A Estación Fitopatolóxica Areeiro, da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario para actualizar a situación ante os cambios meteorolóxicos. “Con estes vaivéns do tempo, observamos esta semana que o estado fenolóxico das vides apenas variou fronte á semana anterior, se ben é certo que se apreciou algo máis de desenvolvemento vexetativo”, relatan.
En canto ao mildio, non detectaron ningún síntoma da enfermidade malia non terse efectuado tratamento algún na campaña. Segundo os datos que manexan, coas condicións meteorolóxicas e os modelos matemáticos “xa terían que ter aparecido algúns síntomas en todas as comarcas, debido a que xa se finalizou o período de incubación teórico do patóxeno”.
Por este motivo, nas parcelas comerciais máis desenvolvidas da súa rede de seguemento, aplicaron intervención antimildio da campaña. Unha intervención xustificada ante as precipitacións anunciadas para a primeira metade da próxima semana.
Dende Areeiro afirman que algunhas persoas realizaron o primeiro tratamento, pero con ventos incompatibles cunha boa protección do viñedo. “Á marxe de que este tipo de aplicación está totalmente prohibida e pode ser obxecto de, canto menos, unha sanción administrativa, parte do produto non acadaría as plantas e polo tanto estas non estarán protexidas”, afirman. Por iso, recomendan tratar agora nestas situación e naquelas nas que non se efectuase ningunha aplicación e non se realicen seguementos específicos.
O que si observaron son síntomas de erinose, ligado aos ácaros, pero en viñas adultas que non requiren tratamentos. Tamén nalgunha viña hai síntomas da alimentación de caracois e roturas de follas tenras a consecuencia dos ventos, pero en xeral sen incidencia.
Froiteiras
No caso da lepra dos pexegueiros, os tratamentos con cobre no inverno e no inchado de xemas son necesarios para un control aceptable da enfermidade. Na actualidade, xa moitas árbores teñen as follas con síntomas do fungo causante. Por iso é necesario aplicar un tratamento para evitar o seu avance, máis considerando que a climatoloxía non termina de estabilizarse.
No buxo, malia que moitos brotes das plantas permanecen en xeral verdes e sen síntomas, avanzou o estado de desenvolvemento das eirugas e por iso a defoliación das plantas pode ser maior.
Dende Areeiro advirten grandes danos ante o frío que se achega na fin de semana, polo que piden prestar atención á evolución do tempo e aos síntomas que se detecten, pois en planta pequena e con problemas fisiolóxicos, a afectación pode ser maior e polo tanto necesitará un tratamento.
Galego










Control OJD