Areeiro advirte do aumento do risco de enfermidades no viñedo galego

A Estación Fitopatolóxica chama a manter especial vixilancia sobre mildiu, oídio, botrite e black rot nas comarcas vitivinícolas

Publicidade
Areeiro advirte do aumento do risco de enfermidades no viñedo galego

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo dependente da Deputación de Pontevedra, publicou un novo boletín fitosanitario no que advirte dun incremento do risco de enfermidades fúngicas no viñedo, especialmente ante a previsión de choivas e o avance fenolóxico da vide.

O informe sinala que o albariño se atopa xa en plena floración, unha fase especialmente sensible para a aparición de patoloxías. Aínda que as temperaturas relativamente frescas dos últimos días non frearon o desenvolvemento vexetativo, a chegada de aire cálido e o predominio do tempo seco favoreceron unha correcta floración e a actividade de insectos beneficiosos.

A Estación explica que as infeccións de mildiu observadas durante a última semana mantéñense “ben contidas” na maioría de parcelas revisadas. As temperaturas moderadas e a limitada humidade foliar axudaron a frear o avance do fungo.

Con todo, os técnicos detectaron viñedos, especialmente na comarca do Salnés, onde persisten restos de infeccións anteriores non completamente controladas. Nestas zonas tamén se rexistraron maiores períodos de humidade nocturna, circunstancia que incrementa o risco de reactivación da enfermidade.

O boletín insiste ademais na importancia de manter segada a cuberta vexetal para favorecer a ventilación entre as cepas e mellorar a eficacia dos tratamentos fitosanitarios.

Oídio, botrite e black rot
Aínda que esta semana non localizaron síntomas de oídio nin en parcelas de seguimento nin en viñas abandonadas, a Estación de Areeiro advirte de que o risco continúa sendo alto debido ao momento fenolóxico da planta e aos modelos preditivos que manexan os técnicos.

A evolución desta enfermidade dependerá especialmente das precipitacións previstas para os próximos días, xa que as temperaturas seguirán sendo favorables para o desenvolvemento do fungo.

O informe tamén recomenda extremar a vixilancia sobre a botrite e en canto ao black rot, os técnicos sinalan que non se observaron avances significativos respecto a semanas anteriores, aínda que lembran que as altas temperaturas previstas e a elevada sensibilidade actual da vide obrigan a manter unha vixilancia constante, sobre todo en parcelas con antecedentes de danos.

Presenza de couza do acio no Salnés e O Rosal
A Estación Fitopatolóxica tamén informou de capturas de exemplares de Lobesia botrana, coñecida como couza do acio, en trampas instaladas no Salnés. Ademais, en parcelas do Rosal detectáronse glomérulos causados por orugas desta especie.

Os técnicos recomendan seguir revisando as viñas e adaptar as actuacións ás condicións específicas de cada parcela, lembrando que a situación sanitaria pode variar notablemente entre zonas e mesmo dentro dun mesmo viñedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información