Aprázase a feira Cimag-GandAgro por mor do coronavirus

O comité organizador decidiu pospoñer o certame, previsto do 25 ó 27 de febreiro do vindeiro ano. A incerteza que segue existindo polo Covid-19 motivou a decisión. Mantéñense á espera da evolución da situación sanitaria para fixar novas datas

Aprázase a feira Cimag-GandAgro por mor do coronavirus

Vista dun dos pavillóns que albergou os expositores na edición pasada da feira.

A cuarta edición da Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal estaba previsto celebrar do 25 ao 27 de febreiro do próximo ano, acaba de aprazarse. Así o decidiu o seu comité organizador nunha reunión desenvolvida por videoconferencia na cal se determinou que estas datas non son as idóneas debido á situación de incerteza que segue existindo respecto ó Covid-19. Unha situación que podería supoñer importantes prexuízos para a feira tanto a nivel expositivo como respecto ao público visitante.

O Comité Organizador decidiu que é preciso esperar para fixar novas datas, xa que é esencial tanto coñecer a evolución da pandemia como realizar un traballo previo de coordinación entre recintos feirais para restablecer un calendario adecuado de eventos agropecuarios. A inmensa maioría de certames do sector aprazáronse, cambiando as súas datas e mesmo os seus anos habituais de celebración, polo que é imprescindible levar a cabo este labor.

En Zaragoza, por exemplo, a feira de gandería Figan, que tería que celebrarse no mes de febreiro, aprazou a súa data a setembro do 2021. Pola súa banda, en Silleda, o comité organizador incide na importancia de que o certame se celebre nunhas datas nas que non se vexa prexudicado de ningún xeito por posibles aspectos derivados da crise do coronavirus, garantindo así o alto nivel de resultados que caracterizan a este foro agropecuario.

Na súa última cita, Abanca Cimag- GandAgro reuniu a 544 firmas expositoras (un 39% máis que na edición anterior), das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis), o seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran éxito e o recinto Feira Internacional de Galicia Abanca recibiu a máis de 18.700 visitantes.

Representación do sector
Neste encontro telemático participaron representantes dunha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro. Estiveron acompañados polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte.

O Comité Organizador volverá reunirse no primeiro semestre do ano que vén para tomar decisións de cara a esta cuarta edición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información