Aprobada a IXP Vaca e Boi de Galicia

Medio Rural agarda chegar a 25.000 canais comercializadas con este selo no 2025. A nova Indicación Xeográfica amparará reses de raza frisona, de rubia galega e das habituais razas cárnicas criadas en Galicia

Aprobada a IXP Vaca e Boi de Galicia

Bois de rubia galega. / Imaxe: CIAM.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia ultima os trámites legais para a súa posta en marcha. Hoxe públicase no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería do Medio Rural pola que se acorda inscribir a IXP no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións protexidas, logo de que non houbera ningunha alegación o seu prego de condicións.

O selo queda xa así aprobado a nivel de España e poderá comezar a comercializarse en canto logre a protección nacional transitoria. A Xunta xestionará agora co Ministerio de Agricultura o envío da documentación da IXP a Bruxelas, co fin de acadar tamén o correspondente recoñecemento a nivel comunitario.

Animais amparados
A IXP ampara a carne fresca e casquería procedente de vacas e bois de Galicia, que se comercializará en todo tipo de cortes. O selo inclúe ás principais razas de gando vacún existentes en Galicia: rubia galega, morenas galegas, asturiana dos vales, limusina, rubia de Aquitania, pardo alpina e frisona. Para que sexan recoñecidos como na IXP, os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia.

A IXP pretende rematar co uso fraudulento dos termos vaca ou boi galego, que se emprega de xeito habitual en grandes áreas de consumo

Coa posta en marcha deste selo de calidade, Medio Rural destaca que pretende rematar co uso fraudulento de termos como carne, vaca ou boi galego, entre outros. A partir de agora, será necesario demostrar a rastrexabilidade destes produtos e que cumpren as características que se establecen no prego de condicións.

Perspectivas
Esta nova indicación súmase así á de Ternera Gallega, que existe dende o ano 1994, pero limitada para animais de menos de 18 meses, cuns 89.000 canais certificados e preto de 20.000 toneladas vendidas ao ano. Calcúlase que a nova IXP de vacún podería chegar en sete ou oito anos a 25.000 canais e comercializar unhas 8.500 toneladas de carne vacún maior de calidade, cunhas 10.000 explotacións gandeiras inscritas, segundo a Xunta.

Cebo de seis meses

O prego de condicións establece os métodos de produción e as condicións de comercialización da carne da IXP. En canto ós métodos de produción, sinálase que a alimentación das reses ó longo da súa vida produtiva basearase no pastoreo, no consumo de forraxes en fresco (herba, cereais) e conservados (silo, herba seca), así como no aproveitamento doutros recursos da explotación (patacas, nabos, cereais, etc.). Cando sexa preciso, permítese complementar esa alimentación con pensos e palla.

A etiquetaxe incluirá o termo ‘Selección’ cando os animais destaquen pola súa graxa entreverada e que esta sexa de cor amarela alaranxada

Recoméndase proceder a un cebado final dos animais de alomenos seis meses, xa que o estado das carnes do animal e o seu grao de engraxamento influirán positivamente na calidade da canal. Para comercializarse a través da IXP, os bois deberán ter un grao de engraxamento mínimo de 4 (nunha escala do 1 ó 5) e as vacas de 3.

Para o acabado, recoméndase o uso de bos pastos, de silo de millo e pastone, e de alimentos complementarios (fariña de cereal, patacas, nabos, pensos). Aconséllase asimesmo limitar os movementos dos animais durante o cebo, a fin de facilitar o seu engraxamento.

Os bois deberanse sacrificar a partir dos 48 meses e a vaca terá que ter alomenos un parto

Os bois deberanse sacrificar a partir dos 48 meses, sendo castrados antes do ano de vida; en tanto as vacas deberán de sacrificarse logo de ter alomenos un parto.

Etiquetas
A carne identificarase coa etiquetaxe ‘Vaca de Galicia’ ou ‘Boi de Galicia’, segundo corresponda, así como co logo da IXP Vaca e Boi de Galicia. Poderase incluír a mención ‘Selección’ naquela carne que destaque polo seu entreverado e por presentar graxa de cor amarela alaranxada. Esa carne deberá ter ademais, como mínimo, as conformacións E, U ou R e ter un engraxado de 5 ou 4 (exceptuando 4-).

A comercialización da carne farase refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún intre. Encargarase do proceso de certificación e control dos animais e da carne o Consello Regulador das IXPs de Vacún de Galicia, que englobará tamén a Ternera Gallega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información