Os mastíns son os mellores animais para protexer o gando fronte ó lobo. Coa finalidade de coñecer cales son as características destes cans e aprender sobre o labor que exercen, Sara Bermúdez realizou o Traballo de Fin de Grao ‘Caracterización morfolóxica do mastín de traballo en Galicia’.
A recentemente graduada obtivo un 9,6 de nota con este traballo e nesta entrevista explica como desenvolveu a investigación, cales son as características morfolóxicas destes animais e tamén aborda a polémica sobre o perigo dos cans para as persoas.
– Que a levou a focalizarse nesta temática?
Decidín realizar o meu Traballo de Fin de Grao sobre os mastíns de traballo por varios motivos. Tratábase dunha investigación de modalidade experimental que me permitía estar en contacto directo cos cans, aprender sobre o labor que exercen os mastíns, coñecer máis o sector rural, co que previamente non estaba moi familiarizada, e percorrer a comunidade autónoma descubrindo lugares novos. Ademais, apenas hai estudos sobre estes cans en España e o meu traballo parecíame unha oportunidade para dar a coñecer a súa morfoloxía e como afecta á súa función.
– Como desenvolveu a investigación?
Primeiro, realicei unha procura bibliográfica para contextualizar o tema. Posteriormente, analicei que medidas corporais empregaran outras investigacións e podían resultar relevantes para o meu traballo. Servíronme bastante de guía os estudos de Mariano Herrera e Manuel Luque sobre o Mastín Español, así como os criterios morfolóxicos do estándar oficial para ver canto se axustaba a miña poboación de estudo.
Finalmente, elaborei unha ficha biométrica de carácter individual dividida en diferentes apartados para poder recompilar toda a información necesaria dos mastíns. Para acceder ás ganderías elaborei unha mensaxe de difusión na cal explicaba o procedemento da visita e difundiuse por diferentes grupos de Whatsapp de ganderías extensiva en Galicia.
A investigación realizouse en 73 mastíns localizados en 28 rabaños de 20 concellos diferentes de Galicia
– Para levar a cabo o proxecto, foi necesario observar como traballan estes animais?
Era necesario coñecer se realmente se trataban de cans protectores de gando. Ao chegar ás explotacións, observaba se o can estaba xunto ao rabaño ou na porta de casa, estes últimos quedaban descartados do estudo. Previamente á toma de medidas, realizaba un cuestionario ao gandeiro sobre o comportamento do mastín que me permitía saber se traballaba adecuadamente e tiña un vínculo forte co gando. Por falta de tempo non puiden observarlles traballando todo o que me gustaría, xa que tiña que medir bastantes cans de zonas próximas nun mesmo día.
– Con que rabaños e en que zonas realizou a investigación?
A investigación realizouse en 73 mastíns localizados en 28 rabaños de 20 concellos diferentes, 6 na Coruña (A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Carral, Monfero, Porto do Son e Narón), 9 en Lugo (Becerreá, Cervantes, Cospeito, Friol, Guitiriz, Irixoa, Meira, Pastoriza e Riotorto) 2 en Ourense (Vilariño de Conso e Viana do Bolo) e 4 en Pontevedra (Cotobade, Dozón, Lousame e Mondariz).
– Cales son esas características morfolóxicas que determinan que é can de traballo en Galicia?
No meu estudo non se atopou un patrón morfolóxico específico para os mastíns de traballo debido á gran variabilidade morfolóxica. A grandes liñas, poderiamos dicir que se tratan de cans mesocefálicos, de aproximadamente 70 cm de altura, con estrutura mediolínea e 55 kg de peso. No entanto, os resultados do meu traballo reflectiron unha importante variabilidade xenética.
– Os mastíns que non atinan con esas características, descártanse para o pastoreo?
Non, dado que como comentei anteriormente, hai bastante variedade morfolóxica e non por iso son menos aptos para o traballo. É importante valorar a morfoestrutura, pero tamén o seu comportamento co rabaño, xa que é moi importante que como can de garda e defensa manifeste unha aptitude de máxima fidelidade cara ao rabaño que protexe e non descartarlle só por non cumprir unha morfoloxía concreta.
Os mastíns normalmente deixan de traballar cando alcanzan a etapa sénior, en razas grandes alcánzase ao redor dos 8-10 anos
– A que idade empezan a traballar os mastíns? E ata que idade son bos para o pastoreo?
O máis aconsellable sería obter descendencia de mastíns de traballo con boas calidades de conductas e cunha morfoestrutura saudable, así evitamos reproducir caracteres negativos.
Desde o seu nacemento ata aproximadamente os 3 meses adoitan estar na cuadra coas crías do gando para que desde o día uno estea en contacto directo co rabaño, desta maneira fortalecemos o vínculo afectivo entre ambas as especies. Aos 3 meses comeza o plan de desparasitación e vacinación dos cachorros, polo que a partir deste momento poderán saír da cuadra en compañía doutros mastíns de traballo que servirán de guía aos cachorros. Durante os primeiros meses é moi importante prestarlles atención e realizar unha boa educación para evitar e corrixir canto antes certas alteracións da conduta.
