Areeiro recomenda valorar un tratamento contra o oídio nas viñas

Publicidade
Areeiro recomenda valorar un tratamento contra o oídio nas viñas

Oídio en viña. / Imaxe: Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de emitir un novo boletín fitosanitario para valorar a situación dos viñedos de Rías Baixas. O fungo do que máis afección se detecta nos viñedos é o oídio, co cal quizais sexa preciso aplicar algún tratamento para reducir os niveis do fungo de cara á próxima campaña, se o micelio non é lavado polas choivas destes días. En caso de tratar, pódese optar ben por un xofre antes da vendima, xa que ten un prazo de seguridade de poucos días, ben por un funxicida sistémico trala colleita.

En canto ó mildio, as chuvias e as temperaturas elevadas facilitan o seu avance, se ben detéctase en menor medida do agardado e Areeiro estima que non será precisa a aplicación de cobre antes da vendima. Só en caso de ataques serios e variedades tardías pode ser precisa algunha aplicación, tendo en conta que as aplicacións de cobre (hidróxico cúprico u oxicloruro de cobre) precisarán 14-15 días de prazo de seguridade antes da vendima.

O bo nivel fitosanitario co que están chegando ás viñas á prevendima leva tamén a que, a pesar das condicións favorables para a botrite, en Rías Baixas a penas se detectara un avance da enfermidade nos últimos días. Se se cumpren as previsións de tempo seco para os próximos días, é probable que non sexa preciso tratar. En parcelas pequenas, pódense retirar os acios afectados, en tanto nas fincas de maior dimensión, é posible o tratamento con funxicidas de orixe natural que teñen 3 días de prazo de seguridade.

Cítricos e buxo
A humidade dos últimos días, unido ó tempo seco que se aveciña, provocará a aparición de gromos que atraerán á praga da psila dos cítricos (‘Trioza erytreae’) e a outros insectos chupadores. Pódense retirar e destruír os gromos afectados ou tratar con aceite de parafina 54% ou deltametrín 1,5 – 2,5%, mollando ben o envés.

Esta tempada cómpre extremar tamén a vixilancia dos buxos, pois espérase que co tempo seco poida haber un maior impacto da praga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información