Arranca a aplicación provisional do acordo UE – Mercosur: 8 claves

A Comisión Europea decide a aplicación provisional do tratado comercial, logo de que Arxentina e Uruguai ratificaran o pacto. O sector agrario mantense dividido sobre o impacto que terá o acordo. No que hai consenso é sobre a insuficiencia de protocolos que impidan a importación de alimentos producidos sen os estándares de seguridade da UE

Arranca a aplicación provisional do acordo UE – Mercosur: 8 claves

Imaxe dunha das tractoradas ourensás contra o Mercosur. / Arquivo.

Uruguai e Arxentina convertéronse onte nos primeiros países en ratificar o acordo UE – Mercosur e espérase que Brasil e Paraguai tamén o fagan en breve. Ante esa situación, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Layen, decidiu hoxe que arranque tamén na UE a aplicación provisional do acordo.

Esa aplicación provisional só se converterá en definitiva cando o tratado sexa ratificado polo Parlamento europeo, un trámite que está á espera do pronunciamento do Tribunal de Xustiza da UE.

A Comisión Europea, en calquera caso, decidiu non esperar por eses pasos para aplicar o acordo dun xeito provisional. “En xaneiro, o Consello Europeo autorizou á Comisión para aplicar provisionalmente o Acordo no momento en que se producise a primeira ratificación por parte dun país do Mercosur. Xa o dixen no pasado: cando eles estean listos, nós estaremos listos. Por iso, durante as últimas semanas, debatín isto intensamente cos Estados membros e con deputados do Parlamento Europeo. Sobre esta base, a Comisión procederá agora coa aplicación provisional do Acordo”, declarou Von der Layen.

Que se pode esperar no sector agrario da aplicación do acordo UE – Mercosur? Que prexuízos causará no agro europeo? Haberá beneficios?. Analizámolo a continuación.

1) Carne de vacún: 99.000 toneladas con aranceis preferenciais ó ano

O acordo permitirá que Mercosur exporte a Europa 99.000 toneladas de carne de vacún cada ano con aranceis preferenciais. Ese volume representa arredor do 1,5% do consumo de carne de vacún da UE. Entre os gandeiros hai temor a que esas exportacións causen unha caída dos prezos en orixe da carne europea, se ben parte do sector dubida de que un volume tan limitado poida ocasionar un impacto serio na UE.

Cómpre lembrar ademais que na actualidade Mercosur xa viña exportando 200.000 toneladas de carne de vacún cada ano á UE (15.000 delas a España), cos aranceis actuais. Tampouco está claro se o continxente de 99.000 toneladas con aranceis preferenciais agora aprobado vai supoñer un forte incremento das compras. Podería ser o caso de que parte da carne que xa se importaba teña agora uns aranceis preferenciais, sen que haxa un aumento das importacións da mesma dimensión.

2) Mel: 45.000 toneladas con aranceis preferenciais

En mel, entrarán 45.000 toneladas con aranceis limitados, o que representa un 27% das importacións actuais de mel de fóra da UE. O volume que entrará con aranceis preferenciais en Europa representa menos do 10% do consumo interno, segundo as estimacións da UE.

3) Carne de polo: 180.000 toneladas ó ano

Igual que no resto de sectores, a Comisión Europea argumenta que os volumes de polo que entrarán de Mercosur con aranceis preferencias son pouco significativos: 180.000 toneladas ano, fronte a unha produción europea de 14 millóns de toneladas.

Calcúlase que a cantidade de polo que entrará con aranceis preferenciais de Mercosur supón menos do 1,5% do consumo interno.

4) Carne de porco: 25.000 toneladas ó ano

O sector da carne de porco a penas si se verá afectado polo Mercosur, pois importaranse cada ano 25.000 toneladas con aranceis preferentes, fronte a unha produción interna en Europa de 21 millóns de toneladas. É dicir, importarase pouco máis do 0,1% do que produce Europa.

5) Que salvagardas sobre prezos inclúe o acordo para protexer o agro europeo?

Unha das cuestións valorada como positiva polo sector agrario é a inclusión do chamado limiar 5% – 5%. Isto é, cando o volume de importacións dun produto aumente máis do 5% en comparación coa media dos últimos tres anos e, ó mesmo tempo, o prezo medio de importación se sitúe polo menos un 5% por baixo do prezo interno, activarase un procedemento para retirarlles temporalmente os aranceis preferenciais.

6) Vanse respetar nos produtos importados os estándares sanitarios e fitosanitarios da UE?

A teoría di que tódolos produtos alimentarios que entren na UE teñen que cumprir coas normas europeas, incluídas a de límites máximos de residuos fitosanitarios, os medicamentos veterinarios autorizados ou a lexislación sobre organismos modificados xeneticamente.

O tratado co Mercosur inclúe ademais condicións específicas sobre benestar animal, en especial na importación de ovos frescos. Tamén se esixe cumprir coa normativa da UE no sacrificio e transporte de animais vivos no que respecta ó bovino e á avicultura.

Se se incumpren estas salvagardas, a Comisión Europea pode suspender as preferencias arancelarias de xeito automático.

7) Que opina o sector agrario sobre as salvagardas de seguridade alimentaria e ambientais?

Hai un consenso no sector sobre a necesidade dun protocolo claro de inspeccións en orixe e controis en fronteira, se ben parte das organizacións agrarias, como a Coag, consideran que as inspeccións non servirán de nada en moitos casos.

Como exemplo, a COAG cita unha auditoria europea sobre o sistema brasileño de control de residuos de hormonas en carne bovina. O informe da auditoría europea apunta a fallos estruturais críticos no control da carne producida con hormonas ilegais en Mercosur, polo que a organización alerta de que carne hormonada podería chegar ás mesas europeas.

8) Vai ter beneficios para o agro europeo o acordo co Mercosur?

Se ben, os sectores industriais europeos, como o dos coches, van ser os máis beneficiados polo acordo comercial, a Comisión Europea opina que haberá tamén un aumento da exportación europea de produtos agrarios a Mercosur, en especial viños e bebidas, cun crecemento esperado do 54% para o 2040, hortalizas (+ 37%), aceites (+ 21%) e lácteos (+ 102%), se ben esta última categoría parte de niveis actuais de exportación moi baixos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información