Aposta pola formación para consolidar o castiñeiro na franxa atlántica galega

A Asociación Galega das Castañas e os Soutos a a IXP Castaña de Galicia establecen unha liña de colaboración para impulsar o coñecemento do cultivo na Coruña e Pontevedra

Publicidade
Aposta pola formación para consolidar o castiñeiro na franxa atlántica galega

Imaxe de grupo trala reunión da IXP Castaña de Galicia coa Asociación Galega das Castañas e os Soutos.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia naceu hai máis dunha década centrada principalmente nas provincias de Lugo e Ourense, en tanto en Pontevedra e na Coruña só entraron no ámbito da IXP uns poucos concellos do interior, ligados á media montaña da Dorsal galega. Sen embargo, a finais do 2024, a Indicación logrou a súa extensión a toda a comunidade, o que aumenta o interese da franxa atlántica para as plantacións de castiñeiro.

O Eixo atlántico galego foi ata finais do século XIX un área tradicional con presenza de castiñeiro, pero a enfermidade da tinta fixo desaparecer a maioría de soutos e castiñeiros dos montes de menor altitude, polo que os soutos tradicionais só se conservan na alta montaña de Lugo e Ourense. Coa creación en Galicia de patróns híbridos resistentes á tinta, na primeira metade do século XX, abriuse a porta a unha recuperación do castiñeiro na franxa atlántica, que agora dá novos pasos.

A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos é un dos colectivos que máis está apostando por impulsar o castiñeiro nas zonas máis próximas á costa de Galicia, un esforzo para o que está a tecer liñas de colaboración coa IXP. Esta semana, unha representación da Asociación mantivo un encontro co presidente da IXP, Jesús Quintá, e co seu secretario, Manuel López, ademais de visitar unha das empresas de transformación da Indicación, Alibós.

“Desde a IXP ofrecémonos a colaborar en charlas e actividades de formación, pois é importante aproveitar a experiencia que xa temos e evitar erros”, valora Manuel López. “Unha cuestión que debe ter en conta calquera produtor é que castaña quere obter e como a vai comercializar. Por iso consideramos importante que a Asociación visitase unha industria e vise o proceso de calibrado, pelado e que coñeza as diferenzas da venda en fresco e industrial”, explica López.

Na Indicación sinalan tamén que tratan de potenciar a interacción de toda a cadea do castiñeiro, desde os viveiros que producen planta especializada ata produtores, comercializadores e consumidores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información