Aprazada ao mércores 22 a xornada sobre maquinaria de última xeración para ensilado de herba

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude acollerá o mércores da semana que vén unha xornada técnica de carácter demostrativo sobre os últimos avances tecnolóxicos para a sega, hilerado, picado e ensilado de herba. Presentaranse tamén drons para abonado de precisión e control da colleita

ensilado herba Fendt

O CFEA de Sergude, dependente da Consellería do Medio Rural, acollerá o mércores 22 de abril, de 10 a 19 horas, unha xornada sobre manexo de maquinaria de precisión para a colleita e ensilado de herba. O evento estaba previsto para esta semana pero tivo que ser aprazado debido ás previsións meteorolóxicas adversas destes días para a recollida da forraxe como alimento de calidade para o gando.

Esta xornada técnica formativa de carácter demostrativo e práctico na que será presentada maquinaria de última xeración para a sega de herba, estendido, hilerado, picado, empacado e encintado correrá a cargo da rede de concesionarios AGCO de Galicia, distribuidores oficiales de Fendt e Massey Ferguson.

Tamén se fará unha demostración en campo do uso de tecnoloxía dron non tripulada para o abonado das pradeiras así como para o control do estado do cultivo. Esta parte será desenvolta por Especiales Coruña, empresa especializada no uso dos drons en agricultura de precisión.

Farase un estudo vexetativo do cultivo mediante tecnoloxía multiespectral para garantir as mellores condicións de ensilado da herba e unha demostración de abonado con dron

Trátase dunha xornada dirixida tanto ao alumnado do centro así como tamén a todos aqueles gandeiros en activo que desexen asistir. Para participar é necesario poñerse en contacto co CFEA de Sergude a través do teléfono 881867326 para anotarse, xa que as prazas son limitadas.

O programa será o seguinte:

1º- Estudo do estado vexetativo das plantas da parcela mediante un DRON multiespectral con cámaras térmicas e de análise do cultivo.

2º- Sega e estendido da herba da parcela mediante tractor con autoguiado GPS.

3º- Hilerado da herba con GPS e máquina hileradora con control de sección.

4º- Picadora, rotoempacadora e encintadora con cámara variable de alta densidade, para obter pacas de distintos tamaños, picado con 32 coitelas e adaptador de lonxitude de fibra. Encintado 3D para conseguir unha distribución homoxénea do plástico, un selado perfecto para unha conservación óptima e a utilización das capas de plástico necesarias en función da humidade do forraxe e o tempo previsto de almacenamento.

5º- Apilado dos bolos mediante pala telescópica con pinza hidráulica multifunción.

6º-Aplicación localizada con DRON DJI de abono foliar ou sólido segundo as necesidades previstas das distintas zonas da parcela. Transporte de carga de ata 100 kg.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información