
9.200 euros é a cantidade que vai destinar a Deputación da Coruña para a mellora das instalacións gandeiras e a adquisición de equipamento relacionado coa actividade de silvopastoreo da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común Pena-Leiro, en Rianxo.
Está previsto que esta achega facilite a mellora das instalacións gandeiras da comunidade tamén para adquirir o novo equipamento necesario para “avanzar na implantación da gandería rexenerativa e do silvopastoreo nos montes que xestiona a entidade”.
Entre os investimentos previstos figuran unha carpa para o gando, unha carpa para forraxe, colares virtuais con GPS para a creación de balados virtuais, cámaras de vixilancia, colectores de alimento e mangas de manexo para facilitar tarefas de saneamento e coidado dos animais.
Segundo o organismo provincial, a actuación beneficia directamente ás 219 persoas comuneiras rexistradas. Se ben os responsables da comunidade estiman que o impacto positivo se extenderá a toda parroquia de Leiro, con arredor de 1.000 habitantes, e ao resto do concello de Rianxo coa súa área de influencia.
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, lembrou que as liñas de axuda a entidades agrarias, labregas, forestais e de desenvolvemento rural para investimentos financiados pola institución provincial, suman este ano 224.825 euros e benefician a 38 entidades.
Durante a visita, Capelán puxo en valor o traballo que desenvolven as comunidades de montes como axentes fundamentais na conservación, ordenación e aproveitamento sostible do territorio. “As comunidades de montes son pezas clave para manter vivo o rural, coidar o monte e previr incendios”, afirmou.
Nunha visita a Leiro, a deputada destacou que “o silvopastoreo é unha ferramenta moi útil para compatibilizar a actividade gandeira coa conservación do monte, porque permite diminuír o risco de incendios e, ao mesmo tempo, xerar actividade económica”.
Capelán quixo incidir tamén en que estes investimentos “axudan a pasar dun modelo de monte centrado case exclusivamente no aproveitamento madeireiro a outro máis diverso, no que teñen cabida a gandería extensiva, a prevención de lumes, a biodiversidade e a produción de alimentos de calidade”.
A Comunidade de Montes de Leiro aposta dende hai anos pola introdución da gandería rexenerativa como vía para avanzar na prevención de incendios forestais, promover a biodiversidade, mellorar o benestar animal e dinamizar o medio rural. Consideran que o gando pode xogar un papel clave na prevención dos lumes ao alimentarse da vexetación baixa e das matogueiras, reducindo así a cantidade de material inflamable.
A Comunidade de Montes de Leiro colabora activamente con outras comunidades do concello de Rianxo e tamén de municipios limítrofes como Dodro e Boiro, a través da Plataforma pola Defensa do Monte, compartindo experiencias, coñecemento, materiais e equipamentos.
Galego









Control OJD