Normalmente deixan de traballar cando alcanzan a etapa sénior, en razas grandes alcánzase ao redor dos 8-10 anos. Este envellecemento leva algúns trastornos dexenerativos e orgánicos asociados á idade, reducindo o seu rendemento de traballo.
– Ao estar en contacto permanente con gando, collen máis enfermidades?
Os cans rurais presentan máis risco de contraer enfermidades que os cans urbanos, xa que permanecen ao aire libre a maior parte do día e están máis expostos a enfermidades transmitidas por vectores como pulgas, carrachas, mosquitos, ácaros, flebótomos, etc. Á súa vez tamén están en contacto co gando e outras especies silvestres, favorecendo a propagación de certas enfermidades. Por esta razón, é fundamental levar a cabo unha boa desparasitación externa, interna e ter ao día a cartilla de vacinación de todos os animais.
Tamén é importante revisar frecuentemente o estado da pel e pelame dos cans e manter un bo estado externo e interno con visitas regulares ao veterinario para garantir que se atopa nun bo estado de saúde. É importante prestar atención a esta cuestión xa que a nosa especie non se exime de padecer algunhas destas enfermidades.
– Cales son as principais conclusións que obtivo da investigación?
Determináronse varias conclusións. En primeiro lugar, observouse que a maior parte dos mastíns de traballo do meu estudo atópanse en gandarías de tipo extensivo e en rabaños de até 150 animais, nos que predomina a especie ovina.
En relación coa caracterización morfolóxica, destacou un marcado dimorfismo sexual, principalmente no peso, o cal foi un 12 % maior en machos que en femias. Tamén se achou unha ampla variabilidade das medidas corporais, con 10 posibles patróns morfolóxicos diferentes.
Os coeficientes de correlación das variables das medidas morfolóxicas reflectiron un modelo morfoestructural medianamente armónico de raza, é dicir, máis adaptado ás condicións de campo onde traballa.
Finalmente, os mastíns de traballo de Galicia non se axustaron á maioría das proporcións corporais establecidos polo estándar, polo que se manifesta a necesidade dunha revisión ou adaptación deste.
Se os gandeiros ou persoas responsables realizan unha boa educación e coidados non teñen por que ser perigosos
– No mundo do mastín de traballo hai unha polémica constante sobre o tamaño, o peso, a cantidade de pel, … en global, a morfoloxía para que protexan mellor ao gando do lobo e do oso. Que pensas que achegou o teu traballo a este debate?
Ao longo da miña investigación fun consciente do importante que é a presenza dunha persoa especialista en saúde animal (veterinario ou biólogo) cos coñecementos necesarios da temática en cuestión para tomar decisións razoables, con criterios saudables e funcionais para os animais. Deste xeito, evitaremos reproducir características morfolóxicas ou fanerópticas baseadas nunha preferencia estética determinadas por intereses persoais sen fundamento científico detrás e que resultan prexudiciais para a súa saúde.
– Os mastíns son o método natural máis eficaz para loitar contra o lobo, pero nalgunhas zonas onde hai turismo tamén supoñen un “perigo” para os viandantes. Son un perigo real? Como habería que actuar ao atoparse con cans que protexen ao gando?
Os mastíns de traballo son cans que pola súa aparencia física e comportamento protector resultan ameazantes. Se os gandeiros ou persoas responsables realizan unha boa educación e coidados non teñen por que ser perigosos. Existen manuais que serven de guía aos gandeiros para axudarlles durante este proceso. No entanto, fai falta realizar máis estudos para seguir investigando o comportamento destes cans e poder transmitir esta información aos gandeiros e á poboación en xeral, e así evitar situacións de risco.
Ante este tipo de escenarios habería que actuar con normalidade evitando interromper o seu traballo, é dicir, evitar; gritarlles, facer xestos bruscos, miralos fixamente, dirixirnos rapidamente cara ao gando, levar aos nosos cans soltos, en definitiva, non molestarlles, pasar tranquilamente para que eles non nos perciban como unha ameaza. Unha medida que podería axudar é a colocación de carteis antes de chegar ás zonas onde habitan cans de protección de gando para alertar ás persoas que anden preto e así evitar os comportamentos que mencionei anteriormente.
– Hai uns meses houbo polémica en Zamora por un ataque mortal a unha persoa por parte de cans que protexían ao gando. Como se poderían reducir estes incidentes?
Como mencionei anteriormente, o gandeiro ou persoas responsables de cans de traballo deben realizar un bo coidado e manexo destes. É moi importante coñecer como se comporta cada raza de can para así poder cubrir as necesidades específicas raciais. Se se teñen diferentes razas de cans de traballo, a mellor opción é mantelos en espazos diferentes. Os cans de Carea (leoneses) e os mastíns protectores do gando necesitan unha educación e adestramento diferentes, dado que as tarefas que realizan son distintas.
Como comentei, se realizamos un bo traballo con eles desde o seu nacemento non teñen por que desencadearse estes comportamentos cara aos transeúntes, eles saben diferenciar que situacións son un perigo real para o gando e cales non.