“Apoiamos de forma prioritaria os proxectos agrarios, pois fixan poboación no rural e evitan o abandono das terras”

A xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, Eva González, explica as liñas de traballo da entidade, que xestiona os proxectos e axudas do Plan Leader no seu ámbito territorial. Eva avoga por consolidar os GDRs como ferramenta útil para o seu entorno

“Apoiamos de forma prioritaria os proxectos agrarios, pois fixan poboación no rural e evitan o abandono das terras”

A xerente do GDR Limia-Arnoia, Eva González / Fonte: GDR Limia-Arnoia

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia Arnoia actúa sobre 25 concellos de 4 comarcas da provincia de Ourense. No seu ámbito territorial, xestiona os fondos Leader, que inclúen apoio a iniciativas produtivas, así como a proxectos non produtivos de Concellos e de asociacións sen ánimo de lucro.

Falamos con Eva González, coordinadora do GDR Limia Arnoia desde a súa creación no 2017, cando se xuntaron tres grupos de desenvolvemento rural previos, o de Avinza, que abranguía 10 concellos e que xa coordinaba Eva desde o 2009, cos da Limia e Vieiro Leboreiro. A unión permitiu chegar a un total de 25 concellos da zona suroeste e centro da provincia de Ourense.

Como presentarías este Grupo de Desenvolvemento Rural?
Estamos situados na provincia de Ourense, onde xestionamos 25 concellos de 4 comarcas -A Limia, a Baixa Limia, Terras de Celanova e Allariz-Maceda-. Tratase dun territorio bastante amplo e bastante complexo, onde se atopa unha potente actividade agrícola, unha parte do Macizo Central, un parque natural transfronteirizo (Xurés – Gerês), 2 reservas da biosfera (Allariz e Gerês-Xurés) -das 7 que ten Galicia- e zonas turísticas como Allariz ou Celanova. Isto todo converxe e fai que o territorio Limia Arnoia sexa unha zona interesante para traballar.

Sodes xestores da medida Leader no voso territorio. En que consiste o voso papel?
O eixo principal de funcionamento destes grupos é a xestión de fondos europeos da medida Leader. A Política Agraria Común ten dúas patas, a das axudas directas ó agro e a do Desenvolvemento Rural, onde se encadra a medida Leader. Son fondos europeos para o apoio á diversificación e á dinamización dos territorios rurais de Europa.

Unha cuestión que caracteriza estas axudas é que se xestionan desde a base, a través do principio de participación social. Por iso, en vez de ser fondos que se distribúen desde a Xunta de Galicia, ou desde calquera outra administración pública, xestiónanse mediante un grupo de desenvolvemento rural, é dicir, asociacións sen ánimo de lucro asentadas nos territorios, e das que forman parte tanto Concellos como outros colectivos -asociacións de mulleres, comunidades de montes, colectivos empresariais, etc.-.

Estes organismos son os encargados de dicir en que se invisten os fondos Leader e cales son as prioridades á hora de levar a cabo os proxectos que se desenvolven.

Que orientación lle deu o GDR Limia-Arnoia ás axudas dos últimos anos?
Na nosa estratexia de desenvolvemento rural participativa que se elabora cando comeza o período de programación, isto é, cando comeza a funcionar o GDR, hai que elaborar un documento en base á participación pública onde se definen cales son as prioridades dos fondos para o territorio. Nós, por exemplo, unha das cousas que tiñamos claras era que os proxectos de produción e transformación que tiveran que ver co sector agrario ían ser priorizados con respecto a outras actividades, porque entendemos que un medio rural coma o noso, estando na provincia de Ourense, ten que ter un sector agrario forte para que, logo, os outros sectores funcionen.

Chegamos á conclusión de que cando o agro se debilita moito, a poboación marcha, o territorio abandónase e é moi difícil que haxa uns bos servizos. No caso dos proxectos non produtivos, estaba a parte de patrimonio como unha das liñas prioritarias, coa idea deconservar parte da nosa cultura a través dos bens patrimoniais. Os resultados foron bos porque subvencionamos 25 proxectos relacionados con esta posta en valor.

A convocatoria para proxectos deste ano remata estes días, a finais de xaneiro.. Que perspectivas tedes ao respecto?
Xa aprobamos o reparto de fondos entre as tres tipoloxías de proxectos existentes; nós podemos subvencionar produtivos, non produtivos, e dentro destes últimos, hai unha parte pública e outra privada, isto é, podemos apoiar a Concellos ou outras entidades como asociacións sen ánimo de lucro. Ata o momento, o reparto vai estar na mesma liña que estes últimos anos, e así mesmo, pretendemos continuar cun nivel de execución alto.

Igualmente, teño que destacar que estamos moi ilusionados porque por primeira vez en 30 anos os GDR teñen continuidade, o que significa que podemos seguir traballando sen un parón. Antes había unha parada entre períodos, o que freaba o impulso que o grupo ía collendo en determinados sectores. Por este motivo, conseguimos que nos aprobaran recentemente un proxecto europeo para o estudo das diferenzas salariais e das condicións de traballo da muller no sector agrario, ademais dun proxecto do Ministerio de Turismo sobre o Camiño de Santiago.

