Arranca o proceso para declarar na Limia unha Zona Vulnerable a Nitratos

Medio Rural mantivo hoxe unha reunión con nove alcaldes da comarca para explicarlles a tramitación da medida, que limitará o abonado das terras agrarias a 170 Kg. de nitróxeno por hectárea e ano

Arranca o proceso para declarar na Limia unha Zona Vulnerable a Nitratos

Reunión da Xunta hoxe cos alcaldes da comarca da Limia.

A Xunta organizou hoxe un primeiro encontro cos alcaldes da Limia na súa delegación de Ourense para informalos sobre o inicio do proceso para declarar unha Zona Vulnerable ós Nitratos (ZVN) na Limia. Na reunión participaron o director xeral de Gandería, José Balseiros, xunto co delegado da Xunta en Ourense e un representante de Presidencia, para expoñerlle a situación a nove alcaldes da comarca (Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Trasmiras, Sandiás, Sarreaus, Xunqueira de Ambía, Os Blancos, Rairiz de Veiga e A Porqueira).

A declaración dunha Zona Vulnerable ós Nitratos (ZVN) na Limia espérase desde hai anos, dados os problemas de exceso de nitratos que se viñan detectando en puntos de control das augas subterráneas e superficiais da comarca. Xa no 2017 Augas de Galicia avanzara que estaba prevista a declaración en Galicia de ZVN, se ben tal decisión foise retrasando e agora porase en marcha ao borde da data límite para evitar sancións europeas.

No 2022, o Ministerio de Transición Ecolóxica catalogou a Limia como zona afectada por exceso de nitratos, o que marcou o inicio dun prazo de 3 anos para que a Xunta declarara a Zona Vulnerable na Limia. Ese prazo expira en maio do 2025, polo que espérase que o proceso se axilice nas próximas semanas.

Tras este primeiro encontro celebrado hoxe en Ourense, a Xunta manifestou a súa intención de celebrar novos encontros ata mediados de marzo con asociacións profesionais agrarias, cooperativas, entidades sectoriais, da distribución e industrias agroalimentarias.

Limitacións no agro
A declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos na Limia implicará que o abonado de terras agrarias verase limitado a un máximo de 170 Kg. de nitróxeno por hectárea e ano. Haberá que ver tamén se se establecen límites específicos, máis restrictivos, en función do cultivo. Os agricultores da comarca deberán levar un rexistro de todas as aplicacións de abonos orgánicos e químicos.

En paralelo, as explotacións gandeiras terán que contar cun rexistro onde figuren as cantidades de esterco enviadas a cada parcela. O obxectivo é garantir que se cumpren os límites, un aspecto que estará suxeito a inspeccións, que poderán incluír análises de terras e augas.

Se ata o de agora, as boas prácticas agrarias aconsellaban un máximo de abonado de 210 kg. de nitróxeno por hectárea e ano, eses límites en ZVN redúcense en case un 20%, obrigando ademais a agricultores e gandeiros a unha maior burocracia.

Previsiblemente, prohibiranse ademais as aplicacións en determinados meses do ano, como os invernais, a fin de reducir a escorrentía de nitratos ás augas.

Plantas de tratamento
Na reunión cos alcaldes da Limia, a Xunta tamén informou da súa proposta para crear plantas de tratamento de xurros, que é unha cuestión na que comezou a traballar no 2019, pero na que non trascenderon avances nos últimos anos.

A Administración anunciara no 2019 un proxecto para crear catro plantas de tratamento de xurros, unha por provincia, co apoio de empresas enerxéticas e eléctricas. Tres anos despois, Reganosa, un dos socios do proxecto, informaba de que a idea cambiara a catro plantas nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, acompañadas dunha rede de plantas de pretratamento dos xurros a nivel comarcal. Para a provincia de Ourense, confiábase na reapertura da planta de tratamento de xurros que Coren ten en Sarreaus, se ben aínda que a súa reapertura se anunciara xa no 2019, tampouco houbo novidades desde aquela.

Selo de gandería galega sostible
A Xunta vén de anunciar, por último, a creación dun selo de gandaría galega sostible para identificar ás explotacións que adopten prácticas máis sustentables na xestión dos xurros.


Actualización 26-II

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información