A Xunta de Galicia apoia aos afectados polos incendios do pasado 2025 con máis de 700 axudas xa aprobadas por un importe superior aos 7,5 millóns de euros. Así o destacou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita aos terreos da comunidade de montes veciñais en man común de Barroso, en Avión, beneficiaria dunha achega, na que estivo acompañada pola directora de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e polo alcalde da localidade, Antonio Montero.
En concreto, esta comunidade de montes ten aprobada unha achega de preto de 50.000 euros para eliminar madeira non comercial queimada nunha superficie de máis de 45 hectáreas. Engadiu tamén que outras catro comunidades contan cunha axuda aprobada en Avión, cun orzamento total mobilizado de 117.000 euros.
A conselleira explicou que a axuda da que se beneficiou esta comunidade de montes contempla un máximo de 50.000 euros para os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes de xestión pública.
Ademais, no ámbito forestal, dispuxéronse de achegas de ata 100.000 euros para plantacións substitutorias, así como ata 15.000 euros para a reparación de infraestruturas de titularidade privada que se viron danadas. A maiores, tamén se puxeron en marcha apoios de ata un máximo de 50.000 euros para a reparación de maquinaria e equipamento forestal danado en tarefas de colaboración na extinción dos incendios ou ocasionados polos mesmos.
Gómez reiterou o apoio do Goberno galegos aos afectados “desde o primeiro momento” e asegurou que “sempre se estará ao seu carón”. Mantivo así que se continuará a traballar con intensidades nos próximos meses para paliar as consecuencias dos incendios do pasado verán.
Galego









Control OJD