“Aquí un de cada dous agricultores formamos parte dunha CUMA”

No departamento de Ille et Vilaine, na Bretaña francesa, hai unhas 200 cooperativas de maquinaria en común. Coñecemos o funcionamento de Les Landes Fourragères, unha das máis grandes, que traballa 6.000 hectáreas de terreo e presta servizo a ganderías de leite, de vacún de carne, de porcino e de ovino

Traballos de ensilado de herba o pasado mes de maio por parte da maquinaria da CUMA Les Landes Fourragères

Traballos de ensilado de herba o pasado mes de maio por parte da maquinaria da CUMA Les Landes Fourragères

As Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola en común (CUMA) proliferaron na Bretaña francesa a partir da década dos 60 e hoxe son un dos piares fundamentais do traballo agrario na rexión.  

Só no departamento de Ille et Vilaine, un dos catro que forman a rexión de Bretaña, hai unhas 200 CUMAs. “Aquí o 50% dos agricultores, un de cada dous, formamos parte dunha CUMA”, destacan desde a Federación provincial de CUMAs.

Existe colaboración entre as CUMAS e todas forman parte dunha Federación que as asesora e lles presta servizos comúns

En total, na Bretaña hai unhas 600 CUMAs. Cada unha é autónoma pero hai colaboración entre elas. Existe unha federación a nivel provincial que as aglutina, outra a nivel rexional, e outra a nivel nacional de toda Francia, onde o número total de CUMAs é de 11.500, formadas por uns 200.000 socios.

Asesoramento conxunto

Persoal da Federación de CUMAs do departamento de Ille e Vilaine en Martigné Feuchard

Persoal da Federación de CUMAs nas instalacións de Les Landes Fourragères en Martigné-Feuchaud

Francia conta con seis federacións rexionais de CUMAs (que non se corresponden coas 13 rexións administrativas coas que conta o país) e á súa vez a federación rexional de Bretaña está dividida en tres federacións de CUMAs, xa que os departamentos de Ille et Vilaine e o de Côtes d’Armor constitúen unha única federación.

Esa estrutura a distintos niveis é a que permite ás CUMAs contar con servizos especializados para a súa xestión que non poderían ter a nivel individual. Este asesoramento sérvelles na súa toma de decisións, por exemplo, na compra de equipos, ao contar con especialistas independentes con alto coñecemento e competencia técnica que valoran as ofertas presentadas polas empresas de maquinaria.

Contan con especialistas en compra de maquinaria e en xestión económica

Tamén dispoñen de especialistas en materia contable e fiscal para axudarlles na confección de nóminas, na realización dos balances anuais, na presentación de resultados, á hora de realizar investimentos ou de financiar as adquisicións, e con animadores encargados de dinamizar as CUMAs e de mellorar a interrelación entre elas.

O 50% das granxas pertencen a unha CUMA

Instalacións da CUMA Les Landes Fourragères en (Bretaña)

Instalacións da CUMA Les Landes Fourragères, no departamento de Ille et Vilaine (Bretaña)

As CUMAs xogaron un papel fundamental no desenvolvemento da agricultura na zona, permitindo a mecanización dos traballos agrícolas e descargando ás explotacións de fortes investimentos en maquinaria.

En Bretaña tamén existen empresas privadas de servizos agrarios, pero o peso dos traballos recae nas CUMAs

Cunha superficie agraria útil que triplica a galega, a necesidade de contratar traballos de sementeira e recollida de forraxes e cereais increméntase. “As empresas de servizo son competencia, pero as CUMAs foron creadas para ter custos máis baixos”, destacan.  

A diferenza do que ocorre en Galicia, onde a experiencia das CUMAs non foi de todo satisfactoria, en Bretaña, onde hai unhas 600 CUMAs, son as que levan o peso dos traballos agrarios e as que se encargan de cubrir as necesidades da maioría das explotacións.

En Bretaña hai 600 CUMAs, mentres en Galicia existen unicamente unhas 50

En España hai arredor dunhas 200 CUMAs, unha figura que está implantada en Galicia, Euskadi e Navarra, comunidades que teñen desenvolvido normas de cobertura legal e de apoio público a estas entidades asociativas. En concreto, Galicia conta con medio cento de CUMAs, que conviven con empresas de servizos e con cooperativas que teñen parques de maquinaria, como é o caso de Aira e Clun (Os Irmandiños).

