Aplicarase ‘helimulching’ con palla en 166 hectáreas dos incendios de Ourense

Medio Rural actuará para reducir a erosión en áreas puntuais dos lumes de Lobios, Vilariño de Conso, Manzaneda, Cualedro, Verín e Vilar de Barrio

Aplicarase ‘helimulching’ con palla en 166 hectáreas dos incendios de Ourense

Mulching de palla en montes queimados. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural confirmou que actuará nas superficies queimadas de 6 dos incendios que houbo este verán en Ourense para reducir a erosión e perda de solo. O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, sinalou no Parlamento que se centrarán en 136 hectáreas dos lumes de Lobios (Riocaldo), Vilariño de Conso (Sabuguido) e Manzaneda (Cernada), así como en 30 hectáreas dos lumes de Rebordechao (Vilar de Barrio), San Millán do Monte (Cualedro) e Queirugás (Verín).

A estratexia a empregar será o ‘helimulching’, que consiste na solta de balas de palla desde un helicóptero. Fernández Couto xustificou nas dificultades orográficas o uso desta técnica, que require cuantiosos gastos en medios aéreos, cifrados polo sector forestal en torno ós 2.500 euros / hora de helicóptero.

O director xeral detallou as actuacións prevista en resposta a unha pregunta no Parlamento do grupo socialista, que demandaba medidas para a restauración dos montes calcinados na vaga de lumes de Ourense, que se levou por diante arredor de 10.000 hectáreas no mes de setembro.

En contestación á pregunta, Fernández Couto sinalou que é “imposible actuar en toda a superficie afectada” e precisou que a Xunta, conxuntamente con técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, evaluou as zonas afectadas por todos os incendios que tiveron máis de 100 hectáreas, así como dos 8 incendios que superaron este ano as 500 hectáreas, entrando así na categoría de grandes lumes.

Das análises realizadas, despréndese que é preciso actuar con ‘helimulching’ en 166 hectáreas en zonas puntuais de 6 lumes de Ourense, caracterizadas por factores como a forte pendente e maiores posibilidades de arrastre de terras, segundo o director xeral. Serán medidas que se adoptarán nas próximas semanas, “nun máximo de tres meses despois dos incendios, tendo en conta que a recomendación técnica é facer os traballos nos seis meses posteriores ós lumes”, valorou Fernández Couto.

Desde a oposición, o grupo socialista lamentou que pasado máis dun mes desde os lumes, non haxa persoal da Xunta facendo traballos a pé de monte de restauración das áreas calcinadas. Sobre a posibilidade de facer traballos como a sementeira de especies herbáceas, o director xeral sinalou que “é unha medida que carece de eficacia para evitar a erosión, salvo en terreos de pouca pendente”.

Debate sobre as axudas de prevención dos lumes

Outro dos puntos a debate na comisión de Agricultura do Parlamento foi o calendario das axudas de prevención de lumes. O BNG lembrou que este ano, as axudas de prevención de lumes resolvéronse no mes de setembro, en plena vaga de lumes de Ourense, e que os traballos non puideron comezar ata o mes de outubro.

“É verdade que este ano puido haber un retraso debido ó coronavirus, pero o dos retrasos é algo que vemos todos os anos e xa o falamos moitas veces. As axudas chegan un ano máis cando o lume xa pasou” -expuxo a deputada nacionalista María González-. “A convocatoria das axudas destinaba 2,7 millóns de euros para desbroces no 2020 e 2,5 millóns para o 2021, pero está claro que este ano son axudas que non cumpren os fins para os que se convocaron”, criticou.

Desde o grupo popular, sinalouse que as axudas teñen orde de execución ata o 31 de abril do próximo ano, o que permitirá que se fagan todos os desbroces previstos. A deputada popular Elena Candía, que foi a encargada de darlle resposta ó Bloque, non entrou a valorar os retrasos da Xunta na resolución das axudas, pero si criticou a outras administracións, como a Deputación de Lugo, á que acusou de non ter feito no 2019 os desbroces laterais das súas pistas ata avanzado outubro.

A iniciativa do Bloque tamén planteaba a posibilidade de que as comunidades de montes con persoal e maquinaria propia puideran acceder a executar cos seus propios medios estes traballos das axudas de prevención, pero foi algo descartado polo grupo popular, que lembrou que é precisa a presentación de tres ofertas de execución dos traballos para garantir a concorrencia competitiva.

Solicitudes de corta pola Administración electrónica

Un último punto de debate forestal na comisión de Agricultura do Parlamento centrouse nas solicitudes e declaracións responsables de corta. Desde o Bloque, planteouse que se permitira continuar coas tramitacións en papel, pois entenden que o sector forestal aínda ten dificultades de dixitalización para facer tódolos trámites pola Administración electrónica.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, descartou pola súa banda tal proposta. Chan argumentou que a axilidade que lle ofrecen ó sector forestal coa Administración electrónica sería imposible coas tramitacións en papel. “Unha persoa que presenta unha declaración responsable de corta pola Administración electrónica pode comenzar a corta no minuto seguinte. Iso é algo que lle dá seguridade xurídica ó sector e non sería posible co papel”, destacou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información