“Apostei polos tintos do Ribeiro, cando todo o mundo estaba centrado nos brancos”

Xulia Bande leva unha vida entre vides. Esta colleiteira do Ribeiro que herdou de seu avó a paixón polos viñedos, logrou xa un gran recoñecemento polos seus viños de garda que comercializa baixo a marca Son de Arrieiro. Na súa adega de Leiro coñecemos máis sobre as súas elaboracións e viñedos

Publicidade
“Apostei polos tintos do Ribeiro, cando todo o mundo estaba centrado nos brancos”

Xulia Mar Bande, colleiteira do Ribeiro, comercializa o seu viño como Son de Arrieiro.

A carón do Avia ó seu paso por Leiro, e a poucos metros da antiga sede da Cooperativa do Ribeiro, a “pequena” adega de Xulia Mar Bande Pivida, como ela mesma fala dela, serve a modo de bastión pola recuperación e a diferenciación do viño do Ribeiro. Xulia leva toda unha vida abríndose camiño entre as cepas e no mundo do viño. Autodidacta e emprendedora, Xulia comezou hai máis de 30 anos e agora ten un proxecto consolidado e cargado de identidade.

Seu avó, que era arrieiro, foi quen despertou esa curiosidade pola viticultura nela. O propio nome dos seus viños, Son de Arrieiro, é un recoñecemento a ese legado familiar. Os viños desta colleiteira son unha aposta continua por combinar tradición con innovación.

Manter aquelas variedades tradicionais coas que traballaba seu avó levouna a recuperar castes case desaparecidas. Nun tempo no que os viños do Ribeiro só podían ser de ano, Xulia só elaboraba viños de garda. Agora volve rachar con convencionalismos e ten no mercado un rosado desta zona, aínda que sen o amparo da Denominación de Orixe (DO).

Xulia é das que goza no viñedo e na adega, para quen traballar nisto “agás cando unha xeada ou a saraiba che leva todo” é un gusto e non unha obriga. Na súa adega e tras atender unha visita, coñecemos máis en detalle o seu xeito de traballar e as súas elaboracións.

-Como comezaches no mundo das vides?
-Foi cando meu avó, que era un gran apaixonado das vides, comezou a ter dificultades para manter o viñedo. Eu quixen botarlle unha man co coidado dos viñas, pero daquela non tiña moito tempo e tampouco atopei ninguén que fixera o traballo. Isto, xunto co feito de que xa me gustaban as vides, fixo que me decidise montar unha empresa de servizos para traballar nos viñedos. Comecei cuns amigos que estaban sen traballo e ó pouco xa tiña 25 empregados repartidos por toda Galicia e o norte de Portugal.

Realmente co viño empecei xa daquela, vai facer 32 anos. Trala morte de meu avó, durante uns anos tiven que deixar aparcadas un pouco as súas viñas, porque non daba atendido a todo, xa que estaba empezando coa empresa e tiñamos moito traballo. Pero en canto puiden xa retomei os coidados do viñedo e propúxenme tamén manter aquelas variedades que traballaba meu avó e que non se vían xa por ningures e que a min me resultaban moi interesantes.

-E coa adega, cando deches o paso? Por que te decidiches?
-Meu avó, que era arrieiro, ademais facía un viño bárbaro e eu non atopaba ese tipo de uva en ningún sitio, polo que decidín recuperar as súas viñas e comezar a plantar. Ó principio fíxeno coa idea de vender a uva, pero co tempo decidín probar a elaborar o meu propio viño. No seu momento non aproveitei a sabedoría de meu avó e logo tiven que aprendelo pola miña conta. O primeiro ano que fixen viño faría uns 2.000 litros, que vendín a granel e o resto das uvas vendías directamente. Botei así uns 10 anos.

Na campaña do 2015 foi cando me decidín a sacar o meu primeiro viño etiquetado como Son de Arrieiro. Era un xeito de non ter que vender as uvas e poder apostar polos tintos, nun momento no que todo o mundo seguía dicindo que o Ribeiro era só de brancos, algo que xa foi cambiando. A sorpresa veu cando o presentamos ós Premios de Galicia nese mesmo ano e resultou o mellor tinto de Galicia. Iso fíxome pensar que igual non o estaba facendo moi mal e tomalo máis en serio. Fixemos unha reforma na adega para incorporar un equipo de frío e seguir traballando nos viños que buscaba.

