O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a granxa de vacún Ramos Alvite, en Mazaricos, acompañado da deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán. Na visita, González Formoso explicou como o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación axuda a impulsar o sector agrogandeiro da provincia.
Durante o ano pasado, 597 explotacións agrícolas e gandeiras recibiron axudas do PEL para crear novos empregos, modernizar as súas instalacións ou pagar as cotas de autónomos.
Secundino Ramos e Marcos Ramos Alvite, responsables desta explotación familiar situada na parroquia de Santa María de Maroñas, foron os encargados de mostrarlles as instalacións e os traballos que realizan nelas, ademais de comentar os retos futuros do sector.
Investimento en innovación e tecnoloxía
A granxa, con preto de 200 vacas, está modernizando as súas instalacións cunha forte aposta pola tecnoloxía e a innovación. Entre os avances destacan unha plataforma de muxido moderna, sistemas de control individualizado para monitorizar a saúde dos animais e sistemas automatizados para o mantemento dos establos.
Un dos elementos máis innovadores é un robot arrimador de comida, financiado cunha axuda de 17.500 euros do PEL 2024. Este robot traballa de forma autónoma, encargándose de subministrar alimento ao gando e de manter limpos os pasillos de alimentación, o que supón un aforro de horas de traballo manual.
Formoso destacou a granxa “como un exemplo da aposta pola innovación e as novas tecnoloxías na busca dunha maior eficiencia produtiva”. En 2024, das 597 explotacións agrícolas e gandeiras beneficiadas polas axudas, 90 recibiron apoio para crear e manter postos de traballo, 99 para modernización e tecnoloxía e 639 para financiar cotas de autónomos.