CUMA Les Landes Fourragères: gañar en tamaño e profesionalidade para prestar un mellor servizo

Guénaël Hamelin, diante dunha das colleitadoras da CUMA

Guénaël Hamelin, diante dunha das colleitadoras da CUMA

A CUMA Les Landes Fourragères, ubicada na localidade de Martigné-Ferchaud, é a quinta máis importante do departamento de Ille et Vilaine. Está formada por uns 100 socios, dos que 60 empregan habitualmente a maquinaria, ben contratando o servizo ou ben alugando simplemente o material.

Dispoñen de practicamente todo o que pode necesitar unha gandería ou un agricultor que labre cereal, e mesmo algún tipo de maquinaria de carácter forestal. Nos seus garaxes gardan 2 colleitadoras autopropulsadas, 7 tractores, 3 segadoras, 2 enroladoras, encintadora, 5 cubas de purín con distintas capacidades (desde 16.000 a 25.000 litros), sementadora combinada de 4,5 metros, sementadora Horsch, binadora, grade de dentes, grade rotativa, trituradora, etc.

A CUMA está dirixida por un Consello de Administración formado por 15 dos 100 socios

 “Hoxe en día é un alivio para os agricultores porque alguén que non desexa investir moitos cartos en maquinaria pode dirixirse á CUMA e, ben os traballadores van á súa casa e fan o traballo, ou ben se quere alugar o material e está dispoñible, pode facelo”, explica o presidente da CUMA, Guénaël Hamelin, que ten unha explotación leiteira con 150 vacas en produción en Retiers.

Máis dun millón de euros de facturación

A cifra de negocio no ano 2021 foi de 1,2 millóns de euros. Os principais ingresos proveñen de botar purín, do ensilado de millo e do aluguer dos distintos equipos. A CUMA actual é o resultado da fusión no ano 2020 de tres CUMAs: La Fourragère, creada en 1960; Les Landes, creada en 1965; e Intercuma des Forges, creada en 1992.  

Nos últimos anos, as CUMAs foron gañando tamaño, en moitos casos mediante a fusión entre elas

Actualmente a súa área de traballo esténdese a uns 40 kilómetros á redonda e dispoñen de dúas sedes, en Martigné-Ferchaud e en Coësmes, para reducir os desprazamentos. Traballan unha superficie dunhas 6.000 hectáreas ao ano, das que unhas 3.000 son de cereal, entre trigo, cebada, centeo e distintas mesturas; 1.000 de millo; e entre 1.200 e 1.400 hectáreas de herba.

Organización do traballo

Taller de reparacións, onde realizan o mantemento aos distintos equipos

Taller de reparacións, onde realizan o mantemento aos distintos equipos

A CUMA conta con 10 empregados entre condutores, técnicos e mecánicos. Frédéric é quen se encarga de organizar o traballo segundo un planning semanal no que teñen en conta as solicitudes dos socios, que teñen dispoñible tamén un calendario para a reserva do material en aluguer.

Dispoñen de dúas modalidades: contratar o servizo ou alugar a maquinaria sen chófer

Entre os socios os produtores de leite son maioría, pero tamén os hai de porcino, gandeiros de ovino, con vacas de carne e tamén agricultores que só cultivan as súas terras pero que non teñen explotación gandeira. “Hai moitos gandeiros que deixaron de producir leite porque dá moito traballo e cultivan as terras”, explica Guénaël.

Maquinaria específica para agricultura ecolóxica

Tractor realizando un pase coa binadora para arrincar as malas herbas nun cultivo ecolóxico

Tractor realizando un pase coa binadora para arrincar as malas herbas nun cultivo de cereal ecolóxico

Nos seus 60 anos de vida as CUMAs foron adaptándose á evolución da agricultura na rexión, igual que o fixo Les Landes Fourragères a medida que algúns dos seus socios foron facendo a conversión de convencional a produción ecolóxica e hoxe conta con maquinaria específica, como binadoras para eliminar as malas herbas en cultivos como o millo.

