A Deputación da Coruña acaba de aprobar as bases reguladoras do programa de subvencións para entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña para a realización de investimentos de promoción económica durante o ano 2024.
O programa de subvencións conta cun importe total de 500.000 euros cos que a Deputación da Coruña impulsará os investimentos e actividades de asociacións veciñais, asociacións de mulleres e comunidades de usuarios de augas. Así, estas tres figuras de entidades poderán optar a subvencións de entre 1.000 e 28.000 euros ata acadar un 80 % do orzamento presentado para a execución de obras e a adquisición de mobiliario ou equipo técnico.
De xeito máis concreto, a execución de obras ou equipamentos de interese xeral no ámbito parroquial, municipal ou comarcal relativas ao saneamento e abastecemento de augas son as actuacións subvencionables no caso da figura das comunidades de usuarios de augas.
Pola súa banda, as asociacións veciñais poderán financiar a través desta liña de axudas a execución de obras ou equipamentos de interese xeral no ámbito parroquial, municipal ou comarcal como abastecemento, iluminación, acondicionamento de camiños, adecuación de locais ou compra de mobiliario ou equipo informático.
Por último, as asociacións de mulleres poderán optar a recibir esta axuda para melloras de inmobles da súa titularidade; adecuación dos locais en materia de accesibilidade, eléctrica ou contra incendios, adquisición de mobiliario ou equipamento informático ou compra de materiais de uso técnico e artístico vinculados ao desenvolvemento da programación das actividades da entidade, entre outras.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a importante labor de promoción da igualdade de xénero, participación cidadá ou prestación de servizos básicos á cidadanía que realizan este tipo de entidades, especialmente no ámbito rural. Precisamente por iso, apuntou, a Deputación debe estar ao seu lado e proporcionarlle recursos para fomentar a súa actividade.
Consulta as bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia (BOP)