“Aproveitamos a crise para mellorar a calidade do Porco Celta, agora toca medrar”

Entrevista a José Antonio Carril, director técnico da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL). Comercialización de leitón de Porco Celta, un centro de extracción de seme ou un sistema de cría en monte sen necesidade de peche, entre os proxectos da asociación.

“Aproveitamos a crise para mellorar a calidade do Porco Celta, agora toca medrar”

José Antonio Carril

ASOPORCEL é unha asociación sen ánimo de lucro que conta neste momentos cuns 330 socios en toda Galicia. O seu principal obxectivo é a preservación da raza Porco Celta e a xestión do libro xenealóxico da raza.

No ano 2002 ASOPORCEL puxo en marcha un plan de comercialización cunha marca rexistrada a nivel europeo, Porco Celta.

¿Segue medrando a cabana de Porco Celta en Galicia?
Hai 330 gandeiros de Porco Celta dados de alta en ASOPORCEL, e dentro deles hai moitos que crían a raza para autoconsumo. Son arredor de 150 gandeiros os que crían para comercializar, e contamos arredor duns 60 cebadeiros e 12 industrias adscritas que procesan e comercializan os produtos elaborados.

Neste momento estanse sacrificando uns 1.500 porcos ao ano. En canto ao libro xenealóxico, a cabana de Porco Celta ascende a uns 5.000 animais.

“Tivemos un parón pola crise e pola liquidación no mercado de produtos de Porco Ibérico a baixo prezo”

A cabana segue medrando aínda que é certo que a crise nos supuxo un parón na comercialización. Analizamos as causas e o teito marcouno o porco Ibérico, que coa crise viu como pecharon moitas industrias e explotacións. Para liquidar os stocks venderon eses produtos de alta gama a un prezo moi accesible, co cal marcou un freo para o Porco Celta, xa que a capacidade de márketing e de penetración no mercado do Porco Ibérico é moito maior que a nosa.

Deste xeito, en canto a número de sacrificios de Porco Celta permanecemos estables estes últimos 5 anos cun lixeiro incremento. O que nos satisfai moito é que nestes anos melloramos moito na crianza dos porcos, cada vez a canal é máis homoxénea e as calidades melloraron notablemente dende o punto de vista comercial. Ademais, os gandeiros cada vez son máis profesionais.

“Animamos ao consumidor a que denuncie cando ve que se vende como Porco Celta o que non o é”

Por outra parte, estamos a detectar algún produto que se vende como Porco Celta cando non o é. Isto constitúe un fraude e debe ser denunciado e perseguido. Agora mesmo temos en marcha un plan para que se denuncie esta competencia desleal que supón ademais un engano ao consumidor.

¿Onde se concentra o mercado de Porco Celta?
Consúmese case todo en Galicia en canal HORECA, alta hostalaría e tendas delicatessen. Nalgún supermercado e carnicerías de alta gama tamén se pode atopar carne de Porco Celta.

Por outra parte, traballamos moito coa carne fresca para hostalería, o que nos permite romper a estacionalidade do consumo de carne de porco salgada, que se limita máis aos cocidos de inverno. O embutido e o xamón tamén están a ter unha boa saída comercial.

 “En Xapón piden Porco Celta pero non temos suficiente produción”

Hai industrias que están exportando sobre todo a Cataluña e Madrid. Abriuse un canal de comercialización a Alemaña e hai pouco enviamos un contedor para Xapón. O que nos limita neste país asiático é que non temos suficiente produción para garantirlles o subministro.

