O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da convocatoria das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade. Isto implica unha achega de case 250.000 euros para 905 explotacións.
Esta axudas teñen como finalidade incentivar a participación dos titulares de explotacións agrarias en réximes de calidade, como as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas ou en produción ecolóxica.
Os beneficiarios destas axudas poden cubrir os gastos fixos derivados da inscrición nun réxime de calidade, ademais da cota anual de participación, correspondentes á campaña que abrangue o período do 1 de maio de 2023 ao 30 de abril de 2024.
A axuda cobre o 100 % dos custos subvencionables efectuados, cun límite máximo de 3.000 euros anuais por explotación, durante un período de ata cinco anos.
Para poder ser beneficiario, os interesados deberán presentar a documentación xustificativa dos gastos efectuados e a solicitude de pagamento correspondente a través da sede electrónica da Xunta. Teñen de prazo ata o 25 de novembro -inclusive-.