Apoios para o aconsellamento a máis de 3.500 explotacións galegas

Apoios para o aconsellamento a máis de 3.500 explotacións galegas

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, vén de destinar case tres millóns de euros para resolver 34 expedientes no marco das achegas de aconsellamento destinadas a entidades prestadoras de servizos de asesoramento, o que permitirá beneficiar a máis de 3.500 explotacións da nosa comunidade. Así o recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A finalidade desta iniciativa é a creación dun sistema que facilite xestionar e axilizar a carga burocrática e lexislativa aos axentes do sector. As entidades prestadoras de servizos de asesoramento teñen que estar inscritas no Rexistro de Entidades con Servizo de Aconsellamento e Xestión en Galicia (Resaxega); poden ser agrupacións de gandeiros, cooperativas ou organizacións agrarias, entre outras.

O prazo de xustificación destas achegas é do 1 ao 15 de setembro; mentres que o período dentro do cal deberán realizarse os gastos subvencionables comeza mañá, día seguinte á publicación desta orde no DOG, e finaliza o 31 de agosto.

As cuestións obxecto de asesoramento están vencelladas con requisitos legais de xestión, coas boas prácticas agrícolas e medioambientais (BCAM) ou coas prácticas beneficiosas para o clima e o ambiente. O sistema de aconsellamento ás explotacións agrarias está regulado polo Parlamento Europeo e forma parte do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027, que pretende a evolución do sistema cara a servizos de apoio e innovación.

Así, as axudas contribuirán a mellorar a orientación do mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas, especialmente no ámbito da investigación, a tecnoloxía e a dixitalización. Ademais, favorecen a adaptación ao cambio climático e a súa mitigación, grazas á redución dos gases de efecto invernadoiro e a captura de carbono impulsando a modernización das zonas agrícolas e rurais, incentivando prácticas sustentables por parte dos agricultores e gandeiros.

A porcentaxe da subvención é do 100% dos gastos subvencionables e o investimento máximo será de 800 euros, a excepción daquelas explotacións que empreguen o caderno dixital ou estean inscritas nas aplicacións Contaláctea ou Contacarne, que poderán optar ata un máximo de 1.000 euros de axudas.

Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250114/AnuncioG0426-201224-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información