Aprobados os plans de mellora e as axudas de incorporación do 2020

O Consello da Xunta deu luz verde á resolución da orde de subvencións da Consellería do Medio Rural correspondente a 2020 para a incorporación de mozos ao agro, a execución de plans de mellora e o desenvolvemento de pequenas explotacións. Beneficia a 278 mozos e mozas e á mellora de 715 explotacións

Obras da última ampliación acometida a finais do 2019 para 80 vacas máis en produción

O Consello da Xunta deu este venres o visto bo á resolución da orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Aprobáronse un total de 1.206 expedientes da convocatoria de 2020 destas tres liñas por valor de 43,25 millóns de euros. Estas axudas están cofinanciadas nun 2,5% pola Administración xeral do Estado, nun 22,5% pola Xunta de Galicia e nun 75% polo fondo Feader.

Seis de cada dez plans de mellora aprobados proceden de explotacións de leite, un sector que acolle tamén o 35% das novas incorporacións 

No caso dos investimentos en explotacións agrarias (máis coñecidos como plans de mellora), aprobáronse 715 solicitudes cun importe de 29,76 millóns de euros. Polo tanto, cunha axuda media por expediente de 41.600 euros. Se se analizan as achegas aprobadas por orientación produtiva, destacan o vacún de leite e o de carne, que representan o 60,5% e o 18% respectivamente das resolucións aprobadas.

Incorporación de 278 mozos e mozas

No punto destinado a facilitar o relevo xeracional, un total de 278 mozos e mozas incorporaranse á actividade agraria grazas a estas subvencións o ano pasado. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 37.000 euros por beneficiario.

Con estas achegas, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural

En total, suman 10,30 millóns de euros cos que “se garante o relevo xeracional no campo”, destaca a Xunta a través dunha nota de prensa. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6% e un 20% dos expedientes respectivamente.

Axudas a pequenas explotacións

Con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións, na convocatoria de 2020 beneficiaranse un total de 213 granxas cunha achega por beneficiario de 15.000 euros, sendo as mulleres as que máis solicitan este tipo de axuda.

Mulleres con explotacións de carne, o perfil máis habitual das solicitantes desta liña de axudas, cunha aportación de 15.000 euros por beneficiario

No caso desta liña, encabezan a repartición por orientación produtiva as explotacións de vacún de carne, que representan o 68,5% dos expedientes aprobados, seguidas polo vacún de leite co 15% dos expedientes. Respecto ao orzamento, a achega total ascende a 3,19 millóns de euros.

As axudas actuais manteranse até 2022 

“No remate do actual período de programación 2014-2020, cómpre facer balance da xestión destas achegas no rural galego”, asegura a Xunta, que aclara sen embargo que estas subvencións comezaron a executarse no ano 2016 e están prorrogadas polo Parlamento Europeo ata decembro do ano 2022.

Neste senso, “os datos relativos en canto á execución destas liñas de achegas nas cinco convocatorias son moi positivos, pois o importe total aprobado supera os 253 millóns de euros”, destaca o Goberno galego.

Balance dos últimos 5 anos: 1.878 plans de mellora aprobados e 741 incorporacións por importe total de 253 millóns de euros

Se temos en conta as orientacións produtivas dos expedientes aprobados, nas liñas de plans de mellora e incorporación de mozos destaca o vacún de leite, con 1.878 e 741 expedientes respectivamente. No caso da liña de pequenas explotacións, destaca o vacún de carne con 462 expedientes.

En canto á repartición por provincias, a de Lugo encabeza os expedientes aprobados seguida pola da Coruña, aglutinando entre ambas preto do 70% dos expedientes aprobados no período 2016-2020. Por último, a Xunta considera que “a incorporación de mulleres ten unha tendencia positiva”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información