O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da convocatoria de 2024 das achegas para investimentos en materia de bioseguridade para os centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo.
Estas achegas, para a que se destinaron preto de 262.000 euros, están financiadas con fondos NextGenerationEU, Con elas búscase mellorar a prevención e protección fronte as enfermidades animais que cada vez son máis por motivos como o cambio climático.
As actuacións que poden subvencionarse con estas achegas son a modernización ou mellora dos equipos e instalacións existentes, reforzando as medidas de bioseguridade e contribuíndo á rendibilidade das explotacións gandeiras. Tamén se financiará a construción de novos centros, respectando os requisitos recollidos na normativa.
O investimento en bioseguridade fortalece o sector gandeiro, xa que mellora a confianza dos socios comerciais, incrementa a produción e a calidade sanitaria e reduce o risco de enfermidades nas explotacións. Isto repercute positivamente no produto final, ofrecendo maiores garantías aos consumidores.
En Galicia, hai 79 centros rexistrados de limpeza e desinfección de vehículos, dos cales 46 están anexos a establecementos, principalmente matadoiros, onde se realizan estas tarefas de hixiene.