A Consellería do Medio Rural destina este ano un total de 9,5 millóns de euros ás axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios, o que representa un incremento de preto do 12% en relación coa convocatoria anterior. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente orde pola que se convocan estas subvencións para o presente ano 2025. Poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2025 e liñas gandeiras dos plans 2024 e 2025, formalizadas no 2025.
A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados.
A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual que establece o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro.
A concorrencia das subvencións das administracións públicas non superará as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais, acontecementos de carácter excepcional, fenómenos meteorolóxicos adversos asimilables a desastres naturais, enfermidades animais, pragas vexetais e retirada e destrución de gando morto. Así, para as liñas de seguros agrícolas e gandeiras establécese un límite do 75% do custo da prima comercial base neta sen incluír as recargas. As datas de inicio e o prazo de subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no Plan anual para o ano 2025, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas de seguro de que se trate.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250115/AnuncioG0426-261224-0003_gl.html