Apróbanse melloras para o pago dos seguros agrarios

Publicidade
Apróbanse melloras para o pago dos seguros agrarios

Xeadas no viñedo

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación promoveu, a través da Entidade Estatal de Seguros Agrarios ( ENESA), unha mellora no acceso ao financiamento das pólizas de seguros agrarios, que se materializou nun adenda que subscribiron a Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. ( Agroseguro), e a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria ( SAECA).

Coa firma desta adenda rebáixase o custo das pólizas de seguros agrícolas (de viñedo, cereais, forraxeiras, pastos, pataca..etc) que poden optar ao seu fraccionamiento, pasando de 1.000 a 300 euros, equiparándoos así cos seguros gandeiros. Deste xeito, calquera asegurado que subscriba unha póliza agrícola cuxo custo, unha vez deducidas bonificacións e subvencións (custo ao tomador) sexa igual ou superior a 300 euros, poderá beneficiarse desta ferramenta e fraccionar o custo en dous pagos.

Unha mellora que é de aplicación para os seguros do Plan 2018, cuxo inicio de contratación comezou o 1 de setembro, polo que se facilita o acceso ao fraccionamiento a agricultores de sectores cun peso moi importante no sistema de seguros, por exemplo os cultivos herbáceos ou a uva de viño, entre outros.

Para fraccionar este pago é necesario que os asegurados conten co aval da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria ( SAECA). Este instrumento financeiro permite que agricultores e gandeiros, poidan aprazar ata o 90% do custo das pólizas subscritas.

Ademais, ENESA concede unha subvención adicional dun punto porcentual para todos aqueles asegurados que opten polo fraccionamiento do custo das pólizas co aval de SAECA.

Durante o pasado ano aprazouse e avalouse un importe superior a 20 millóns de euros en concepto de primas, dos que 7’4 millóns corresponderon á liña de seguro de froiteiras e 5’5 millóns ao seguro para o gando vacún.

Sindicato Labrego: “É unha medida positiva pero debería racionalizase a subida dos seguros”

Ana Eiras, responsable de Seguros Agrarios do Sindicato Labrego Galego considera que “a medida é positiva, pero debería racionalizarse a subida das pólizas de seguros”. “Se hai un sinistro por unha inclemencia do tempo, por exemplo unha xeada, para o seguinte ano o agricultor ten que pagar unha importante recarga na póliza, e cremos que isto resulta gravoso e frea a contratación de seguros agrarios, que ao non estar autorizadas as axudas directas, son a vía que nos queda a agricultoras e gandeiras para facer fronte ás adversidades climatolóxicas, agravadas polo cambio climático”, engade.

Por outra banda, a responsable do SLG demanda que, no caso concreto do seguro para viñedo, en Galicia as pólizas tamén cubran os ataques de mildiu , do mesmo xeito que ocorre noutras Comunidades Autónomas. Esta demanda debaterase na mesa sectorial sobre o seguro agrario en Galicia que constituíu a Xunta de Galicia, coa participación de entidades aseguradoras e organizacións agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información