Apoios para promover o enoturismo nas adegas de Galicia

As axudas irán destinadas a 53 proxectos, con especial relevancia no apartado da mobilidade sustentable, no que se investirán 3,5 millóns. O presidente da Xunta, nunha visita á adega Terriña, lembrou que o Plan Territorial de Enoturismo de Galicia 2023-2025ten unha dotación de 11,5 millóns de euros para consolidar este tipo de enoturismo como vía para fixar poboación, xerar riqueza e crear emprego cualificado no rural.

Publicidade
O CEO do grupo Méndez-Rojo recibiu o Presidente da Xunta e o Director da Axencia de Turismo

O CEO do grupo Méndez-Rojo recibiu o Presidente da Xunta e o Director da Axencia de Turismo

No marco do Plan Territorial de Enoturismo de Galicia, o presidente da Xunta referiuse tamén ás tres Accións de Cohesión Territorial impulsadas nos últimos anos, cunha dotación de 11,5 millóns de euros, que están a contribuír á creación de novos establecementos turísticos e ao desenvolvementos de proxectos como a propia Adega Terriña -en Petín-, que visitou. A adega valdeorresa forma parte dos 53 proxectos beneficiarios das axudas da Xunta para iniciativas enoturísticas, cun investimento global de 5,5 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation.

Dentro deses 53 proxectos, a mobilidade sustentable ten un peso específico. Trátase de que o transporte ata e dentro das adegas teña o menor impacto medioambiental. Así, vanse destinar 3,5 millóns a accións como, por exemplo, a compra de bicicletas, patinetes eléctricos ou instalación de puntos de recarga. As axudas vanse convocar no último trimestre do ano. “Imos sacar unha orde para que haxa máis mobilidade sostible. Toda a xente que vén aquí demanda tamén eses servizos, e servirá para axudar ás adegas para poder dar todos estes servizos”, destacou Alfonso Rueda.

Rueda reivindicou a importancia de consolidar este tipo de enoturismo como vía para fixar poboación, xerar riqueza e crear emprego cualificado no rural: “Temos un futuro moi ilusionante por diante. Nos estamos incorporando a todo o que o mundo do enoturismo reclama”, apuntou o presidente.

A aposta pola calidade e a autenticidade como sinais de identidade do turismo galego centraron tamén a intervención do presidente, quen reiterou o compromiso da Xunta con proxectos que leven o selo de Galicia Calidade e que permitan ao sector abrirse ao mundo cunha oferta diferenciada e sustentable.

O exemplo de Terriña

Adega Terriña forma parte do grupo adegueiro familiar Méndez-Rojo. Para o presidente da Xunta “quen veña aquí ten a combinación perfecta: proba un viño magnífico e ademais pode desfrutar das paisaxes destes concellos”. Na visita, Rueda -que estivo acompañado polo director da Axencia de Turismo de Galicia Xosé Merelles- foron acompañados polo CEO do Grupo Méndez-Rojo Familia Bodeguera, Juan Luis Méndez Rojo, e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo.

Alfonso Rueda, Xosé Manuel Merelles, María Jesús Lorenzana e Marcos Prada, brindan cos alcaldes e alcaldesas de Larouco, A Veiga, Petín, A Rúa, O Barco e Carballeda de Valdeorras en Adega Terriña

Alfonso Rueda, Xosé Manuel Merelles, María Jesús Lorenzana e Marcos Prada, brindan cos alcaldes e alcaldesas de Larouco, A Veiga, Petín, A Rúa, O Barco e Carballeda de Valdeorras en Adega Terriña

Na súa intervención, Juan Luis Méndez agradeceu a “axuda da Axencia de Turismo” que lles permitiu desenvolver “o proxecto sólido no que seguimos traballando”, para o que “estar en Valdeorras é básico” porque “nos está abrindo portas no mercado nacional e, pouco a pouco, no internacional”. Segundo explicou, nas tres adegas que conforman o grupo, “temos unha aposta clara porque sexan visitables”, polo que as axudas lles permitiron implementar melloras como “unha nova sala de cata, unha zona de eventos, sinalización dixital, etc…

Rueda salientou que Terriña é un exemplo de como tradición e vangarda poden convivir, grazas ao impulso de proxectos que contan con apoio público. Estas achegas permitiron implementar melloras como novas salas de cata, percorridos guiados ou sinalización dixital.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información