Arranca a vendima en Galicia, marcada polas altas temperaturas e a seca

A falta de chuvias está a deixar un importante estrés hídrico en boa parte dos viñedos galegos, pero permite que se atopen nun excelente estado sanitario. Agárdanse rendementos semellantes ós da campaña pasada ou minimamente inferiores debido á seca e a xeadas tardías

Publicidade
Arranca a vendima en Galicia, marcada polas altas temperaturas e a seca

Traballos de recollida da uva este martes na adega Godeval, da DO Valdeorras.

A vendima arranca en Galicia en Valdeorras, na adega Godeval, que este martes recolleu as primeiras uvas. Hoxe seguiralle outra adega desta mesma Denominación de Orixe, Valdesil, e nos próximos días iranse sumando máis adegas desta DO. Contra final de mes agárdase que se recollan predios puntuais, coas variedades máis temperás, en tódalas demarcacións vitivinícolas de Galicia. Porén, no resto de Denominacións de Orixe a vendima agárdase que comece de xeito xeral nas primeiras semanas de setembro.

Aínda que se aprecia certo adianto na data de inicio da vendima en toda Galicia, non está a ser tan acusado como facían temer as altas temperaturas rexistradas durante todo este verán, logo dun inverno e primavera xa moi secos.

O tempo solleiro e as escasas chuvias desta campaña permitiron que o viñedo se atope nun estado sanitario excelente, sen a penas sufrir pragas habituais e con alta incidencia en Galicia, coma o mildio.

A seca tamén pode condicionar a produción de uva que se recollerá este ano. Os viticultores aínda miran ó ceo agardando chuvieiras nestes últimos días antes da vendima que alivien o estrés hídrico que están sufrindo as cepas, á espera de que non se vexa afectado o peso da uva, como xa ocorreu na colleita do 2020.

Facemos un repaso polas diferentes denominacións de orixe para coñecer as previsións que manexan nos diferentes consellos reguladores:

VALDEORRAS

Como vén sendo habitual nos últimos anos, o punto de arranque da vendima en Galicia márcao esta Denominación de Orixe. É unha vendima que chega en datas similares ás dos últimos anos. “Falábase de que se ía adiantar polas vagas de calor, pero estamos comezando só tres días antes do que se fixo o ano pasado. A vide con máis de 40 graos e falta de auga sufre un peche estomático e tampouco traballa. O positivo é que a maduración non está a ser acelerada nin concentrada”, explica Santiago Pérez, técnico do consello regulador.

A planta atópase nun estado sanitario moi bo e os únicos problemas viñeron polas altas temperaturas e algunhas xeadas tardías que se rexistraron na primavera e que poden ocasionar perdas na cantidade de uva recollida nalgunhas parcelas. “Foi un ano cálido no que apenas houbo incidencia de enfermidades, e os maiores problemas foron por insolacións da planta”, apunta. O persoal técnico do Consello Regulador nas súas revisións constataba que as primeiras uvas recollidas contaban con 12,5 de grao alcohólico probable e 6 puntos de acidez.

Prevén unha colleita en cifras semellantes ás do ano pasado, cando se superaron os 7 millóns de quilos de uva, aínda que pode ser algo máis reducida debido ás perdas derivadas das altas temperaturas ou as xeadas. “Hai algunhas adegas que en parcelas concretas poden ter perdas de entre un 5 e un 10%”, sinala Pérez.

Godeval, os primeiros de Galicia

Para a adega Godeval esta é a vendima máis temperá da súa historia, superando á do ano 2020, na que comezaran a recollida das uvas o 24 de agosto. Os vendimadores iniciaron os traballos na finca Pancho, situada no Barco, e está previsto que nos próximos 10 días recollan preto de 160.000 quilos de uva en 27 hectáreas de viñedo propio de Godello.
“Chegamos ó momento da colleita cunha uva moi sa, de gran pequeno e apretado, con menos mosto no seu interior, pero máis concentrado e cunha produción por hectárea inferior ó habitual. Agardamos que esta sexa unha colleita moi peculiar e diferente, aínda así cuns parámetros de acidez e graduación alcohólica propios desta variedade”, explican dende a adega.

