Aprobados máis de 1,3 millóns de euros en axudas para a produción e comercialización de produtos apícolas

Aprobados máis de 1,3 millóns de euros en axudas para a produción e comercialización de produtos apícolas

O Consello da Xunta aprobou este xoves as axudas destinadas á mellora das condicións xerais para a produción e comercialización de produtos apícolas. As axudas enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) e buscan protexer a biodiversidade, mellorar a posición dos produtores e modernizar o sector. Os apoios convocaranse proximamente a través do Diario Oficial de Galicia.

O total das axudas é de 1.323.229,98€ coa previsión dunha ampliación orzamentaria de 100.000€ con base na repartición sectorial entre todas as comunidades autónomas que se vén de aprobar.

Haberá cinco liñas de intervención. A primeira será para servizos, asesoramento, mellora de prácticas, colaboración entre apicultores, contratación de persoal técnico e administrativo. Tamén se poden destinar a organizar cursos, xornadas e publicacións sobre o sector.

A segunda liña está destinada á loita contra enfermidades, invasores como a avespa velutina e a varroose. Tamén se cobren danos por adversidades climáticas, fomento de novas prácticas de xestión e repoboación de colmeas e racionalizar a transhumancia.

A terceira liña quere prestar axuda a laboratorios de análise para produtos apícolas, o estudo sobre perda de abellas e caídas na produtividade. Poderán financiarse contratacións de máis servizos de análise, mercar material de laboratorio e outras matrices de colmeas para a detección de praguicidas.

Dentro da cuarta liña, inclúense aquelas accións de promoción, comunicación e comercialización dos produtos. Ademais, poderanse contratar estudos de viabilidade e de mercado así como creación de proxectos piloto innovadores e presentar novas formas de consumo para o mel.

A quinta liña recolle actuacións de cara a mellora da calidade dos produtos mediante promoción, creación e mantemento. Incluiranse, se é necesario, os gastos de certificación e seguimento da cadea de calidade, entre outros puntos.

As persoas beneficiarias poderán ser titulares de explotacións apícolas, mesmo titularidade compartida e agrupación de apicultores. Para o acceso ás achegas, os solicitantes deberán ter realizado actividades apícolas con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación de solicitude e ter titularidade individual de 15 colmeas ou 50 colmeas en caso de facer transhumancia. As agrupacións de apicultores deberán ter mínimo 1.500 colmeas.

Estas axudas súmanse ás publicadas recentemente para o período estendido do Programa nacional apícola 2020-2022, é dicir, desde o 1 de agosto ao 31 de decembro do ano 2022, que contaron cunha dotación orzamentaria de 80.000 euros.

Importancia do sector

Desde a Xunta lembran que a apicultura xoga un papel fundamental na conservación da biodiversidade dos hábitats e na sustentabilidade da economía, polo seu labor de polinización dos cultivos. A Comisión Europea considera que as abellas contribúen anualmente con 22.000 millóns de euros á agricultura europea.

Desde o goberno autonómico foise aumentando a contía das axudas até chegar o pasado a máis de 2.000 explotacións beneficiarias con case 190.000 colmeas, o dobre que o acadado sete anos antes. Galicia conta coa indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia. Segundo os datos de 2021, na nosa comunidade comercializáronse case 230 toneladas de produto amparado por este selo cun valor estimado de case 2 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información