-Tiñas claro que tipo de viño querías elaborar cando comezaches como colleiteira. Xa lograches dar coa receita de teu avó?
-Eu tiña un viño na cabeza e creo que aínda non cheguei a el. Sabía que uvas empregaba meu avó, pero non as proporcións e tiven que traballar moito niso. Eu son autodidacta e tiven que traballar moito porque non tiña coñecementos sobre a elaboración do viño.

“Teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona”

– Con que variedades traballas?
-Agora mesmo teño un pouco de todo. De feito, mesmo teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona. En tinto teño Carabuñeira, que é unha variedade que moi pouca xente coñece, Espadeiro (da que hai moi pouca), Raposeira e Ferrón. En brancos traballo con Albilla do Avia ou Lado, entre as variedades máis descoñecidas. Logo teño Sousón, Caíño, Brancellao, Treixadura ou Godello.

-Por que te decidiches a apostar por elas? Que che resulta atractivo destas variedades?
-Comecei a interesarme por elas un pouco por recuperar o patrimonio que tiñamos. Son variedades moi delicadas e que foron caendo en desuso por ser menos produtivas. Un ano tes colleita e outro pode que case non teñas nada. Moitos deixaron de ter estas variedades porque non se lograban grandes cantidades de uva cando, en pleno auxe do Ribeiro, as grandes adegas só buscaban ter quilos de uva. Fomentouse que moita xente perdera estas variedades e foi unha mágoa porque moitas delas son resistentes mesmo a enfermidades como a filoxera. Ademais, estaban adaptadas ás condicións de aquí. Para min o realmente interesante destas variedades é que son uvas de moita calidade e iso é o que che permite elaborar un viño diferenciado.

-Como está sendo o proceso de recuperar estas variedades?
-Teño a sorte que ó ter a empresa de servizos recorro moito viñedo e sempre atopas plantas interesantes. Mesmo teño levado á Evega plantas para que identifiquen porque non eramos capaces de saber que caste era. Tes que andar buscando por plantas en viñas moi vellas, como algunhas das que teño que teñen máis de 80 anos. De aí vas aproveitando algunha testemuña para poder ir enxertando.

O malo é que antes non plantaban con criterio. Se secaba unha planta podían plantar unha cepa tinta no medio dunha parcela de branco. Así, agora resulta máis difícil facerte con elas. É un labor importante, pero que xa estou facendo para os que veñen detrás, realmente eu pouco proveito lle vou sacar.

-Que superficie manexas?
-Miñas teño sobre unhas 3 hectáreas. Foi moi difícil chegar a ter esta superficie. Partíamos de 3.000 metros herdados de meu avó e meus tíos. Para xuntar esta terra tivemos que mercar 178 parcelas, moitas delas de propietarios que estaban emigrados. Isto atrasou moitos anos o proxecto. Logo teño tamén sobre 8.000 metros cadrados de viñedos arrendados. Son viñedos moi vellos, normalmente con accesos complicados e que non se poden mecanizar.

“Fago coupage de variedades e de zonas porque cada caste compórtase de distinta maneira dependendo do sitio e dá un viño moi diferente”

-Onde tes estas viñas?
-Fago coupage de variedades, pero tamén fago coupage de zonas. Así, teño viñas nas tres subzonas máis marcadas do Ribeiro, xa que se algo aprendín nestes anos coa empresa de servizos é que cada variedade compórtase de distinta maneira en cada zona e dá un viño moi diferente. Para min é moi interesante ter un pouco de todos os solos, así temos zonas de cuarzo, de granito, de xistos…

-Tes pensado incrementar a produción?
-Son máis de facer un produto diferenciado que de apostar por grandes cantidades. Ademais, o que plante agora vou ter que agardar uns 8 ou 10 anos para poder elaborar con esas uvas e xa me pillaría con 68 anos… Si é verdade que sigo collendo fincas que me resultan interesantes, de xente que se vai xubilando e que teñen variedades das que non teño.

“Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que xa se encargan de rozar e do abonado”

-Que manexo fas do viñedo?
-Nós facemos viños naturais, apostando pola mínima intervención, aínda que non estamos en ecolóxico. Aquí é bastante sinxelo facer un viño ecolóxico en adega, pero na viña é practicamente imposible, segundo me demostrou a experiencia. Digamos que fago unha viticultura ecolóxica con sentido común, xa que non me podo permitir o luxo de perder toda a colleita, pois vivo disto. Facemos moi pouca intervención, de feito non aplicamos ningún herbicida.

Temos un manto verde todo o ano, con vexetación espontánea, xa que o que naza en cada sitio indícache as carencias da terra co manexo que estás a facer e guíate un pouco sobre o que tes que facer. Damos moita rozadoira de mochila, cando hai moita vexetación. Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que se encargan de desbroce e abonado e botan alí 6 meses. Como imos a producións baixas, de 1,2 quilos por planta aproximadamente, chéganos con este abonado sen máis aporte. Tampouco empregamos insecticidas, nin acaricidas ou produtos sistémicos.

-Estás ti soa na adega ou contas con colaboración?
-Conto con Benigno Freijedo, a miña parella e a metade imprescindible deste proxecto. Eu son máis a que matina nas elaboracións, pero el encárgase en gran medida do coidado das viñas e de botar unha man na adega.

Xulia Bande_a argallada de Xulia

-Xa na adega, mimas especialmente algún proceso na elaboración do viño?
-Na adega, cada viño ten a súa fermentación e os seus tempos e temperaturas, pero non podes facer moito máis para diferenciarte. O único que podes facer para buscar un viño diferenciado é traer un produto diferente á adega para que lle aporte matices. Logo, as mesturas son horas de estar probando combinacións que se me van ocorrendo e vendo se funcionan ou non. Tamén é verdade que todo o que fixen ata o momento non houbo nada que non sacara ó mercado.

-Como son os viños que elaboras?
-Son viños naturais e diferentes, alo menos esa é a pretensión. Buscamos que sorprendan ó consumidor, por iso optamos por as variedades diferenciadas e distintas zonas, xa que agora mesmo hai moita xente facendo moi bo viño.

-Cantos viños comercializas nestes momentos?
-Temos seis viños no mercado. Gústame experimentar e vou sacando distintas elaboracións. Todos eles son viños de garda, que alomenos pasan dous anos na adega antes de saír ó mercado. Os viños cos que comecei Son de Arrieiro, branco e tinto, son viños que botan cando menos un ano en depósito e outro na botella. Temos Son de Arrieiro sobre leas, que está 15 meses en crianza de leas e que sae da adega como mínimo con 3 o 4 anos. Logo temos Son de Arrieiro añadas (branco e tinto), unha elaboración de 6 anos en adega, un coupage de 3 ou 4 colleitas, dependendo das características de cada unha delas.

Ó ser viños naturais, dependendo de como sexa o ano vai determinar moito o resultado, polo que eu tento xogar co que me aporta cada unha delas. Ademais, teñen un paso moi lixeiro por madeira. O ano pasado por primeira vez fixen un rosado, aínda que está fóra da DO, porque como din: ‘é algo que nunca se fixo aquí’. Eu son das que digo que alguén debe ser o primeiro… A verdade é que encantou e teño xa o outro para sacalo e agardando que teña o mesmo éxito. A este púxenlle A argallada de Xulia, precisamente por non ter a DO e adícollo así ó Consello Regulador para ver se abren o abano e nos deixan medrar, xa que tamén é necesario.

-Algunha novidade máis na que esteas inmersa?
-Estamos traballando cun monovarietal que polo momento apunta moi ben, aínda que non me quero adiantar nin dar máis detalles polo momento.

“Tódolos meus viños son de garda. Paréceme moi interesante como evolucionan os viños do Ribeiro e creo que se perde moito vendéndoos pronto”

-Nunha terra como o Ribeiro, como resultou apostar por viños de garda?
-Foi unha das cousas que a xente non entendía ó principio, sobre todo os viticultores do Ribeiro. Dicíanme que o Ribeiro é un viño para beber no ano, que senón derrámase. Agora iso cambiou e a tendencia é a ir agardando para vendelos e non perder no camiño todo o que poden aportar estes viños. Paréceme moi interesante como evolucionan e creo que se perde moito vendéndoos moi pronto.

