Areeiro incorpora visitas guiadas para dar a coñecer a biodiversidade

A Estación Fitopatolóxica ofrece percorridos turísticos polas instalacións para achegar valores medioambientais e científicos á cidadanía. Amosan plantacións de té, camelia ou plantas aromáticas e novas tecnoloxías no cultivo de froiteiras. O centro acada o selo Observer de turismo científico con esta ruta

Areeiro incorpora visitas guiadas para dar a coñecer a biodiversidade

Instante da visita de Carmela Silva ás instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A Deputación de Pontevedra abre ó publico a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) cun proxecto piloto de turismo científico. A iniciativa, bautizada como Ruta da Ciencia Areeiro, busca dar a coñecer o labor de investigación deste centro á cidadanía. Estas visitas tamén pretenden achegar valores medioambientais, así como poñer en valor o patrimonio vexetal existente na propia finca.

As visitas serán conducidas por unha guía por distintos lugares da Estación como o Xardín Pedro Mansilla, o Insectario ou o xardín das aromáticas. Neste percorrido amosarase a investigación botánica en Galicia, a camelia -unha flor que ten usos alén do ornamental como a extracción de aceite das súas sementes- ou a relación entre a tecnoloxía e os cultivos de árbores froiteiras.

Na ruta tamén se dan a coñecer as plantacións de té , as feixoas, os fentos ou as plantas aromáticas, coas que se fará unha pequena actividade na horta.

Coa incorporación desta ruta Areeiro logra o selo Observer de turismo científico, un certificado que tamén ten o Castelo de Soutomaior.

O percorrido foi inaugurado esta semana cunha visita oficial na que participou a presidenta provincial, Carmela Silva. “Estas visitas permitirán dar a coñecer a EFA moito máis e facelo cara o público xeral para que a sociedade tome conciencia da importancia de manter a biodiversidade”, destaca Silva.

Ademais do público xeral, Areeiro tamén ofrecerá percorridos para persoal do eido científico, para quen se realizará un itinerario máis específico. Na súa visita á Estación, Carmela Silva tamén puxo en valor o traballo que se realiza no centro, un referente nacional e internacional. “Ó longo da súa historia, Areeiro converteuse en imprescindible para o sector privado”, destaca Silva ó tempo que recorda a importancia da ciencia e a investigación para recuperar o amor pola natureza e o seu coidado.

As mulleres na ciencia

Na súa visita á Estación, Carmela Silva fixo un recoñecemento ás mulleres que traballan no eido científico. Fixo tamén unha mención especial a Carmen Salinero, xefa do servizo da EFA e “nai das camelias en Galicia e en toda España” polo seu labor neste campo. Ademais, lembrou que na primavera plantarase unha camelia co seu nome no Xardín do Castelo de Soutomior a modo de homenaxe a Salinero e a todas as traballadoras da Estación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información