A Xunta vai investir o vindeiro ano case 2,5 millóns de euros na liña de axudas para promover o uso e madeira na construción. Na pasada convocatoria, estas subvencións permitiron realizar 244 proxectos que se están a executar en 174 concellos de Galicia.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, fixo o anuncio deste investimento durante a súa visita ao hotel Amiuka, beneficiario desta liña de apoios, que emprega madeira de piñeiro galego nos seus espazos interiores, situado no concello do Pino (A Coruña). Durante o evento estivo acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos.
O programa deseñado pola XERA ten carácter bianual e na pasada convocatoria (2024-2025) recibiu 682 solicitudes, case o dobre que na anterior. Trátase de axudas dirixidas a pemes e autónomos, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto. As contías van dende os 15.000 euros por proxecto no caso das persoas físicas, ata os 120.000 no caso de obras en execución por empresas promotoras de edificacións en altura, unha novidade nesta convocatoria que conta por primeira vez cunha partida específica para este tipo de construcións.
Se a madeira empregada leva a marca de garantía Pino de Galicia, a intensidade de axuda pode chegar ao 70 por cento do gasto subvencionable
Beneficiarios das axudas
Por tipo de beneficiario, a metade dos proxectos (122) foron de pemes e autónomos para nova construción, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, de naves e de establecementos de negocio, con máximos de ata 35.000 ou 70.000 euros por proxecto. A outra metade foron investimentos de persoas físicas, para nova construción, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares, cun tope de 15.000 e 45.000 euros segundo a porcentaxe de madeira empregada; cando menos, do 20 por cento.
Cómpre sinalar, ademais, que se a madeira empregada conta co seu certificado de xestión forestal que acredite a súa trazabilidade e é de orixe galega, ou leva a marca de garantía Pino de Galicia, a intensidade de axuda pode chegar ao 70 por cento do gasto subvencionable (de non ser así atoparanse no 50 por cento).
Con respecto ao tipo de actuación, un 48 por cento é de obra nova. E, atendendo aos usos, a maioría das pemes e autónomos beneficiarios promoven proxectos e obras vinculadas a actividades de aloxamento temporal ou uso hoteleiro, como é o caso.
Galego









Control OJD