“Na CUMA temos sete agricultores bio que fan agricultura ecolóxica e temos tamén agricultura convencional extensiva onde os agricultores fan venda directa da carne, de porco ou de bovinos, cunha alimentación a base de herba. E temos tamén os agricultores convencionais, intensivos, que cultivan millo, herba, trigo, colza, fabas, diferentes tipos de plantas que nos permiten alimentar o gando”, explica Guénaël.

Ao ter material para producir en ecolóxico, algúns agricultores convencionais empregan primeiro a binadora mecánica para as malas herbas no millo e así só utilizan un pase de herbicida químico en vez de dous

Respecto ao feito de contar cunha sección de maquinaria para agricultura ecolóxica, asegura que “é interesante ter dentro da CUMA este grupo de agricultores ecolóxicos, porque iso permite adquirir o material específico para a produción en ecolóxico e despois debater e reflexionar con eles e que os agricultores convencionais poidan empregar tamén este material e iso permite que poidan reflexionar. Algúns din eu podo converterme tamén a ecolóxico ou mantéñome en convencional pero emprego o material e en vez de facer dous pases con químicos, só fago un, e utilizo antes o pase mecánico”, conta.

Aproveitar as podas das sebes para biomasa

Labores de poda de árbores e sebes lindeiras nunha finca de millo

Labores de poda de árbores e sebes lindeiras nunha finca de millo

Os agricultores e gandeiros bretóns levan anos tratando de recuperar as sebes nos lindeiros das parcelas. Estes peches vexetais, que axudan a manter a biodiversidade de flora e fauna, é unha das medidas que fomenta a nova PAC para o período 2023-2027, tanto na condicionalidade reforzada como nos ecoesquemas

Pero ademais da función ambiental, estes peches teñen un retorno económico para as explotacións, debido ao auxe da biomasa como fonte de enerxía alternativa aos combustibles fósiles. A CUMA Les Landes Fourragères está a construír un edificio no que almacenar e secar estes restos de podas que recollen os seus socios para vendelos despois ás redes públicas de auga quente comunitaria que comezan a proliferar na rexión.

A mancomunidade local, que engloba a 16 municipios, está a impulsar redes comunitarias alimentadas con caldeiras de biomasa coas que quentar edificios públicos

“Temos un proxecto coa Mancomunidade do Pays de la Roche aux Fees. A mancomunidade puxo en marcha catro redes de calor que permiten quentar os edificios públicos. Por exemplo, en Janzé a piscina; en Retiers hai un kilómetro de redes de calor para quentar as escolas, o instituto, a residencia de anciáns e o pavillón e o ximnasio municipais; en Martigné tamén as escolas e o edificio administrativo municipal; e en Coësmes igual. En xeral, a idea é empregar a madeira de restos de cortas para producir auga quente que permita quentar eses edificios”, explican.

Diversificación dos ingresos

Trituración de restos de cortas forestais por parte de maquinaria da CUMA

Trituración de restos de cortas forestais por parte de maquinaria da CUMA

Esa biomasa provén nun 50% das sebes dos agricultores da contorna e noutro 50% doutras fontes. En conxunto representa 600 toneladas anuais de estelas que a CUMA Les Landes Fourragères se compromete a subministrar para alimentar esa rede de calor.

“Nós temos trituradoras forestais e o obxectivo da CUMA é que cando un agricultor poda as sebes dunha parcela, dentro dun programa de xestión das sebes, vai a trituradora, colle a madeira e fai pequenos anacos de 5 centímetros, méteos no remolque e lévaos para o secadoiro que estamos a construír”, indica Guénaël, que está á fronte dun Consello de Administración formado por 15 membros.

A CUMA comprométese a subministrar 600 toneladas anuais de estelas cun tempo de secado de entre 6 e 7 meses

Na nave contan con cinco depósitos de secado e almacenamento alimentados con paneis solares. “A intención é secar a madeira durante 6 ou 7 meses para poder subministrala semanalmente, ao longo do inverno, de outubro a marzo, ás catro caldeiras da mancomunidade”, detalla.

A construción do edificio para o secado da biomasa conta cun orzamento total duns 500.000 euros, incluídos os paneis solares. “Temos axudas da rexión, vía o ADM, que é o organismo que se ocupa da enerxía a nivel rexional en Bretaña, e tamén imos empregar fondos da mancomunidade e fondos europeos Leader. Queremos que o edificio estea xa listo en outubro ou novembro para poder utilizalo”, avanzan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información