Aprobado o decreto para coñecer o prezo de venda do leite da industria á distribución

O Consello de Ministros aproba a normativa, que ve a luz tras medio ano de trámites. Medio Rural destaca que transparentar a cadea de valor do leite “beneficiará ós gandeiros”

Aprobado o decreto para coñecer o prezo de venda do leite da industria á distribución

O decreto aumentará a transparencia da cadea de valor do leite.

O decreto que permitirá coñecer a que prezo lle vende o leite a industria á distribución xa ten a aprobación do Consello de Ministros, o último obstáculo pendente antes da súa publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE). Logo de seis meses de trámites, o sector agrario desconfiaba de que a norma, impulsada polo Ministerio de Agricultura, quedase nun caixón. Finalmente non será así.

O texto do decreto establece que as industrias teñen obriga de comunicarlle á Administración as cantidades de leite vendidas cada mes, con indicación dos prezos de venda e das cadeas de supermercados que adquiriron ese leite. Esa información, que terá que trasladarse antes do día 20 do mes seguinte, será logo procesada e analizada polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Agricultura entende que con eses datos poderase saber se os distintos operadores están a cumprir coa lexislación vixente e cos compromisos asinados no acordo lácteo de setembro, onde distribución e industrias se comprometeron a revalorizar o leite ó longo de toda a cadea. Se houbese grupos de distribución que presionasen os prezos á baixa, quedarían retratados ante a Administración.

A Agencia de Información y Control Alimentario (AICA) encargarase de comprobar que as industrias cumpren coas obrigas de comunicación de información establecidas no decreto. Os datos trataranse de xeito confidencial e só se publicarán datos agregados e as análises correspondentes.

Valoracións de Medio Rural
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, felicitouse pola aprobación do decreto e sinalou que se trata dunha “medida de firmeza” que vai supoñer beneficios para todos os axentes da cadea, “en especial para os gandeiros”. “Con este decreto, será posible saber quen cumpre e quen non os seus compromisos dentro do acordo lácteo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información