RÍAS BAIXAS

No informe sobre as previsións da vendima presentado ó pleno do Consello Regulador de Rías Baixas, cos datos recollidos ata finais de xuño, facían prever unha colleita duns 41,3 millóns de quilos de uva, aínda que as vagas de calor, os ventos do nordés e a falta de chuvias destes dous últimos meses poderían alterar o ciclo do viñedo e reducir a colleita.

“A produción prevista para esta campaña débese en boa parte ó incremento de 114 hectáreas no 2022 e a unha taxa de brotación do 87,3%”, segundo recolle o informe técnico. Na actualidade, a Denominación de Orixe abarca 4.298 hectáreas, repartidas en 22.808 parcelas nas que traballan 5.033 viticultores.

En canto á data do inicio da vendima, estímase que se faga nos primeiros 10 días de setembro.

Segundo as estimacións que manexan dende o Consello Regulador, as existencias de viño nas adegas adscritas á DO antes da vendima sitúanse nos 5 millóns de litros. “Estas cifras amosan a boa campaña de vendas que están tendo os viños de Rías Baixas no mercado nacional e internacional”, valoran dende o Consello Regulador.

RIBEIRO

No Ribeiro, aínda que algunhas viñas de variedades coma o Godello se poidan vendimar xa a finais de mes, a vendima agárdase que se leve a cabo nas primeiras semanas de setembro, comezando de xeito maioritario entre o día 8 e o 10 de setembro. O Consello Regulador emitiu o seu prego de condicións para a vendima no pleno do pasado 19 de agosto e as adegas adscritas poden realizar xa a recollida da uva. Se as previsións se manteñen, e a vendima comeza nesas datas, realizaríase case cunha semana de adianto con respecto doutros anos.

Os viñedos, coma no resto de Galicia, atópanse nun excelente estado sanitario. Nesta demarcación tiveron danos puntuais de black rot e mildio larvado nalgunhas parcelas. O maior problema das cepas está sendo a seca e o importante estrés hídrico que acusan as plantas. “Necesitabamos que caese un pouco de agua para que a cepa se recuperase e non tirase dos propios vagos para dispoñer de agua e non aconteza coma no 2020, cando había moitos acios, pero pesaban menos do agardado”, apunta Juan Casares, presidente do Consello Regulador do Ribeiro.

Controis e estimación de rendementos nos viñedos

Nos últimos anos, no Ribeiro estase impulsando un maior control dos viñedos, previo á vendima. Así, fronte ás 7 inspeccións que se realizaran prevendima no 2017, dende o 2018 fanse de media unhas 200 inspeccións en explotacións ó ano. “Isto sérvenos para o control en si dos viñedos, para seguir nun proceso de actualización do rexistro vitivinícola, que mesmo está a servir como modelo para a Consellería de Medio Rural, e para facer estimacións de rendementos”, explican dende o Consello Regulador.

Estas estimacións de rendementos permiten ter información sobre como evolucionan as diferentes variedades para determinar, entre outras cuestións, se están dentro de prego. Este tipo de procedementos están institucionalizados dende o 2019. A pesar de que este ano a Asociación de Vitivinicultura Artesanal solicitara que se conxelaran os rendementos permitidos, acordouse un aumento na variedade Palomino nos marcos de plantación tradicional (1×1) en parcelas de pequeno tamaño, de ata 900 metros cadrados. “Dentro desas estimacións de rendemento, o consello regulador tivo en conta os marcos de plantación antigos, tradicionais, ós que lle había que proporcionar unha solución. Só se fixo neses casos e nesa variedade, xa que era a única na que as estimacións apuntaban que podería haber un problema”, concreta Casares.

