Apoio da Deputación de Pontevedra á Misión Biolóxica de Galicia

Apoio da Deputación de Pontevedra á Misión Biolóxica de Galicia

A Deputación de Pontevedra acaba de asinar un convenio coa Axencia Estatal do Centro Superior de Investigacións Científicas a través do cal destina 50.000 euros á Misión Biolóxica de Galicia para que transfira o seu coñecemento aos sectores agrícola, forestal e alimentario da provincia. Deste xeito, no marco deste acordo, está previsto organizar actividades de difusión que inclúen visitas de agricultores, produtores, pequenas e medianas empresas e outros axentes á Misión Biolóxica, así como encontros profesionais sectoriais e campañas en redes sociais.

A Misión Biolóxica de Galicia está a realizar estudos en diversos ámbitos relacionados co uso de plantas e cultivos agroforestais de grande interese para a agricultura e economía de Galicia. Así, desenvolve investigación sobre millo, brásicas, leguminosas, patacas, vide, oliveiras, rosas e piñeiros, todos eles cultivos significativos na tradición cultural de Galicia e de gran valor para o patrimonio agroforestal galego. Ademais, o centro está a traballar en investigacións nos ámbitos da xenética, ecoloxía evolutiva, análises de chans e cambio global, co obxectivo de avanzar no coñecemento e no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.

A través deste convenio, a Deputación pretende trasladar todo este coñecemento e os resultados das investigacións da Misión Biolóxica aos sectores agrario, forestal e alimentario da provincia, considerando que son algúns dos que máis sofren os efectos do cambio global, xa sexa pola incidencia de enfermidades e pragas nos cultivos, pola contaminación dos chans, a severidade dos incendios forestais ou a perda de produtividade. Para isto, desenvolveranse, ao longo do ano, actividades de difusión da actividade da Misión Biolóxica e iniciativas de interacción e colaboración con estes sectores económicos da provincia.

Entre outras iniciativas, a través do convenio entre a Deputación e o Centro Superior de Investigacións Científicas, organizaranse visitas de agricultores, produtores, pequenas e medianas empresas e outros axentes dos sectores agrario, forestal e alimentario da provincia á Misión Biolóxica. Tamén se elaborarán folletos e carteis e se desenvolverán seis campañas en redes sociais centradas na promoción de resultados potencialmente transferibles, así como un catálogo cos principais resultados das investigacións realizadas. Ademais, celebraranse tres encontros profesionais con agricultores, produtores e pequenas empresas destes sectores ao longo do 2024.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información