O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan director da industria forestal-madeira 2026- 2028, a primeira gran folla de ruta para consolidar un sector clave para a economía galega e reforzar a súa posición como referente nacional e internacional. O plan mobilizará preto de 114 millóns de euros e inclúe 88 medidas orientadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a competitividade das empresas co obxectivo de xerar emprego estable, de calidade e de alto valor engadido.
A industria forestal-madeira foi declarada sector estratéxico pola Xunta en 2024, en recoñecemento ao seu peso económico e á súa capacidade de vertebrar o territorio. Na actualidade, a cadea monte-industria representa arredor do 1,6 % do PIB galego, factura preto de 3.000 millóns de euros ao ano e xera máis de 14.000 empregos a través dun tecido formado por arredor de 1.800 empresas. Ademais, presenta o 5,5 % da cifra de negocio total da nosa industria e representa máis do 30 % dos establecementos en 52 dos 313 concellos de Galicia.
Con base nestes datos, o Goberno galego elaborou un plan director en colaboración cos principais axentes da industria forestal –empresas, traballadores, agrupacións industriais, centros tecnolóxicos– que recolle cinco eixes de actuacións e sete ámbitos de prioridades que, pola súa vez, inclúen unha batería de 88 medidas en ámbitos tan diversos coma a internacionalización, a dixitalización, a competitividade ou a innovación.
Entre as actuacións previstas para executar ata 2028 destacan o impulso á automatización dos procesos produtivos e á incorporación da intelixencia artificial nas empresas, pemes e microempresas, a creación de obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística, o apoio a proxectos de ecoinnovación e segunda transformación da madeira, a promoción de ferramentas colaborativas sectoriais e o reforzo da internacionalización para abrir novas oportunidades de negocio nos mercados exteriores.
Igualmente, promoverase a implantación de sistemas de rastrexabilidade avanzada e fomentaranse encontros entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implantación de ferramentas colaborativas sectoriais nos eidos da dixitalización ou a loxística avanzada, susceptibles de optar ás axudas tanto galegas coma estatais.
O documento tamén aposta por impulsar o uso da biomasa, facilitar o acceso ao financiamento, promover a madeira como material estratéxico na construción e avanzar na valorización dos recursos forestais baixo criterios ambientais e sociais.
O Plan director da industria forestal articúlase de forma complementaria co Plan forestal de Galicia, co obxectivo de asegurar unha adecuada coordinación entre ambos os instrumentos estratéxicos, o que evitará duplicidades e reforzará a coherencia das políticas públicas.
Outros oito sectores estratéxicos
Ata o de agora, o Goberno galego declarou oito sectores como estratéxicos para a economía, ademais do sector forestal. Son os seguintes: a automoción e a construción naval, que xa contan con cadanseu plan director aprobado; a industria das TIC, o sector da industria alimentaria, o da función loxística, a industria da construción, a metalmecánica e o sector téxtil e da confección.
A elaboración dos plans directores dos sectores declarados estratéxicos forma parte da estratexia de promoción industrial da Consellería de Economía e Industria e complementa o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.
Galego









Control OJD