-Como ves o Ribeiro na actualidade?
-O Ribeiro está nun moi bo momento, se o sabemos aproveitar coido que vai ser moi interesante. Estanse elaborando viños de moi boa calidade e iso nótase no mercado nacional e internacional, xa que cada vez vén máis xente para ver se é verdade o que contamos. Estamos despertando o interese fóra, nótase que a xente ven buscando o Ribeiro. Se hai unha remuda xeracional, que é o problema máis grave que temos, isto pode chegar a moi bo porto, porque o Ribeiro acaba de renacer.

-En que mercados teñen presencia os teus viños?
-O noso é un viño que se comercializa para restauración e en tendas gourmet. Vendemos moito en Galicia e en Asturias. Temos moito na Coruña e Lugo e tamén vendo bastante en Ourense, aínda que foi onde máis tarde entrei e onde máis me custou. Fíxeno cun pequeno distribuidor do Porriño que está traballando moi ben, xa que se interesou dende o primeiro día por coñecer o produto.

-Interésache o mercado internacional?
-Agora estamos moi centrados niso, xa que é onde máis valoran economicamente os viños que facemos. É un xeito de facer viable o proxecto e afianzarse no mercado. Estamos en Holanda, Inglaterra e Canadá. Esta mesma semana cerrei unha venda cuns escoceses ós que lle encantou o noso viño tras estar na adega e probando elaboracións na zona.

-Tamén tiveches xa contactos co mercado asiático…
-Tiñamos un contrato pechado por 5 anos para comercializar boa parte da produción, pero o Covid-19 atrasouno todo, xa que para eles é un viño novo que aínda teñen que dar a coñecer ó mercado.

“Botamos máis dun ano sen vender unha botella de viño. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo”

-Houbo outros inconvintes polo coronavirus?
-O Covid-19 freounos en todo, agás na viña onde tivemos que seguir traballando. Botamos máis dun ano sen vender nin unha botella de viño, ó pecharnos a hostalaría. Ademais, pilloume coa páxina web a medio facer. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo ata quedar sen viño preparado para sacar ó mercado. Non foi só que non se vendese o viño, agora temos dificultades para atopar dende botellas, ata etiquetas ou tapóns. Así teño o viño do 2020 aínda todo en depósito.

-Cambiaron tamén as visitas á adega pola pandemia?
-O Covid-19 fixo que moita xente se achegase por primeira vez á adega, xa que era unha alternativa de ocio segura. Nós reducimos moito o aforo da visita, cun máximo de seis persoas cando antes chegamos a ter visitas de máis dun cento. O pouco viño que sacamos na pandemia foi así, coas visitas da adega. Axudounos a saír do paso e deunos a oportunidade de ensinarlle o noso traballo e historia a xente que non houbera vido noutras circunstancias. Veu moita xente nova, fixemos cultura do viño, que é un dos retos do sector.

Premios Xulia Bande

Algúns dos premios recibidos nestes anos de traxectoria.

-Acabas de recibir o premio Unha vida entre Vides da Consello Regulador da DO Ribeiro. Que significa para ti este galardón?
-É o premio que máis ilusión me fixo porque nunca pensei que fora a optar a el. Cando me chamaron por teléfono para dicirmo non llo crin. Comecei a crelo cando o vin publicado nos medios. Non podía crer que me desen un premio desta importancia a min, que teño 53 anos, cando llo levan dado a xente cunha traxectoria moito máis longa ou mesmo xa a título póstumo. Un premio coma este é o máis bonito que che pode pasar cando estás loitando pola túa terra e máis aínda sendo como son crítica co traballo da DO.

-Non foi o único premio que recibiches nestes primeiros anos de andaina. Como recibes estes premios? 
-Nos últimos tempos xa recibimos unha ducia de medallas de ouro e dous grandes ouros. Os premios son moi importantes para vender o viño, axudan a dalo a coñecer. É un xeito de que lles pique a curiosidade por aproximarse ó teu produto. O que atopen dentro é o que fará despois que repitan ou non, pero os premios axúdannos a que o consumidor se achegue ó noso viño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información