Areeiro recomenda manter a máxima vixilancia do mildio no viñedo

Publicidade
Areeiro recomenda manter a máxima vixilancia do mildio no viñedo

En viñas adiantadas xa hai boa floración. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Centro Dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este venres un aviso fitosanitario no que informa do estado das principais patoloxías que poden afectar as cepas e dos tratamentos que se deben aplicar ao longo dos próximos días.

Nesta semana de clima inestable a maioría das viñas na provincia de Pontevedra xa están a piques de iniciar a floración, aínda que nas máis adiantadas xa se atopan bastantes plantas en flor e mesmo xa hai acios co froito formado.

Mildio: 

Desde a emisión da información fitosanitaria anterior (25 maio) alternáronse días con diferente contía de choivas e días con nebulosidade pero sempre con temperaturas suaves (e nalgúns momentos baixas). Segundo os rexistros de Meteogalicia, na maioría das estacións houbo condicións favorables á esporulación e ás infeccións secundarias boa parte das xornadas.

Porén, nas viñas que revisaron (xa non son unicamente as da súa rede habitual de seguimento) os técnicos de Areeiro non atoparon manchas novas e as antigas estaban curadas en xeral. “Esta situación era de esperar porque a práctica totalidade de fincas recibiron un tratamento a semana anterior, pero mesmo no captador que temos entre as plantas testemuña da nosa finca de Areeiro a concentración de esporas é bastante baixa”, explican.

As diferentes previsións meteorolóxicas consultadas anuncian sucesión de períodos de choivas tanto ao longo da fin de semana como nos comezos (algunhas) ou na totalidade (outras) da semana que entra, e tamén temperaturas suaves mesmo de noite.

Con isto, e máis tendo en conta a entrada na floración dos viñedos, o risco de mildio segue a ser elevado polo que será imprescindible estar atentos, aplicando un tratamento no caso de que se observen novos síntomas ou zonas de avance (ou esporulación) nos síntomas antigos, e tamén naqueles casos nos que terminase o período de protección teórico da intervención anterior.

É dicir, debe manterse o máximo nivel de vixilancia, pois un fallo na protección nestes momentos pode comprometer o futuro da colleita.

Oidio: 

Tampouco nesta semana os técnicos de Areeiro observaron novos síntomas desta enfermidade. Aínda así, as condicións climáticas de luz difusa e nubes constantes son condicións favorables ao  patóxeno.

Por iso, naquelas parcelas (ou variedades) onde todos os anos hai problemas debidos a este fungo será preciso engadir un funxicida antioídio no caso de renovar a intervención antimildio.

Botrite:

As condicións de elevada humidade que, segundo as diferentes axencias meteorolóxicas, seguirán caracterizando a climatoloxía dos próximos días poden favorecer que comecen a observarse síntomas deste patóxeno tanto sobre os restos dos capuchóns florais dos acios como nas follas que presenten feridas por sarabia, ventos, etc.

De feito, xa no captador de esporas instalado entre as plantas testemuña da viña de Areeiro a concentración de esporas é relativamente elevada, duplicando incluso á do mildio.

Black rot: 

Non se observan cambios en canto a presenza desta enfermidade na parcela de seguimento do Condado nin tampouco na de Areeiro, e iso que as condicións climáticas están sendo favorables á enfermidade. Recomendan manter a vixilancia, pois segundo se prevé, a meteoroloxía seguirá a ser favorable ao desenvolvemento do patóxeno.

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambigüella): 

Mentres as capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas das parcelas da rede da Estación Fitopatolóxica de Areeiro continúan a ser moi baixas, notan un lixeiro incremento na presenza de niños (glomérulos), que en ningún caso xustifica a aplicación dun tratamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información