Areeiro recomenda vixiar as viñas para frear posibles focos incontrolados de mildio

Publicidade
Areeiro recomenda vixiar as viñas para frear posibles focos incontrolados de mildio

Abundantes manchas de mildio en follas de viñas sen tratar. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A revisión dos viñedos que semanalmente realiza a Estación Fitopalóxica de Areeiro, revela un pequeno adianto do estado fenolóxico das viñas con respecto do ano pasado, tal e como detallan no seu últimos aviso fitosanitario.

O tempo inestable rexistrado dende a segunda semana do mes de xuño é propicio para a xurdan episodios de mildio e provocou a aparición de manchas en follas de gromos sen protexer. Porén, a situación a nivel de acios e das partes da planta protexidas é totalmente distinta, xa que a concentración de esporas por metro cúbico non chega a 8 na parcela de estudo que teñen no Salnés, mentres que nas viñas sen protexer está en máis de 70.

Ante os episodios de humidade elevada que se están a rexistrar tamén nesta semana, dende Areeiro recomendan manterse alerta e renovar os tratamentos en canto sexa posible, se non se fixo xa. Insisten na importancia de confirmar sempre a eficacia das aplicacións, por se fose necesario repetir a intervención.

“A vixilancia periódica das viñas é fundamental neste momento para frear posibles focos non controlados da enfermidade”, indican os técnicos. Tamén recomendan realizar labores culturais, como despuntes, esfollas ou rozas, que faciliten a aireación dos acios. “Son medidas preventivas imprescindibles, máis considerando a recorrencia de condicións de infección secundaria rexistradas dende hai semanas”, detallan.

A meteoroloxía dos últimos días tamén é favorable á aparición de síntomas de oídio, de feito xa observaron algúns acios afectados en predios que non sufriran infeccións importantes ata o momento. A intensidade das chuvias, tamén pode converterse nun aliado para frear a expansión do patóxeno. Con todo, os acios atópanse nunha fase fenolóxica na que son altamente susceptibles ós danos, polo que cómpre permanecer atentos á evolución da enfermidade.

Polo momento, non atoparon danos significativos por Black rot nos viñedos da provincia de Pontevedra e tampouco detectaron ata o de agora danos de botrite. Si ben, todos os viñedos revisados non sufriron danos polo pedrazo, así as viñas en predios afectados por episodios de saraiba poden detectar danos, tendo en conta a humidade elevada que se prevé para estes días. Tamén segue sendo mínima a presenza doutros parasitos da viña como a lobesia e os cicadelidos. Nalgunhas viñas, a presenza de gromos con síntomas de erinose de verán aumentou de xeito significativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información