Ademais destes, tedes algún proxecto máis aprobado ou en vías de desenvolvemento?
Nós como GDR tamén xestionamos o Xeodestino de Allariz-Maceda, que está arrancando; e temos un convenio de colaboración do GDR coa reserva da biosfera Áreas de Allariz para facer o plan de acción dos vindeiros anos, polo que estamos traballando man a man cos Concellos na elaboración de informes e outros documentos, como os plans de acción para o clima.

Pensamos queo Grupo de Desenvolvemento ten que amosarse coma unha ferramenta forte para os Concellos, de cara a xestionar dous temas fundamentais hoxe en día nos territorios agrícolas e rurais : a auga e a enerxía. Na comarca da Limia temos un problema coa auga debido á contaminación, pero está vindo un a maiores, que é a seca. Entón estamos traballando nesa liña, e en como o GDR pode ser unha ferramenta de traballo cos Concellos para avanzar nestas dúas cuestións.

O Grupo de Desenvolvemento Rural pode ser unha boa ferramenta para axudar na xestión de dous temas fundamentais hoxe en día: a auga e a enerxía

E como podedes axudar a afrontar estes problemas ambientais?
Podemos ser un instrumento de apoio aos concellos en programas de sensibilización, Por exemplo para fomentar o uso racional de auga e cambiar algunhas dinámicas de consumo. Estamos no medio de 25 concellos pequenos, cunha capacidade de xestión e financiación limitada, así que preguntámoslles: queredes que o GDR axude a deseñar unha campaña conxunta para lanzar unha mensaxe que trate de concienciar sobre a necesidade dun uso responsable da auga?.

Igualmente, o mesmo pasa coa enerxía, xa que agora temos unha ameaza -ou unha oportunidade- sobre os eólicos, entón comprendemos que o noso grupo pode ser unha ferramenta para as diferentes entidades e Concellos de cara a fomentar a participación social neste novo período.

Como valorades os primeiros anos de traballo conxunto do GDR Limia Arnoia?
Nos cinco anos que levamos con este período de programación, ao respecto do noso traballo estamos moi satisfeitos, pero non só polo traballo dos técnicos, senón porque tiñamos como meta conseguir consolidar o grupo como entidade de referencia para eses 25 concellos, é dicir, que os Concellos entenderan que o GDR continuaba sendo unha ferramenta útil no territorio, a pesar de ser máis grande.

Neste sentido, os resultados son bos, mesmamente porque temos proxectos interesantes e galardoados, coma un obradoiro de tecido do liño que recibiu premios a nivel nacional e autonómico.

Unha das decisións positivas que tomamos é a redución das cantidades que se destinan a cada proxecto: acortamos a un máximo de 100.000 euros de axuda para os produtivos e a 30.000 € para os non produtivos. Isto permitiunos levar a cabo máis iniciativas e así dinamizar en maior medida o territorio.

Fai un mes aproximadamente sacastes o proxecto Aterra, co que buscades poñer a disposición das explotacións agrarias terras que estaban abandonadas. Que acollida está tendo?
No mes de vida que ten, centrámonos en dar a coñecer o proxecto a través dos diferentes medios de comunicación. Agora, abrimos un proceso selectivo para a contratación dun técnico para Aterra, que é o que nos vai permitir que arranque “de verdade”, por así dicilo. Aínda así, xa temos parcelas metidas na plataforma e pouco a pouco imos desenvolvendo a iniciativa coa pretensión de estar funcionando ao 100% nun ano.

A partir do primeiro ano,podemos esperar dicir que xa hai certo número de parcelas dispoñibles ou de contratos asinados. En definitiva, esta iniciativa vai ser un dos grandes eixos de traballo para este período.

Presentación do proxecto Aterra. Fonte: GDR Limia-Arnoia

Presentación do proxecto Aterra. Fonte: GDR Limia-Arnoia

Tamén tedes un apartado de cursos. A quen van dirixidos e que tipos de formación inclúen?
Exactamente, dentro da nosa actividade resérvase todos os anos un 2,5% do orzamento para formación. Seguindo na mesma liña que comentamos, é formación dirixida ao sector agrario. Ata o de agora fixemos moitos cursos de industrias cárnicas, de incorporación á actividade agraria, e mesmo de apicultura e gandería en extensivo. Tentamos abordar cuestións novidosas, como cando levamos a cabo o tema de tracción animal na horta ou no sector forestal.

Tamén intentamos cubrir o tema do turismo, xa que tanto Allariz como Celanova son zonas moi turísticas. Un cambio que vamos facer este ano ten que ver cos cursos de incorporación á actividade agraria: ata fai uns meses só estaban dispoñibles en Monforte, pero agora que son accesibles online estamos dándolle unha volta para substituílos. En marzo ou abril sacarémolos xunto á estratexia que estamos abordando.

É curioso que despois de 30 anos de axudas Leader, os GDRs sigamos sendo grandes descoñecidos

Como valorades o nivel de coñecemento que ten a poboación nas vosas comarcas sobre o GDR e as posibilidades das axudas Leader?
É curioso como 30 anos despois de que nacera o Leader, os Grupos de Desenvolvemento Rural seguen sendo os grandes descoñecidos. Entendo que en parte foi pola falta de continuidade e consolidación entre os diferentes períodos. Por iso, temos unha falta importante de darnos a coñecer como entidade, das funcións que desempeñamos -non só de xestión dos fondos Leader-. Ademais, cómpre que teñamos cada vez máis funcións que nos permitan amosarnos coma unha ferramenta útil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información