Apoios para a segunda transformación da madeira e o sector do ‘contract’

Publicidade
Apoios para a segunda transformación da madeira e o sector do ‘contract’

Proxecto de 'contract' realizado por unha firma galega nunha cadea hoteleira. / Arquivo.

Administración convocante: Axencia Galega da Industria Forestal

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200528/AnuncioG0520-100320-0002_gl.html

Prazo: Ata 29/06/2020

Resumo:

A Consellería de Economía, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha convocatoria de axudas para apoiar os procesos industriais no ámbito forestal. A liña está dirixida ás pemes e micropemes que realicen segunda transformación da madeira e ó sector ‘contract’, especializado en proxectos de mobiliario e decoración de cadeas de establecementos. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de xuño.

As axudas contan cun presuposto total de 2 millóns de euros. Espérase que se poidan beneficiar arredor de 40 empresas do sector, con apoios ata para un 50% dos investimentos e cun máximo de 200.000 euros por beneficiario. Os proxectos terán por obxectivo aumentar a produtividade; a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, ou implantar procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

A través desta convocatoria, apóiase a compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de produción da empresa e de secado da madeira, así como as obras e instalacións necesarias para a súa correcta instalación e funcionamento; a implantación de tecnoloxías da información e da comunicación, e outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo.

Ademais, tamén se poden obter apoios para a implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, de normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial. Como novidade, os proxectos desenvolveranse durante dúas anualidades para facilitar a execución do investimento polos beneficiarios.

Entre os criterios de valoración, prímase a creación de emprego e os postos de traballo indefinidos e para colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, e inclúese, entre outros aspectos, puntuación adicional se a empresa dispón do marcado CE para algún dos produtos que fabrique; se dispón de sistemas de xestión da calidade e se a xerente é unha muller.

Axudas para formación
Neste ámbito, Xera tamén ten en marcha unha nova orde de axudas por 500.000 euros para a celebración de cursos de formación específicos con asociacións, fundacións e colexios profesionais do sector forestal, que prevé celebrar 130 accións formativas e chegar a 2.000 profesionais. O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria permanecerá aberto ata o próximo 15 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información