¿En que novos proxectos estades a traballar en ASOPORCEL?
O que concentra a maior parte do noso traballo é a mellora da xestión do libro xenealóxico, o plan de comercialización e o plan de control de fraude que iniciaremos neste ano. Tamén estamos a poñer en contacto ao gandeiro coa industria para garantir tanto a venda como o subministro, nunha relación comercial estable.

porco_celta_01_standar

Femia de Porco Celta

Ademais, temos en marcha un proxecto dunha granxa para a obtención de leitóns de Porco Celta, cun obxectivo de 2.000 leitóns ao ano. Iniciamos tamén un mercado de comercialización de Leitón de Porco Celta, é un leitón que se vai a 10 kg canal e de excelente calidade. Estivemos a facer sondaxes de mercado, probas de calidade e analíticas no Centro Tecnolóxico da Carne para desenvolver ese mercado de Leitón de Porco Celta.

Estamos tamén en contacto coa Universidade de Santiago para mellorar o control do libro xenealóxico mediante programas informáticos avanzados para detectar consanguinidades e predición de índices xenéticos dos animais. Tamén estamos a facer controles de filiación con Xenética Fontao.

 “A finais deste ano esperamos poder a facer inseminacións artificial de Porco Celta”

En definitiva, queremos establecer un estándar xenético da raza que nos axude a mellorar a trazabilidade.

Por último, temos en marcha, en colaboración coa Deputación de Lugo e con fondos FEADER a través da Consellería do Medio Rural, un proxecto de centro de extracción de seme en fresco de Porco Celta para poder facer inseminación artificial ás porcas dos nosos socios ou para outras razas de cruce industrial. Esperamos que a finais deste ano este proxecto xa sexa unha realidade.

¿Que consellos lles darías aos produtores de Porco Celta para mellorar a rendibilidade das súas explotacións?
Ao gandeiro o primeiro que lle digo é que hai que analizar as características de cada explotación. Se temos unha explotación reducida, tanto dende o punto de vista oficial como en extensión, non podemos cebar máis animais dos recomendados. Ao mellor, debe especializarse en producir femias e crías para venderllas aos clientes aos que previamente sondeou. Despois hai gandeiros que non queren ter traballo coas reprodutoras e o que fan é especializarse no traballo de cebo.

porco_celta_02_standar

Femia de Porco Celta con leitóns

Unha das premisas básicas é que os animais deben de ter unha alimentación adecuada e cumprir co marco legal en canto a benestar, hixiene e sanidade animal..etc.

Neste sentido, é moi importante que os leitóns saian ben iniciados, cunha lactancia idónea e coa duración precisa, evitando os destetes precoces. Débese empezar con lactoremplecantes e con iniciadores da alimentación para que se formen as vacuolas graxas que logo lle darán infiltración e xugosidade á carne. Despois, facer un programa alimentario de iniciación ao cebo, para que os animais vaian formando o aparato locomotor e a musculatura idónea para poñer os quilos que se precisan.

“A idade óptima de sacrificio son os 13 meses”

Sabemos que o Porco Celta é unha raza de crecemento lento pero débese coidar a alimentación. A idade óptima de sacrificio está nos13 meses, aínda que pode variar en función do que demanda o mercado.

O custo de alimentación pode supor o 80% dos custos variables da cría de Porco Celta. Neste sentido, podemos recortar gastos se achegamos alimentación propia. Por outra parte, a finca ten que ser susceptible de producir alimento: se hai exceso de carga gandeiro machácase, cámbiase o PH do solo e vai tardar en recuperarse.

Recomendamos tamén que os gandeiros non se precipiten na idade do sacrificio, pois a veces por un mes pérdese calidade na canal.

Cada vez estase a introducir máis o Porco Celta nas comunidades de montes veciñais….
Si. De feito, estamos desarrollando programas de crianza de porco celta nas comunidades de montes veciñais, sen necesidade de peche. Están controlados mediante cámaras e colares GPS e mediante un sistema de reflexo condicionado, de xeito que durante a noite péchanse nun cortello no que tamén se alimentan.

Acabamos de inaugurar en Friol unha explotación de 100 porcos para limpar 25 hectáreas de monte veciñal. O Porco Celta é un excelente desbrozador e contribúe á mellorar a produción madeireira, de forma que cada vez máis comunidades de montes están interesadas en introducilo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información