A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra sacou un novo aviso e pide aos viticultores manter o máximo nivel de alerta nas viñas ante o risco de novas infeccións de mildio e oídio, favorecidas polas condicións meteorolóxicas das últimas semanas. As altas temperaturas, unidas á humidade provocada polas néboas matinais, crean un escenario propicio para o desenvolvemento destes fungos.
Areeiro lembra que non se deben aplicar tratamentos con ventos superiores aos 11 km/h, tanto para garantir a eficacia dos produtos como para evitar a súa dispersión a zonas non obxectivo.
Segundo o aviso fitosanitario publicado esta semana, os técnicos detectaron novas manchas de aceite, brotes afectados e algúns acios con síntomas de mildio larvado, incluso en parcelas que aínda se atopaban dentro do período teórico de protección dos tratamentos anteriores. Tamén se recibiron comunicacións de casos semellantes noutras zonas vitícolas galegas, incluída a Ribeira Sacra.
O organismo provincial explica que moitos destes síntomas poden proceder de infeccións antigas mal controladas durante a floración ou a formación do froito, polo que insiste en intensificar a vixilancia das parcelas e renovar os tratamentos só se aparecen novos síntomas.
No caso do oídio, as condicións tamén foron favorables ao fungo, aínda que Areeiro indica que os síntomas observados son polo momento moi limitados nas viñas que manteñen unha estratexia preventiva desde antes da floración.
En canto ao black rot, a situación considérase estable, con presenza moi esporádica e un risco previsto baixo ou medio-baixo. Pola súa banda, as avelaíñas do acio rexistraron capturas nas trampas de seguimento, pero sen superar os limiares que xustificarían tratamentos específicos.
Finalmente, Areeiro lembra que xa está aberto o período para o primeiro tratamento contra Scaphoideus titanus, o insecto vector da flavescencia dourada, obrigatorio nas zonas demarcadas e recomendado nas áreas vitícolas limítrofes.
Galego









Control OJD