392 firmas expositores de 24 países e un amplo programa de actividades

Pavillón principal de Cimag Gandagro

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017, abriu hoxe as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA coa presenza de 392 firmas expositoras de 24 países, das cales 166 son expositores directos de oito países (Alemaña, España, Francia, Irlanda, Israel, Italia, Portugal e Reino Unido) e 226 son marcas representadas.

En canto aos expositores directos, proceden de dous países máis que na pasada edición, o que supón un 33% máis de países presentes. A nivel nacional estas empresas son de 13 Comunidades Autónomas, un 30% máis que na anterior convocatoria. Así pois, a feira, que se prolongará ata o sábado, reflicte tanto unha expansión a nivel nacional en canto á procedencia dos expositores como un paso cara adiante na súa internacionalización.

Estes expositores, entre os que se atopan moitas das empresas máis importantes do sector a nivel nacional e internacional, ocuparán os dous pavillóns principais do recinto, aos que se suman no paseo central unha carpa e unha área expositiva exterior. A superficie bruta da exposición será de máis de 23.200 metros cadrados e a neta de 9.965 metros cadrados.

Unha ampla oferta de produtos e servizos para a agricultura e a gandería

Esta segunda edición da feira ofrecerá aos visitantes unha gran diversidade de produtos e servizos, de, entre outros ámbitos, sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética e animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e post-recolección, de preparación de chan e tamén de sementa e abonado, ademais de compoñentes e accesorios.

En canto ás actividades do certame, contará con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector.

Un programa con máis de 40 propostas

Respecto das xornadas técnicas, no seu marco celebraranse máis de 20 conferencias. Así, acollerá o XXI Monográfico de Gando Porcino, no cal se abordarán, entre outros aspectos, a prevención de problemas entéricos como consecuencia da restrición do uso de antibióticos en penso; e tamén a VII Xornada Técnica para responsables de Calidade dos Operadores e Fábricas de Pensos de gmp.Galis, en cuxo marco se debullarán distintos temas sobre seguridade na alimentación animal.

Unirase a elas unha xornada centrada na xestión sustentable de xurros, ocupando unha das súas conferencias un novo sistema de extracción do xurro que aumenta a produción de carne reducindo os custos e emisións contaminantes; e outra sobre o sector cunícola, que ofrecerá distintos aspectos do uso de antibióticos. Ademais, celebraranse outras en cuxas conferencias ou talleres expoñeranse as tendencias de climatización en granxas avícolas, a dixitalización no sector agroalimentario, as abonadoras de proxección ou o manexo do ensilado, entre moitos outros temas.

Os concursos tamén terán un papel importante dentro da feira, celebrándose os morfolóxicos XXXIV Open Internacional e XXVI Autonómico da Raza Frisoa, nos cales participarán 172 exemplares de alta xenética de Galicia, Cantabria e Portugal; o X de Preparadores de Gando e o XXXIII de Mozos Manexadores. Así mesmo, levarán a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas, ao cal concorren 21 novidades.

Ademais, realizaranse demostracións todos os días, como as de plástico de encintado profesional ou as de máquinas cargadoras e manipuladores telescópicos. Sumaranse a elas exposicións, como a da raza Loura Galega e a das Razas Autóctonas Galegas en Perigo de Extinción. Estas últimas serán ademais protagonistas dunha degustación a base de carne, embutidos e produtos dalgunhas das razas.

Exposición e programa conformarán así un espazo de negocio, innovación e coñecemento no que a formación tamén conta con gran peso, co obxectivo de aproveitar as sinerxias formativas que xera o certame. Así, un programa de visitas de 200 alumnos de distintos centros de formación profesional relacionados co sector permitirá tanto aos futuros profesionais como aos seus profesores coñecer de primeira man as novidades e perspectivas do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información