Martín Alemparte é dende o pasado maio director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural.
Bo coñecedor da realidade da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, onde naceu e onde reside, ademais de ter sido xerente do xerente do GDR Ribeira Sacra – Courel, falamos con el do paquete de axudas para apoiar a viticultores e adegas desta DO, unhas medidas que teñen suscitado as críticas tanto de Unións Agrarias como do Sindicato Labrego e que mesmo levaron aos produtores a manifestárense o pasado venres en Monforte de Lemos diante da sede do Consello Regulador.
-A Denominación de Orixe Ribeira Sacra vive un momento difícil, tanto adegas como especialmente os viticultores aos que este ano non se lles garante a recollida da uva, debido a un contexto xeral de descenso do consumo de viños tintos. Como bo coñecedor da realidade desta Denominación de Orixe, cólleo por sorpresa esta situación?
É unha crise que se vía vir. O punto de inflexión no que se empezou a acumular stock de viño tinto nas adegas foi tras a crise da Covid. É certo que logo houbo un certo efecto rebote nas vendas á saída do confinamento, pero séguese arrastrando unha parte importante dese viño acumulado nas adegas, coincidindo ademais cun cambio de tendencia xeral de descenso do consumo de viños tintos.
De feito, o ano pasado os prezos da uva na DO. Ribeira Sacra xa foron á baixa debido ao stock acumulado e xa as adegas advertiron de que para esta vendima non ían recoller a mesma cantidade de uva.
-En que considera que se fallou para, dende o Consello Regulador, adiantarse e reconducir esta situación na medida do posible?
Quizás se desatendeu nos últimos anos esa altura de miras que debe ter un Consello Regulador de saír da zona de confort e mirar máis cara o futuro, cunha estratexia a varios anos e tendo en conta as tendencias que se detectan no mercado.
Son de Sober e sigo vivindo na Ribeira Sacra e dende hai anos o que se comentaba no sector é que non se estaba reaccionando a tempo adoptando as medidas oportunas para mitigar ese impacto tanto nas vendas do viño como da produción de IVE, porque os datos de consumo coñecíanse e os da evolución da produción tamén.
A situación na que nos atopamos este ano é difícil porque todo iso que se vía vir chegou de golpe. Hai que reaccionar e dotar aos viños da Ribeira Sacra dunha reorientación estratéxica a medio e longo prazo para que se sitúen no mercado entre os viños de maior calidade, de forma que o prezo que se paga pola uva compense os custos de produción de facelo nunha zona de viticultura heroica.
-A Xunta de Galicia ven de anunciar unhas axudas para o mantemento da paisaxe para evitar o abandono das viñas na DO. Ribeira Sacra. En que se van concretar?
As axudas públicas que podemos dar dende a Xunta de Galicia ao sector do viño están moi reguladas, e as medidas de apoio autorizadas son as axudas para poda en verde e as de destilación de crise. A axuda por poda en verde non foi solicitada, mentres que pola medida de destilación de crise si que mostraron interese algunhas adegas: Temos autorizado un orzamento de 2,4 millóns de euros e pagarase unha axuda de 1,05 euros por litro para que as adegas podan retirar o stock de viño tinto que teñen acumulado.
A maiores, a Xunta de Galicia aprobou unha axuda para o mantemento da paisaxe vitícola dentro da DO. Ribeira Sacra, que, como sabemos, a parte do seu valor produtivo, tamén ten unha enorme importancia como atractivo turístico. Contan cun orzamento de 2 millóns de euros, de fondos propios da administración autonómica, e teñen un importe de 2.000 euros por hectárea para os viñedos situados en socalcos e de 1.000 euros para as parcelas que non están en bancais.
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra creouse no ano 1996 e dende entón só houbo dúas axudas directas para os seus viticultores: As que convocou a Xunta no ano 1999 para a recuperación das muras e esta que temos previsto convocar para finais de ano para todas aquelas persoas que teñan parcelas inscritas no Consello Regulador.
É certo que todas as axudas son mellorables, pero é un primeiro paso e a intención da Xunta é mantela nos vindeiros anos, en función da resposta do sector, e por suposto iremos realizando as melloras que sexan necesarias.
-E en canto ás axudas de destilación, para as adegas, non debería ter sido o último recurso, e apostar antes por medidas de apoio á comercialización?
Creo que deberíamos ver a situación de crise na DO. Ribeira Sacra nun contexto xeral de descenso do consumo de viño tinto, e polo tanto creo que sería inxusto atribuílo aos erros que se puideran ter cometido polo Consello Regulador nos últimos anos. Só fai falta ver o que está pasando na Rioxa ou en Burdeos onde directamente se fala de arrancar viñedo para reducir o potencial produtivo.
De feito, dende hai tempo o mercado estase inundando de viño tinto a moi baixo prezo, tanto da Rioxa e doutras denominacións, porque as adegas queren liberar stock como sexa, e iso loxicamente está engadindo aínda máis dificultades para a venda dos viños da DO. Ribeira Sacra.
No caso concreto da axuda por destilación de crise quen a ten que solicitar son as propias adegas. Dende a Xunta tramitamos diante o Ministerio, e a petición do propio sector, a axuda para destilación, na que finalmente no reparto realizado autorizaron a destinar un máximo de 2,4 millóns de euros para esta medida e por un importe de axuda de 1,05 € por litro de viño destinado. É preciso destacar que eses fondos son fondos propios da Xunta de Galicia que destina a esta medida para axudar ás adegas da D.O Ribeira Sacra a reducir os stocks de viño acumulados.
Ata o de agora o Consello Regulador comunicou á Consellería do Medio Rural o seu interese por destilar 460.000 litros, polo que a Xunta vai destinar unha partida de 500.000 euros, aínda que se poden seguir incorporando solicitudes ata ese importe que temos autorizado, de 2,4 millóns de euros. Para que nos poñamos en contexto, no caso da Rioxa no reparto o Ministerio de Agricultura autorizou unha axuda de 14 millóns de euros, pero tendo en conta que alí producen 290 millóns de litros ao ano e no caso da DO. Ribeira Sacra uns 6 millóns de kg.
-Como bo coñecedor da situación real da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cara onde que debería reorientar o seu futuro?
Creo que está claro que hai que reformular a DO. Ribeira Sacra e elaborar e aplicar un plan rigoroso e profesional para situar os noso viños nun rango que posibilite que se reciban uns prezos de venta maiores para facer fronte aos elevados custes de produción nesta viticultura heroica.
Temos tamén que ter coidado coas modas e reflexionar con calma e ben asesorados: Porque se ben é certo que agora os viños brancos están de moda, non todas as zonas da DO nin todos os tipos de viticultura son adecuadas para as variedades brancas.
O que se si comenta no sector é que hai que axustar os rendementos máximos autorizados por hectárea por parte do Consello Regulador, rebaixándoos para adecuarse á realidade, e de paso mellorar aínda máis a calidade.
Dende a AGACAL imos apoiar a promoción dos viños tintos galegos e adoptar medias de apoio á reestruturación dos viñedos, pero creo que un paso imprescindible é que haxa unha reorientación da DO.Ribeira Sacra cara un mercado de calidade que permita unha mellor remuneración tanto a viticultores como a adegas.