A toma desta decisión, baseada en informes e criterios técnicos, tamén atende a dúas tesituras ás que está facendo fronte o Ribeiro. Por unha banda, témese que o incremento das vendas de viño do Ribeiro que se está rexistrando poida verse limitado pola diminución da base territorial. “O aumento da base territorial dentro do territorio da D.O é un dos obxectivos fundamentais, xunto co de converter o Ribeiro nun destino de calidade”, apunta. Por outra banda, outro condicionante é a presenza aínda de viñedos nun marco de plantación tradicional, de 1×1, fronte ós máis modernos de 2×1. “Mentres non vaian desaparecendo, a estes modelos tradicionais tamén temos que buscarlle unha solución, xa que teñen unha produción maior”, xustifica Casares.

RIBEIRA SACRA

Nesta denominación de orixe agárdase que a finais deste mes algunha adega comece a colleita de variedades máis temperás en determinadas parcelas, pero polo momento é aínda cedo para a maioría delas.

As vagas de calor afectaron sobre todo ás variedades brancas, que apenas representan o 8% da uva que se produce na Ribeira Sacra. As variedades tintas, con maior resistencia á calor e as treboadas que se rexistraron esporadicamente ó longo do verán fan prever que a cantidade de uva que se recolla sexa moi semellante á doutros anos.

“Esperamos situarnos de novo arredor dos 6 millóns de quilos de uva. Agardamos que na recta final da campaña non se produzan treboadas que poidan botar por terra o traballo de todos estes meses e consigamos realizar a vendima en boas condicións”, valora José Manuel Rodríguez, presidente da DO Ribeira Sacra.

A D.O. Ribeira Sacra anunciou hoxe en nota de prensa que xa está a executar os controis de maduración pre-vendima. O pasado ano marcárase como data oficial de inicio da vendima o 15 de setembro, se ben houbera adegas que xa a finais de agosto colleitaron a variedade godello.

MONTERREI

Na DO Monterrei, aínda que inicialmente se prevía que a vendima puidera comezar a finais deste mes, o máis probable é que se demore ata setembro e só se realicen vendimas moi puntuais. Con todo, no Consello Regulador aínda non tiveron ningunha notificación por parte das adegas para realizar os traballos.

As viñas están a sufrir un importante estrés hídrico, polo que habería necesidade de chuvieiras nos próximos días que poidan axudar na maduración.

As estimacións iniciais apuntan a que se poden recoller uns 6 millóns de quilos de uva e situarse en cifras parellas ás do ano pasado. “As condicións climáticas son cada vez máis extremas e non permiten facer moitas previsións porque se dan importantes flutuacións”, apuntan dende o Consello Regulador.

Denunciar irregularidades na vendima

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de habilitar un teléfono de cooperación cidadá para denunciar anonimamente irregularidades no marco do Plan de Control da Vendima deste ano, que se pon en marcha por cuarto ano consecutivo.

Tanto os cidadáns como os profesionais do sector poderán denunciar de xeito anónimo no teléfono 988 517 302. As denuncias recibidas clasificaranse segundo a súa tipoloxía, como pode ser a entrada de uva foránea en parcela ou adega, o transporte tanto de uva como de mosto foráneo, a compra destes mesmos ou de variedades non permitidas ou a falsificación de declaracións ou etiquetado nas adegas, entre outros.

Os controis realizaranse por un equipo integrado por inspectores de campo e técnicos. O programa púxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores

Con este Plan de Control da Vendima a Xunta busca evitar situacións fraudulentas que se poidan producir, desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe, asegurando e preservando a calidade dos seus viños. Dentro das accións enmarcadas neste plan, xa deu comezo o control de parcelas, transporte e de rendementos e iniciarase a parte específica da vendima cando esta dea comezo de xeito efectivo.

Para o control, a Xunta conta cun equipo -idéntico ás últimas campañas- formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programa púxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe.

Os controis na vendima pasada

No ano 2021, os inspectores realizaron o control sobre 4.705 parcelas, que corresponden a un total de 446 viticultores, así como a 116 adegas das diferentes denominacións. Este ano teñen previsto realizar inspeccións a viticultores, adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información