A área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo anuncia o aprazamento das Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural O que non arde, que se ían celebrar esta fin de semana nos Ancares, en concreto, na Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna, do 25 ao 27 de xuño.
Estas xornadas contaban cun amplo programa de ponencias e actividades complementarias encamiñado a debullar distintas experiencias en materia de desenvolvemento rural levadas a cabo tanto en Galicia como en Asturias, e incluía tamén a reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, centrada nesta ocasión no aproveitamento do monte con gando cabrún.
A entidade provincial adoptou esta decisión, consensuada coa Asociación Ser e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, de forma preventiva, tras detectarse un caso positivo por covid-19 entre os membros da organización e á espera de que se comuniquen os resultados das probas realizadas aos contactos directos.
Tanto o aprazamento como a nova data comunicarase de forma individual a todas as persoas que xa realizaran a súa preinscrición.