Contrarreloxo para obter o carné de fitosanitarios

Arredor de 14.000 galegos acudiron xa este ano ós cursos que permiten obter a acreditación, necesaria desde o pasado 26 de novembro para mercar plaguicidas de uso profesional. A Xunta advirte de que a formación debe ser impartida por entidades autorizadas

Publicidade
Publicidade
Contrarreloxo para obter o carné de fitosanitarios

Os produtores deben dispoñer do carné para a adquisición e aplicación de plaguicidas.

A demanda de cursos para a obtención do carné de produtos fitosanitarios disparouse nos últimos meses. A obrigatoriedade de dispoñer do carné para adquirir fitosanitarios de uso profesional levou ás aulas a arredor de 14.000 galegos no que vai de ano. Desde o pasado 26 de novembro, a presentación do carné é un requisito ineludible en todas as comerciais agrícolas para a retirada de pesticidas.

Coa chegada da primavera, tradicional época de uso dos fitosanitarios, a necesidade do carné faise máis urxente. Tanto Medio Rural como as entidades que colaboran coa Consellería na formación programaron xa máis de 600 cursos para os primeiros catro meses do ano, segundo os datos da Xunta. En concreto, a Administración ofertou 368 cursos para unhas 8.000 persoas e as entidades colaboradoras 291 para unhas 6.000 persoas.

O director xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, que compareceu na comisión de Agricultura do Parlamento para informar sobre a situación dos carnés en Galicia, advertiu sobre a necesidade de realizar a formación ben coa Xunta, ben con entidades autorizadas. “Detectamos empresas que ofertaban cursos de formación en Galicia sen estar autorizadas para iso. Nos casos en que sexa preciso, trasladaremos esta situación a instancias xudiciais”, sinalou Fernández Couto.

Formación polémica en León
En relación ós cursos de fin de semana que se estiveron impartindo en entidades de León para produtores galegos, Fernández Couto explicou a situación. “Cando unha persoa realiza a formación noutra comunidade autónoma, a entidade correspondente expide unha acreditación que se debe presentar ante a Xunta. Con esa acreditación, estamos obrigados en principio a expedir os carnés”.

En todo caso, o director xeral trasladou tamén a súa inquietude polas investigacións policiais en torno á formación impartida en León, pois houbo denuncias de irregularidades nos cursos e nos exames realizados en academias de León, como por exemplo que se lles facilitase ós alumnos as respostas do exame.

“Temos un número importante de acreditacións expedidas en León, pero en tanto das investigacións policiais non se deriven outras actuacións, temos a obriga de expedir eses carnés”, concluiu Fernández Couto.

Valoracións
O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, que inqueriu a Fernández Couto pola situación dos carnés na comisión de Agricultura do Parlamento, interpreta que a validez dos carnés obtidos en León dependerá das investigacións. “Se se demostran prácticas ilícitas, quedarán anulados eses carnés”, valora.

Desde Alternativa Galega de Esquerda entenden que o desprazamento de produtores galegos a León para obter o carné se debeu a unha mala planificación da formación por parte da Xunta. “Se a xente tivese en Galicia unha solución non se tería ido ó Bierzo”, criticou Sánchez.

Medio Rural, pola súa banda, sostén que no 2015 quedaron 40 cursos sen realizar en Galicia por falta de demanda. A Consellería tamén lembra que hai 170 produtos de uso non profesional que pode mercar calquera persoa sen necesidade do carné de fitosanitarios. A Xunta editará unha publicación informativa sobre estes produtos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información