Aproveitamento madeireiro de frondosas caducifolias: requisitos, criterios e complexidade da situación actual

A corta de especies como o carballo, o rebolo ou o bidueiro faise con frecuencia en Galicia só con destino a leñas domésticas. A ausencia dunha selección xenética e de coidados silvícolas dificultan destinos industriais de maior valor. A esta realidade, únense as restriccións á corta de frondosas caducifolias. Analizamos o escenario

Aproveitamento madeireiro de frondosas caducifolias: requisitos, criterios e complexidade da situación actual

A falta dunha boa xestión forestal deste tipo de especies está vinculada a dificultades na súa explotación

As especies de frondosas caducifolias, como o carballo, castaño, freixo ou bidueiro, teñen un criterio especial de protección para o seu aproveitamento madeireiro.

O marco legal para aproveitamento madeireiro de frondosas esixe sempre tramitar unha autorización previa. “Para realizar unha corta de frondosas, non hai unha diferenciación de espazos en función das súas afeccións, sexan por Rede Natural, Patrimonio Natural, Augas de Galicia ou outras. Sempre hai que tramitar unha autorización”, explica Ana Oróns, secretaria xeral da Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga).

Marco legal
Actualmente, en Galicia, hai dúas vías para tramitar a corta de madeira, mediante unha simple declaración responsable previa, nos casos de piñeiros ou eucaliptos, ou cursando unha solicitude de autorización, no caso das frondosas. “É necesario tramitar a petición e esperar dous meses para a resolución oficial, onde se comunica se podes realizar a corta ou non, e en que termos”, expresa a secretaria xeral de Fearmaga.

Para valorar a solicitude, hai unha visita á parcela do persoal técnico do distrito forestal correspondente. “Sobre o terreo, o persoal do distrito determinará que árbores se poden cortar, en que cantidade ou cales non se poderían tocar”, especifica Ana Oróns.

Se a parcela tivese afeccións territoriais de índole supra-autonómica, “os prazos xa non aplicarían neses dous meses, senón que habería que esperar a ter unha resolución expresa; por exemplo, en zonas do interior de Lugo, con amplas masas de frondosas caducifolias, se teñen unha afección pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, habería que esperar á resolución desa administración”, detalla a secretaria de Fearmaga.

A única excepción á obrigatoriedade de pedir permiso son as leñas domésticas. “As cortas de leñas de autoconsumo poderíanse facer mediante declaración responsable, pero habería unha limitación de 10 metros cúbicos ao ano, entre outras”, amplía Oróns.

Masas mixtas
As frecuentes masas mixtas de árbores tamén están reguladas. “Sexa unha masa de piñeiros ou de eucaliptos que estea mesturada con frondosas caducifolias, “sempre que o número de pés supere máis do 10% da parcela, é necesaria a solicitude dunha autorización para a súa corta”, sinala a secretaria xeral de Fearmaga. Nesta porcentaxe contabilízanse os denominados ‘pés maiores’, é dicir, árbores que teñan máis de 7,5cm de diámetro.

Criterios da administración
Os criterios da Administración para autorizar as cortas de frondosas e as súas condicións varían en función de factores como as especies, a súa idade, a ubicación ou o destino da madeira. No sector forestal, unha queixa recurrente é que, con frecuencia, os permisos para a corta de frondosas só permiten o aproveitamento dun 30-40% dos pés, o que dificulta as cortas.

Para definir os criterios de corta, en parcelas de menos dunha hectárea ubicadas en solo rústico forestal, o persoal do distrito forestal aplica as directrices dos modelos silvícolas publicados pola Xunta para as distintas especies forestais, segundo explica o axente forestal José Luis Lage (Distrito II, Betanzos). Estes modelos marcan desde os criterios de plantación e coidados silvícolas ata o método de corta final.

No caso das frondosas caducifolias, os modelos de determinadas especies, como carballos ou rebolos adultos, establecen a necesidade de deixar unha reserva de arborado, se ben noutros casos permítense cortas a feito, é dicir, do total dos pés da parcela, ou recoméndase a corta a feito en faixas ou bosquetes, como no caso do bidueiro.

No caso de parcelas con frondosas caducifolias diferentes, como sabemos que tratamento silvícola aplica?. Segundo aporta Lage, neses casos “procédese estimando cal é a especie predominante para determinar o modelo silvícola concreto”.

Con respecto a aquelas superficies de corta que superen a hectárea, e nas cales se atopen masas de caducifolias, “a Lei de Montes obriga á presentación dun ‘Plan técnico de cortas’ no que se detalle o inventario, usos de corta, etc.” -explica o axente forestal-. “O plan debería contar coa información e documentación necesaria, ademais de facer constar a intencionalidade de volver a plantar coas mesmas especies, ou con outras similares do anexo I da Lei de Montes”, detalla.

En montes mixtos, con piñeiros e eucaliptos, nos que non exista unha masa continua de frondosas caducifolias “existe unha dificultade condicionada polo contexto, por iso é necesario atender caso a caso”, comenta Lage. Neste suposto,”procédese a facer unha estimación daquelas árbores que son danos ineludibles á hora de cortar as especies para as que formulas a solicitude”, especifica o axente.

Situación e perspectivas de futuro

A ampla presenza de masas de frondosas caducifolias en Galicia, cunha superficie que ronda o medio millón hectáreas, choca co seu escaso aproveitamento industrial. “O que nos estamos atopando é que o principal aproveitamento é leñoso” -comenta o presidente de Fearmaga, Elier Ojea, dono dun serradoiro familiar en Ourense-. “En moitas partes, pola falta dunha correcta xestión forestal e de aplicación dun tratamento silvícola, moitas árbores nacen unhas enriba de outras, tortas ou pequenas”, confirma o presidente de Fearmaga.

Elier Ojea fai fincapé na necesidade de mentalizar á xente da importancia de “darlle un coidado adecuado ás frondosas caducifolias, xa que é a maneira de conseguir un prezo adecuado, e, así mesmo, evitar a súa importación”.

Desde a Asociación Forestal de Galicia, o seu director, Francisco Dans. subliña que Galicia é un territorio frutífero para este tipo de árbores, pero apunta que “se queremos aumentar a superficie de frondosas, que a xente as coide, e extraer madeira de calidade, hai que cambiar a perspectiva”.

“O das frondosas trátase dun mundo por desenvolver, sobre o que nós estamos tratando de divulgar técnicas e procedementos modelo, con cursos como os que facemos no monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón)”, destaca Francisco Dans.

“As novas plantacións específicas, tanto de froiteiras como madeireiras ou mixtas, teñen grande importancia na interface agropecuaria de Galicia, representando un futuro moi interesante”, destaca Francisco Dans. O director da Asociación Forestal de Galicia considera que “hai moitos terreos nos que se poden instalar estas especies -incluso con mellora xenética-, e cunha boa silvicultura, representan unha boa oportunidade na xeración de madeira de valor”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información