Apoios da Deputación de Lugo a 220 granxas de Rubia Galega

O programa Marela distribuirá entre 400 e 4.000 euros por explotación, en función das xatas reprodutoras recriadas na propia granxa, e contribuirá á recría de 718 animais

Apoios da Deputación de Lugo a 220 granxas de Rubia Galega

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar a resolución provisional das axudas á recría de xatas de Rubia Galega nas granxas de nacemento, convocadas pola área de Rural da Vicepresidencia da institución provincial.

As subvencións, integradas no programa Marela!, beneficiarán a 220 ganderías da provincia, que recibirán contías de entre 400 e 4.000 euros, en función do número de xatas reprodutoras (cun parto antes dos 36 meses) que realizan a recría na propia explotación na que naceron. En total, as axudas están vinculadas á recría de 718 animais.

O deputado de Rural, Daniel García, destacou a continuidade do programa, que, segundo sinalou, “se consolida como un apoio directo á recría e á gandería de vacún de carne”. García puxo en valor o peso económico, social e medioambiental desta actividade na provincia, especialmente no caso das granxas de pastoreo situadas maioritariamente en concellos de montaña.

Neste sentido, o responsable provincial subliñou o papel destas explotacións na xestión do territorio en mosaico e na prevención dos lumes, ao considerar a gandería extensiva unha alternativa axeitada para o aproveitamento e mantemento de boa parte dos espazos rurais de montaña.

As axudas do programa Marela! forman parte da aposta da Vicepresidencia da Deputación de Lugo polo mantemento e reforzo das razas autóctonas. Esta liña compleméntase co programa Morenas!, destinado a explotacións con razas bovinas, ovinas e caprinas en risco de erosión xenética.

Entre estas razas figuran a Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, así como a Ovella Galega e a Cabra Galega. A resolución desta segunda convocatoria está prevista para as vindeiras semanas. En conxunto, a área de Rural da Deputación de Lugo destina 400.000 euros en axudas directas ás ganderías de razas autóctonas da provincia.

A listaxe de ganderías beneficiarias da convocatoria publicarase o xoves 27 de agosto no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información