O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade, dotadas cun orzamento de 240.000 euros.
Forman parte do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e buscan favorecer que os titulares de explotacións agrarias se incorporen ás diferentes indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe, ou aos distintivos de produción ecolóxica ou elaboración artesanal. O obxectivo é cubrir os custes derivados da incorporación durante os primeiros anos. Cómpre salientar que, na convocatoria do pasado ano, se beneficiou a máis de 630 produtores, na súa maioría inscritos na IXP Ternera Gallega e no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.
Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións inscritas no REAGA que se incorporasen a un determinado indicativo de calidade. No caso da produción ecolóxica, tamén poderán recibir axuda aqueles que xa tiveran actividade e que incorporen agora algunha nova orientación produtiva. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación.
Vanse primar aquelas solicitudes de agricultores que se incorporen por vez primeira ao réxime da agricultura ecolóxica ou que incorporen por primeira vez novas orientacións produtivas nese réxime de calidade. Tamén terán preferencia aqueles produtores que se incorporen por primeira vez a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas rexistradas nos últimos anos, as persoas mozas incorporadas á actividade, os titulares de explotacións que se sitúen en zonas de montaña e as solicitudes presentadas por mulleres. Para estas axudas, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá.
Galego









Control OJD